(Galicia Hoxe, Xornal, Xerais)
Arquivos da etiqueta: Manuel Rivas
Ourense: Auria, actividades do luns 11
Dentro das
actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o luns 11 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
17.00 h. Encontro con… Manuel Rivas (con prazas limitadas), e posterior sinatura de libros por parte deste autor, a partir das 19:00 h.
20.30 h. Mesa redonda: Do libro ao cine e viceversa, con Manuel Rivas, Antón Reixa e Verónica Fernández, coa moderación de Miguel A. Fernández.
Posteriormente, a partir das 22:00 h., no Centro Cutural da Deputación (Edificio Simeón), con entrada de balde até completar aforo, proxectarase a longametraxe O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa, sobre a obra homónima de Manuel Rivas.
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.
Manuel Rivas: “Este país necesita un calendario de vitorias”
Entrevista
de Iago Martínez a Manuel Rivas no Xornal:
“Xornal (X): Os protagonistas de Todo é silencio andan por aí, están tirados do real. Por que escribir unha novela e non un relato xornalístico?
Manuel Rivas (MR): Hai libros documentais moi bos sobre o narcotráfico, sobre todo os de Perfecto Conde e Felipe Suárez, e xornalistas que saben moito, como Julio Fariñas ou Elisa Lois. En ningún momento pensei en facer algo semellante. Todo isto que conto, esa herba da memoria que foi traballando na cabeza durante anos, levábame dereito á ficción. Pretendía contar unha boa historia, o que non implica un desapego ou unha falta de compromiso, e quería situalo nunha especie de intemporalidade, aínda que estea contextualizada entre o 68 e os oitenta. Conto o que pasou doutro xeito. É o Mariscal, o capo, un cínico que me ten enfeitizado, quen conta a novela. É o lado escuro o que fala en Todo é silencio. E dinos moito máis, desvenda moito máis a realidade que as fontes oficiais. (…)
X: Non é certo que a intelixencia, no canto de procurar alternativas ou construír unha historia das conquistas, desbalde o tempo en certificar ciclicamente iso que chaman o fracaso colectivo?
MR: Estou de acordo. Cabréame moito, cando falamos de loitas, cando fago repaso ás verdadeiras mobilizacións… Aquí tiñamos todas as cartas para que puxesen unha central nuclear en Xove. Aquí, en fronte de Fisterra, tiñamos o maior vertedoiro de lixos radiactivos do mundo. Íase facer unha celulosa en cada ría. Por que non pensamos en que todo iso se evitou? Por que non pensamos en como se evitou? Moi fácil: con moitísima xente na rúa. Moitísima xente aguantando alcumes, desprestixio. Eramos anarquistas, comunistas, nacionalistas, radicais… Mayor Oreja dixo que eramos batasunos. Gustaríame que o proceso xurídico do Prestige non acabase sendo un desastre, pero iso xa non depende de nós. No que dependeu da xente cambiáronse as regras do xogo. A ver que goberno volve facer o mesmo. Cambiouse a lexislación europea. Mesmo diría que os poderes da Coruña deberían ser honestos e recoñecer que iso que se está a facer aí, o porto exterior, por moi discutíbel que sexa, foi posíbel pola reacción popular. Gábanse de non sei que cando foi grazas a que a xente, cando a expulsaron de María Pita, ocupou o resto da cidade mentres se celebraba o Consello de Ministros. Se fosen honestos, recoñeceríano. É un mínimo moral. As confrarías, unhas honestas e outras que calan como petos, saben que o que se cobrou foi porque a xente saiu á rúa. Aí é onde está a diferenza entre a Galicia que loita polo ben común e pola liberdade e esoutra Galicia deshonesta que o único que fai é chuchar como unha sambesuga a outra Galicia. Hai que loitar sen esperar ningunha medalla. Loitar para gañar, para conseguir as cousas. Reganosa non debería estar onde está, aí perdemos, pero hai que recordar que en Xove non hai unha central nuclear. Este país necesita un calendario de vitorias. Semella que o reparto da terra en Galicia veu dado ou foi unha concesión romana, cando foi unha loita tremenda que non acabou até a redención total de foros nos anos trinta do século XX. É tremendo pensar que moita xente pensa que os roxos lle van vir quitar a terra cando foron os roxos os que lla deron. E moita xente morreu nesa loita. En Galicia o que se fai é borrar continuamente a causalidade das cousas. A relación entre os movementos sociais e a realidade. As conquistas. Coma se todo fose unha dádiva. Se hai unha autonomía é en boa parte pola lingua, é lamentábel que agora se use para desarmar esa lingua. É un esperpento. En Galicia hai razóns abondo para estar todo o día na rúa. Se cadra haille que dar tempo á xente. Ao mellor está rumiando, como o escritor.”
