O
venres 17 setembro, a partir das 20:30 h., preséntase no Verbum (Avenida de Samil, 17) de Vigo o que, pola propia vontade de María do Carme Kruckenberg, será o seu derradeiro poemario, A voz da auga, publicado por Barbantesa, completando unha singradura poética comezada moitos anos atrás. Haberá un recital da autora coa participación de Susana Blanco (violonchelo) e Leonardo Blanco (violín) tocando As catro estacións de Antonio Vivaldi.
Arquivos da etiqueta: María do Carme Kruckenberg
Homenaxe a Ramiro Fonte en Vigo (vídeo)
Vigo: presentación do libro Deter o día cunha flor
Mañá mércores 20 de maio ás 19:30 horas na Casa do Libro de Vigo (R/ Velázquez Moreno, 27) terá lugar a presentación do libro de poemas de Luz Pozo Garza Deter o día cunha flor, ilustrado a toda cor polo gravador betanceiro José Valentín e editado por Baía. No acto, xunto a Luz Pozo e José Valentín, intervirán o profesor, poeta e crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, a poeta María do Carmo Krukenberg e a directora editorial Belén López Vázquez, quen se encargarán de facer unha aproximación crítica a esta obra que combina a literatura poética e a expresión plástica e que ofrecerán un recital poético.
«”Non existe a arte, só os artistas”. Se así o aceptamos, podería explicarse a afinidade, a irmandade, entre dúas formas de expresión, imaxe e palabra, que se complementan. Antiga é a relación. Xa Simónides de Ceos sostiña que “a poesía é unha pintura falada, e a pintura unha poesía muda”. Luz Pozo e José Valentín seguen unha tradición ben nosa: houbo épocas nas que non se concebía a edición dun libro galego sen as correspondentes ilustracións: de Colmeiro, Seoane, Laxeiro, Xohan Ledo (…).
Relación constantemente renovada, a da pintura e a poesía, que volvemos atopar nesta obra, síntese fecunda de dúas achegas a un todo harmónico. Deter o día cunha flor, este é o título, enunciado-propósito, do libro de Luz Pozo Garza e José Valentín; Luz Pozo, unha das nosas máis grandes poetas; José Valentín, revelación serodia, pero a tempo, dun artista moito máis importante do que a súa modestia lle permite aceptar. Luz e José, dous creadores cun enfoque común de interacción e apoio».
(Do prólogo de Xulio López Valcárcel)
Homenaxe a Ramiro Fonte
A sede viguesa da Fundación Caixa Galicia, na rúa Policarpo Sanz nº 21, acollerá mañá venres 17 de abril, a partir das 19,30 horas, un acto de homenaxe ao escritor Ramiro Fonte.
O acto iniciarase coa actuación musical do “Grupo Instrumental Siglo XX”. A continuación, celebrarase un recital poético con participación de X. M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg e Xulio L. Valcárcel. Tras unha segunda actuación musical, as recitacións proseguirán coas intervencións de Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.
Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) finou en Barcelona o 11 de outubro de 2008. Ocupaba a dirección do Instituto Cervantes en Lisboa. Colaborador en prensa e membro da Real Academia Galega da Lingua, exerceu como docente de Lingua e Literatura Galega en Vigo e foi profesor no Instituto Cervantes en Londres. Entre os galardóns que recibiu caben salientar o Premio da Crítica de Galicia, o Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez e o Esquío, entre outros.