Maniños, Fene: presentación de Ático, de Arsenio Iglesias Pazos e espectáculo Poetas da Hostia

O sábado 5 de abril, ás 20:00 horas, na ACRD O Pote de Maniños (Estrada da Palma, 217, O Pombal, Maniños, Fene), terá lugar a presentación do libro Ático, de Arsenio Iglesias Pazos, publicado en Positivas. Con motivo do mesmo, haberá unha nova edición do espectáculo Poetas da Hostia, co participación, xunto ao autor, de María Lado, Lucía Aldao, Eduardo Estévez, Mario Regueira e Paula Carballeira.

Rianxo: Obradoiro de poesía erótica impartido por María Lado, os sábados 15, 22 e 29 de marzo

Desde o Concello de Rianxo:
“Dentro da programación do Ferve a Lingua, organizado pola Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística vai desenvolverse un Obradoiro de Poesía Erótica, impartido por María Lado no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.
Terá lugar os sábados 15, 22 e 29 de marzo das 10:30 ás 13:30 horas.
No obradoiro preténdese achegar aos participantes á escrita de poesía e, concretamente, de poesía erótica a través de exercicios lúdicos que aporten ferramentas para a escrita, como son os chamados “disparadores” (ferramentas que facilitan o inicio da escrita).
O obxectivo é que os participantes coñezan e escriban poesía erótica, partindo da práctica da escrita e tamén da lectura de modelos que empregaremos como punto de partida, xa sexa a través da copia, a reinterpretación, a transformación, contraposición… etc.
Tamén se fará lectura dos textos dos participantes e o seu comentario entre todos, de maneira que adquiran a noción da importancia da crítica. Finalmente a través da lectura dos textos propios traballarase tamén cos participantes a lectura en público, as ferramentas das que dispoñemos para facelo e o resultado que procuramos no espectador. Esta parte preparatoria da lectura en público está baseada en exercicios sinxelos inspirados na práctica teatral e na oratoria. procúrase, ante todo, descubrir e respectar o estilo propio de cada participante.

Se estás interesado/a en participar, tes ata o 14 de marzo ás 14:00 horas para inscribirte, cubrindo a ficha de inscrición na seguinte ligazón: Ficha de inscrición Obradoiro Poesía Erótica. Máis información en cultura@concelloderianxo.es”