Manuel Rivas: “A boca é para calar”
Manuel Rivas: “Todo é ficción, mais todo é verdade”
Entrevista
de Daniel Salgado a Manuel Rivas en El País:
“Todo é silencio, na rúa da man de Edicións Xerais o 14 de outubro, traza a historia da economía ilegal na Galicia da segunda metade do século XX. Pero faino suspendendo a trama no aire. “Gustaríame dicir, con John Ford”, argúe o escritor, “que todo é ficción mais todo é verdade”. A metamorfose que levou do estraperlo de rubio de batea ao narcotráfico conectado, internacionalmente, a varias bandas acontece nun lugar imaxinado, Brétema. “Non é un libro documental, como os grandes grandes traballos de Perfecto Conde ou Felipe Suárez sobre o tema, ou o traballo xornalístico de Elisa Lois ou Julio Fariñas”, argúe, “pero eu quería escribir unha boa historia, e iso implica verosimilitude”. Non hai referentes concretos en Todo é silencio e, porén, nada é mentira: “O mesmo escenario está prendido da realidade”.”
Illa de San Simón: acto literario-musical Os libros arden mal
O
sábado 25 de setembro a partir das 18:00 h. celébrase na Illa de San Simón unha performance literaria e musical sobre Os libros arden mal, onde Manuel Rivas estará acompañado polo cantante de tangos Marcos Meléndrez, o guitarrista Gastón Rodríguez e o gaiteiro, cantante e serruchista Pulpinho Viascón. Neste concerto escénico, palabras, música e imaxes van construíndo un espazo de re-existencia e de memoria sensorial sobre as cinzas da desolación. O punto de partida do relato e do espectáculo é un episodio real: a queima de libros das bibliotecas populares na dársena da Coruña, en agosto de 1936, e vai seguindo o rastro do fume que desprenden as fogueiras, ata que nas esquinas da historia escóitase o clamor de tangos, a melancolía indómita do mar, o serrucho que sona como un violín… As persoas interesadas en asistir deberán formalizar previamente a súa reserva para facer uso do transposte marítimo que AGADIC se habilitará para a ocasión. O barco partirá, tanto o sábado coma o domingo, ás 17:00 horas do porto de Vigo. As reservas haberán de realizarse tanto por teléfono (902 022 537) como por mail (loa@viaxesloa.com) ata cubrir a capacidade da embarcación.
Santiago: participación de autores galegos no IBBY nas xornadas do sábado 11 e domingo 12 de setembro
Dentro
das actividades para o sábado 11 de setembro no 32º Congreso do IBBY que se celebra No Pazo de Congresos de Santiago, esta é a participación de autores galegos:
– 14:00 – 15:30 h. Sala Santiago: Mesa redonda sobre Minorías lingüísticas, presentada por Mingzhou Zhang (China) e coordinada por Elizabeth d’Angelo Serra (Brasil), coa participación de Fina Casalderrey, Miriam G. Möllers (Alemaña) e Jant van der Weg-Laverman (Holanda).
Para o domingo 12, derradeiro día deste Congreso, esta é a participación galega:
– 09:30 – 10:45 h. Sala Santiago: Conferencia plenaria de Manuel Rivas: A literatura infantil e xuvenil dende (como) insurxencia poética, coa presentación de Asun Agiriano.
