O Equipo Chaira e María de Vrea, Mestres e Mestras da Memoria 2025

Destacado

O Equipo Chaira -grupo de investigación etnográfica formado por Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa– e a veciña da parroquia de Folgoso (Cerdedo, Ourense) María Fraíz Canaval (María da Vrea) veñen de ser elixidos como Mestres e Mestras da Memoria 2025 da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Antonio Reigosa, Calros Solla, Carme Pernas Bermúdez, Cesáreo Sánchez Iglesias, Félix Castro Vicente, Lois Pérez, Xosé Manuel Varela e Xurxo Souto.

O acto de entrega dos galardóns que organiza a AELG terá lugar nunha gala o venres, sexta feira, 24 de outubro no Vello Cárcere de Lugo.

A AELG vén de elixir a través do grupo de traballo da Sección de Literatura de Tradición Oral as persoas distinguidas cos premios Mestre e Mestra da Memoria 2025, que veñen recoñecer a traxectoria e labor daquelas persoas que se distinguen pola preservación e transmisión do patrimonio inmaterial da nosa literatura de tradición oral.


O Equipo Chaira comezou a súa andaina en 1992, hai máis de trinta anos. Os integrantes, entón persoal adscrito ao Museo Provincial de Lugo, Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa, comezaron a súa actividade co obxectivo de facer un inventario exhaustivo, o máis completo posíbel da literatura de tradición oral dos concellos da Terra Cha. Recolleron inxentes testemuños das 68 parroquias dos  concellos de Abadín, Begonte e Vilalba. O resultado daquelas campañas foron moitas horas de gravacións en cintas magnetofónicas, horas dedicadas ás transcricións que arquivamos e numerosos textos dos que chegamos a publicar unha pequena parte baixo o título Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín en 2004.

Máis aló do proxecto Terra Cha, o Equipo Chaira seguiu o seu camiño realizando traballos de campo en varios lugares da provincia de Lugo, como é o caso do feito, este tamén intensivo, no concello da Pontenova a partir de 1996, e outros con menor alcance xeográfico en Candelos, Arroxo, na Fonsagrada, e varias sesións na Casa da Fonte de Esmeriz, en Chantada. O resultado do recompilado no concello da Pontenova editouno o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo en 1998, e reeditouno en 2004, co título Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances.


Centos de coplas, cancións, adiviñas ou trabalinguas que superan o milleiro adornan o percorrido vital de María da Vrea, veciña natural da parroquia de Folgoso (Cerdedo, Ourense), María Fraíz Canaval (María da Vrea), de noventa e dous anos. María naceu na casa da Vrea e lugar de Covas o 3 de agosto de 1933. A máis nova de catro irmáns, María é filla de Ramiro Fraíz Iglesias (A Insua-Castrelo) e de Xosefa Canaval Matelo (Folgoso). O seu nome de pía enféitase co chamadeiro da Vrea –locativo–, xa que a casa familiar se ergue ao pé da Vrea Vella (Verea Vella), unha ancestral vía de comunicación que atravesaba, de oeste a leste, o sur do territorio de Cerdedo (hogano, só se conservan retallos). María foi un case nada á escola «Aprendín as catro reghras e pouco máis», porén soletreou dende cativa un moito do catecismo do labrego, é dicir, da vida suxeita e sacrificada do agro. Ela mesma recorda o que se dicía daquela: «O traballo do neno é pouco, e quen o desproveita é un louco». O migallo que asistiu á escola rendeulle ben, pois, amais da lectura, da escritura e dos rudimentos matemáticos, boa parte do seu repertorio en castelán (romances, cancións, oracións…) deprendeuno na unitaria de Folgoso (escola mixta con tabique segregador), ao coidado da mestra Manuela Cachafeiro: «Liamos esas poesías nos libros, e a min quedábanme». Se había que atender a visita do inspector e María non estar presente, a mestra non dubidaba en ila buscar á casa, para deixar a institución docente en bo lugar. A memoria da cativa era un valor seguro.

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020 é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2020 respectivamente a  Batuko Tabanka e a Emilio Españadero.

A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na V Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo o 23 de outubro.

O acto terá lugar na Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8) a partir das 18:00 horas.

