Morreu a Mestra da Memoria María da Vrea

A AELG lamenta fondamente a perda de María da Vrea, Mestra da Memoria en 2025, que faleceu o 24 de marzo de 2026, aos 93 anos de idade.

Lembramos aquí un fragmento da laudatio que lle dedicara Calros Solla:

“María Conceución Fraíz Canaval naceu na casa da Vrea e lugar de Covas o 3 de agosto de 1933. Foi a máis nova de catro irmáns (algún outro malogrouse). María, filla de Ramiro Fraíz Iglesias (A Insua-Castrelo) e de Xosefa Canaval Matelo (Folgoso), enfeita o seu nome de pía co chamadeiro da Vrea, xa que a casa familiar se ergue ao pé da Vrea Vella, unha ancestral vía de comunicación que atravesaba, de oeste a leste, o sur do territorio de Cerdedo.
María foi un case nada á escola (“Aprendín as catro reghras e pouco máis”), porén soletreou dende cativa un moito do catecismo do labrego, é dicir, da vida suxeita e sacrificada do agro. Ela mesma recorda o que se dicía daquela: “O traballo do neno é pouco, e quen o desproveita é un louco”. O migallo que asistiu á escola rendeulle ben, pois, amais da lectura, da escritura e dos rudimentos matemáticos, boa parte do seu repertorio en castelán (romances, cancións, oracións…) deprendeuno na unitaria de Folgoso (escola mixta con tabique segregador), ao coidado da mestra Manuela Cachafeiro: “Liamos esas poesías nos libros, e a min quedábanme”. Se había que atender a visita do inspector e María non estar presente, a mestra non dubidaba en ila buscar á casa, para deixar a institución docente en bo lugar. A memoria da cativa era un valor seguro. De calquera xeito, a escola da posguerra era un niño de piollos (“neghros, no pelo neghro; brancos, no pelo loiro”) e os nenos aldeáns, descalzos e remendados, de acudiren luxados á lección, debían antes lavar as mans e a cara na auga da presa.
Alén do ensino regrado, a devoción que lles profesaba á súa nai Xosefa (Pepa) e á súa avoa materna Filomena Matelo Canaval (Mamá Filomena), e mais a escoita atenta e respectuosa das voces anónimas do pobo fixérona herdeira dun mesto e vizoso saber: coplas, adiviñas, contos, refráns…, expresados con primor na nosa lingua. Ai, canto deron de seu aqueles seráns, aquelas rúas e esfolladas…! No lecer ou na angueira, no loito ou na troula, canto se aprendía dos vellos! Os seus veciños escóitana abraiados: “–Ti moito sabes, María!; onde o aprendiches!? –Aprendino de miña avoa mais de miña nai! –Pois, nós non sabemos nada deso! –Vós sodes de canda min; se non sabedes, é porque non lle puxestes atención!”.
Conta María Fraíz con moita graza que, pola rama paterna, viría sendo bisneta dun cura. A súa avoa de Castrelo apelidábase “Iglesias”: María Iglesias. O seu tataravó entregou no hospicio a filla que lle fixera á súa anónima tataravoa. Pasados os anos, o cura volveu pola rapaza –xa moza– para que o atendese na vellez. O crego soubo identificar a súa filla porque, antes de deixala no orfanato, lle tallara coa navalla unha corta nun pé. Como dixo a nosa informante: “Os fillos dos curas todos son Ighlesias”.
E a min dáme por pensar que todos os galegos somos fillos dun cura ou dun deus menor que, acabadiños de nacer, nos deixaron quedar no hospicio, non sen antes tallarnos unha amosega na planta do pé para, cando se cumpriren os tempos, noso pai volver por nós, recoñecernos e aconchegarnos a canda el ao pé do lume.
As galegas e galegos recoñecidos polo deus novo do ceo novo son sen dúbida os distinguidos co galardón Mestras e Mestres da Memoria. Ben seguro, María da Vrea e os integrantes do Equipo Chaira han ter a marca no pé e, se procedese, eu pediríalles que nola mostrasen para tapar as bocas da incredulidade.”

Aquí pode consultarse o fondo videográfico coas súas participacións no Proxecto Polafías.