– 11:15 – 12:30 h. Sala Santiago: Obradoiro Developing Literary Understanding across International Lines. A Readers Theatre Performance in Five Acts, impartido por Elizabeth Poe (Estados Unidos). Participan: David Almond (Reino Unido), Marcos S. Calveiro, Ana Maria Machado (Brasil) e María Reimóndez.
– 11:15 – 12:30 h. Sala Obradoiro: Panel de editores, coordinado por Víctor F. Freixanes, coa participación de Jacqueline Kergueno (Francia), Catherine Mitchell (Canadá), Akoss Ofori (Ghana) e Dolores Prades (Brasil).
– 14:00 – 15:30 h. Sesións de comunicacións na Sala 12 coa temática: Promoción lectora – Internet, presentada por Blanca-Ana Roig, con autores de diversas procedencias.
Santiago: A forza das minorías, 32ª edición do Congreso do IBBY
No Pazo de Congresos
de Santiago celébrase entre o mércores 8 e o domingo 12 de setembro a 32ª edición do Congreso IBBY (International Board on Books for Young People), que reunirá a centos de expertos en literatura infantil e xuvenil para abordar a importancia das minorías nun mundo globalizado. O evento, organizado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española da IBBY, desenvolverase baixo o lema A forza das minorías e incluirá conferencias e mesas redondas que analizarán o impacto das minorías, xa sexan étnicas, lingüísticas, relixiosas ou de xénero, na vida dos nenos e nenas. Ademáis das ponencias e das mesas redondas, ao longo dos días do congreso realizarse en Santiago unha serie de actividades paralelas entre as que destaca a entrega dos Premios Hans Christian Andersen 2010, considerados como os máis prestixiosos galardóns da literatura infantil e xuvenil a nivel mundial, ao escritor británico David Almond e a ilustradora alemá Jutta Bauer.
Nas ponencias participarán especialistas de todo o mundo como Heidi Cortner Boiesen (Noruega), Emilia Ferreiro (Arxentina/México), Olayinka Koso-Thomas (Nixeria/Serra Leona), Lygia Bojunga (Brasil) e Carole Bloch (Sudáfrica). Galicia estará representada por Víctor F. Freixanes, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, María Reimóndez, Blanca Roig ou Marcos S. Calveiro. O programa completo pódese descarregar aquí.
Manuel Rivas e Quico Cadaval na Feira Internacional de Literatura de Bos Aires
Manuel Rivas
e o actor e director teatral Quico Cadaval serán os grandes representantes galegos na segunda edición do Festival Internacional de Literatura de Bos Aires, que reúne até o próximo domingo na capital arxentina destacados autores chegados de todo o mundo.
Quico Cadaval será o primeiro deles en intervir o sábado coa súa actuación Fantasmas Familiares. Con este espectáculo, Cadaval levará até as rúas de Bos Aires unha peza oral artellada ao redor dos relatos populares sobre fantasmas. O actor e director teatral afonda na épica que procede da tradición tabernaria. O resultado que amosa o actor en Fantasmas familiares é un tecido narrativo onde se dan a man a cultural popular, os contos tradicionais e o singular sentido do humor e da narrativa de Cadaval. Na súa intervención aparecerán personaxes tan diversos como son os mariñeiros vingativos, os raptores de menores, os mecánicos supersticiosos ou os cándidos borrachos.
Pola súa banda, Manuel Rivas participará nunha mesa redonda con outros autores para disertar sobre a importancia da trama no argumento das obras literarias. Baixo o título La trama es lo que cuenta, Rivas amosará o seu punto de vista de como se planifica a arquitectura dunha obra literaria.
Desde o Xornal de Galicia.
A Coruña: presentación de Ein Rosenfeure, das uns Verstört, 4 Dichter aus Galicien, 4 poetas galegos
O venres 3 de setembro,
ás 20:00 h., no Fórum da Fnac da Coruña, desenvolverase un recital con motivo da presentación da antoloxía bilingüe alemán-galego: Ein Rosenfeure, das uns Verstört: 4 Dichter aus Galicien, 4 poetas galegos, publicado polo Centro de Estudos Galegos de Kiel (Alemaña), no que intervirán os seus autores: Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xulio L. Valcárcel e Xosé María Álvarez Cáccamo.