Mestras da Memoria 2020: Batuko Tabanka

Fotografía: Facebook de Tabuko Tabanka
Grupo formado por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde, residentes en Galicia, a maioría en Burela (Lugo).
O nome, Batuko Tabanka,  que se pode traducir como “Entroido de tambores”, tómano dun antigo ritmo tradicional de Cabo Verde. A batuka, en orixe, foi música de xente escrava, nacida canda a colonización portuguesa das illas de Cabo Verde no s. XVI. A música e o baile batuka son unha forma de comunicación dos que non podían facelo doutra maneira: batendo o peito, usando trapos mollados ou unha saca de coiro que colocan entre as pernas, como fan agora.
O grupo formouse a finais do s. XX en burela. En 2009 gravaron o seu primeiro disco “Djunta mô” (Xuntamos as mans) editado pola produtora PAI Música, para o que contaron coa colaboración de Uxía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní e Fernando Abreu.
Na súa música revive a memoria das súas orixes que recuperaron entre nós, na terra á que se viron forzadas a migrar por necesidades económicas.
O seu proxecto, con máis de vinte anos de vida, serviulles para percorrer Galicia e outras partes da península e incluso varios países de Europa. Protagonizan documentais, participaron en numerosos festivais e programas de televisión. Incluso ofreceron concertos no seu propio país. A súa decisión provocou, ademais de conservar o seu rico folclore, difundilo polo mundo.

Mestre da Memoria 2020: Emilio Españadero Paz

Fotografía: CRTVG
Ex-compoñente do colectivo de música tradicional “O Son Da Terra” e da banda de gaitas “Os Rexumeiros”. Encargado entre os anos 1992 e 2001 do pub “A Cova Folk”. Membro da organización das “Noites Celtas” na Coruña. Membro do xurado en distintas edicións do Certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e do Concurso Internacional de Folk “Cuarto Los Valles” en Navelgas (Asturias). Autor durante varios anos da páxina “Feitizo De Sons” no suplemento dominical do xornal Galicia Hoxe. Director e presentador do programa radiofónico “Lume Na Palleira” desde 1992 ata a actualidade.
“Lume Na Palleira” nasceu no mes de setembro do ano 1992, da man de Emilio Españadero Paz, como unha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país como de outros (principalmente os de influencia céltica), tivera presencia a traveso de ditas ondas. No ano 1996 “Lume Na Palleira” incorporouse á programación da Radio Galega.

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», ten sede na capital lucense, e terá lugar no seu Centro Cultural Vello Cárcere (Av. Alcalde Anxo López Pérez, 34 –como chegar) ás 19.00 do día 25 de outubro de 2019.
Contará coa participación musical de Germán Díaz.

En 2016 tivo lugar a primeira Gala dos Premios “Mestras e Mestres da Memoria”, unha distinción creada pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG no ano 2013 que antes se entregaba na Gala das Letras da AELG. Creouse así a específica «Gala dos Premios Mestras/es da Memoria», coa que a AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral.

Para esta sétima edición dos “Premios Mestra e Mestre da Memoria” (cuarta edición da Gala), a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións farase na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que se celebra en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo. Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana recibirán os diplomas que os acreditan como Mestra e Mestre da Memoria, previa lectura das laudatios correspondentes a cada unha/un delas/es, a cargo respectivamente de Antón Santamarina e Xosé Luís Freire.

MESTRA DA MEMORIA 2019: DOROTHÉ SCHUBARTH
youtube, Premios Martín Códax da MúsicaYou Tube, Premios Martín Códax da Música
Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. É directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comeza a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).
En 1978 visita Galicia para coñecer a nosa música popular mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.

MESTRE DA MEMORIA 2019: PABLO QUINTANA LÓPEZ
Canela Producións
Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos…, arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandereteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo.
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en vídeo industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en  Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Na actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.

Lugo: Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2018 terá lugar o sábado 26 de maio, ás 18:00 horas, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, estará amenizado coa música de TOR, grupo composto por Xosé Liz, Álvaro Iglesias, Félix e Cástor Castro.

No acto, conducido por Antonio Reigosa, participan Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Marica CampoLois Pérez que lerá a laudatio de Luz Fandiño, e Antonio Reigosa, quen será o encargado de ler a laudatio de Manuel Pazos, Pazos de Merexo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2018 respectivamente a Luz Fandiño e a Manuel Pazos, Pazos de Merexo. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións terá lugar na III Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.

Luz Fandiño

Fotografía: Nós Televisión/YouTube

Nacida en Compostela en 1931, boa parte da súa vida pasouna na emigración, primeiro na Arxentina, país no que residiu desde os 21 anos ata 1952, e logo en Francia ata 1979. É escritora e activista social e cultural en permanente compromiso coa lingua, co feminismo e coas causas dos desfavorecidos, amais de autora de dous libros de poemas: Farangulliña de neve (1998) e O pracer de envellecer (2014).
Na emigración en Arxentina, a pesar de seren anos duros para ela, descobre a poesía de Rosalía de Castro e a de Cabanillas, e o galego como lingua literaria.
En París descobre un país, o seu, e toma conciencia e participa nos movementos sociais da convulsa Europa daqueles anos. Todas esas experiencias están reflectivas na súa obra de creación e no seu afán por divulgar o que sente pola matria e pola lingua.

Manuel Pazos, Pazos de Merexo

Fotografía: Turismo de Carballo

Naceu o 9 de maio de 1926 en Merexo, concello de Muxía. Acaba, por tanto, de facer os 92 anos. Pazos é o último grande músico do acordeón diatónico da Costa da Morte, o grande mestre tamén da memoria de todas as “palilladas”, bailes e pandeiretadas que aconteceron nesa banda do mundo dende as primeiras décadas do século XX.
A súa memoria abrangue tamén todos os saberes da cultura tradicional, e fitos históricos moi significados como o contrabando do wolframio (ao que se dedicou como todos os veciños da zona) durante a II Guerra Mundial. Ë protagonista do libro-disco Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte, e recibiu varias homenaxes.

Constitución do Grupo de Traballo de Literatura de Tradición Oral da AELG

AAELG Logo 2-2015 Sección de Literatura de Tradición Oral, cuxo coordinador é o vogal da AELG Antonio Reigosa, promoveu a creación dun Grupo de Traballo neste ámbito co obxectivo fundamental de favorecer, tanto individual como colectivamente, a visibilidade e o prestixio da oralidade como sistema de comunicación primordial da nosa cultura popular.

O Grupo está conformado polas seguintes persoas: Ana AcuñaFélix Castro VicenteIsidro NovoMaría do Carme Pernas BermúdezCalros SollaXurxo Souto e Antonio Reigosa, todas con longa experiencia e recoñecido prestixio nos campos da investigación, recreación e difusión da literatura de tradición oral e, en xeral, nos diferentes ámbitos da cultura popular tradicional galega.

O Grupo, logo de avaliar a traxectoria e actividades da Sección ao longo dos últimos anos, acordou dar continuidade aos proxectos PolafíasXornadas de Literatura de Tradición OralMestras e Mestres da Memoria.

En canto ás Polafías, organizaranse dúas en 2015: a primeira delas terá lugar o vindeiro sábado 21 de marzo, ás 17:30 h., en Tallo, Ponteceso, co lema Non deas a esquecemento: regueifeiras/os; e outra polafía que terá lugar ben na provincia de Ourense, ben na de Pontevedra.

Tocante á VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral -a celebrar en Lugo no próximo outono- o tema a tratar será o sexo e a escatoloxía na Literatura de Tradición Oral.

Tamén acordou reunir propostas para novas gravacións en vídeo de Mestres e Mestras da Memoria.

Así mesmo o Grupo resolveu integrar e promover novas actividades a nivel local (xornadas, relatorios, representacións…) similares ás que se viñeron desenvolvendo en Lugo nos anos pasados como o Obradoiro de Narración Oral, Letra das Festas, Recital de Coplas de Antroido…, considerando representada a Sección naquelas actividades onde participe, colabore, promova ou interveña calquera dos membros do Grupo de Traballo. Tamén elaborar un mínimo de dúas unidades didácticas durante o ano 2015 para impulsar o uso do arquivo videográfico e documental da Sección de Literatura de Tradición Oral da web da AELG, así como crear un blog específico da Sección de Literatura de Tradición Oral dentro da web da AELG, no que se anunciarán as diferentes actividades que se desenvolven polo país en relación á oralidade e cultura popular, así como publicar os artigos que se consideren.