Crónica videográfica da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2025, dedicada a María da Vrea e ao Equipo Chaira

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2025 foi unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestras/es da Memoria 2025 respectivamente a María da Vrea e ao Equipo Chaira, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregáronse no marco da X Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, que tivo lugar o 24 de outubro, no Centro Cultural O Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n). No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Calros Solla, quen vai ler a laudatio de María da Vrea, e Xosé Miranda, quen lerá a laudatio do Equipo Chaira. A actividade contou co compañamento musical de Sés e a intervención de María da Pontragha.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa:

Lugo: Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2025, dedicada a María da Vrea e ao Equipo Chaira

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2025 é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestras/es da Memoria 2025 respectivamente a María da Vrea e ao Equipo Chaira, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da X Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, que terá lugar o 24 de outubro, no Centro Cultural O Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n), a partir das 18:00 horas, con entrada libre até completar capacidade.

No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Calros Solla, quen vai ler a laudatio de María da Vrea, e Xosé Miranda, quen lerá a laudatio do Equipo Chaira.

A actividade contará tamén co compañamento musical de Sés e a intervención de María da Pontragha.

O acto pode ser seguido en directo nesta ligazón.

María da Vrea
Folgoso (Cerdedo-Pontevedra), 1933

Centos de coplas, cancións, adiviñas ou trabalinguas que superan o milleiro adornan o percorrido vital de María da Vrea, veciña natural da parroquia de Folgoso (Cerdedo, Pontevedra), María Fraíz Canaval (María da Vrea), de noventa e dous anos. María naceu na casa da Vrea e lugar de Covas o 3 de agosto de 1933. A máis nova de catro irmáns, María é filla de Ramiro Fraíz Iglesias (A Insua-Castrelo) e de Xosefa Canaval Matelo (Folgoso). O seu nome de pía enféitase co chamadeiro da Vrea –locativo–, xa que a casa familiar se ergue ao pé da Vrea Vella (Verea Vella), unha ancestral vía de comunicación que atravesaba, de oeste a leste, o sur do territorio de Cerdedo (hogano, só se conservan retallos). María foi un case nada á escola «Aprendín as catro reghras e pouco máis», porén soletreou dende cativa un moito do catecismo do labrego, é dicir, da vida suxeita e sacrificada do agro. Ela mesma recorda o que se dicía daquela: «O traballo do neno é pouco, e quen o desproveita é un louco». O migallo que asistiu á escola rendeulle ben, pois, amais da lectura, da escritura e dos rudimentos matemáticos, boa parte do seu repertorio en castelán (romances, cancións, oracións…) deprendeuno na unitaria de Folgoso (escola mixta con tabique segregador), ao coidado da mestra Manuela Cachafeiro: «Liamos esas poesías nos libros, e a min quedábanme». Se había que atender a visita do inspector e María non estar presente, a mestra non dubidaba en ila buscar á casa, para deixar a institución docente en bo lugar. A memoria da cativa era un valor seguro.

Equipo Chaira
Provincia de Lugo, 1992

O Equipo Chaira comezou a súa andaina en 1992, hai máis trinta anos. Os integrantes, entón persoal adscrito ao Museo Provincial de Lugo, Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa, comezaron a súa actividade co obxectivo de facer un inventario exhaustivo, o máis completo posíbel da literatura de tradición oral dos concellos da Terra Cha. Recolleron inxentes testemuños das 68 parroquias dos  concellos de Abadín, Begonte e Vilalba. O resultado daquelas campañas foron moitas horas de gravacións en cintas magnetofónicas, horas dedicadas ás transcricións que se arquivaron e numerosos textos dos que se chegaron a publicar unha pequena parte baixo o título Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín, en 2004.
Máis aló do proxecto Terra Cha, o Equipo Chaira seguiu o seu camiño realizando traballos de campo en varios lugares da provincia de Lugo, como é o caso do feito, este tamén intensivo, no concello da Pontenova a partir de 1996, e outros con menor alcance xeográfico en Candelos, Arroxo, na Fonsagrada, e varias sesións na Casa da Fonte de Esmeriz, en Chantada. O resultado do recompilado no concello da Pontenova editouno o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo en 1998, e reeditouno en 2004, co título Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances.