Coñécense os gañadores do VIII Premio de Narración Curta Happy Curtis

“Nada máis nin nada menos que 76 traballos presentados nesta edición do certame de narrativa curta Happy Curtis que leva oito anos convocando o Concello de Curtis. Contamos cun xurado de luxo formado por Manuel Rico Verea, María Lado, Yolanda Castaño e María José Castelo Lestón (gañadora da pasada edición), que non o tiveron nada fácil á hora de escoller os traballos gañadores. Os premios son os seguintes:
Categoría A (dos 12 ós 18 anos):
* 1º Premio: Ana Uhía Pérez, de Portonovo (O día máis feliz da miña vida).
* 2º Premio: compartido entre Marta Pita Vidal, de Teo (O día máis feliz) e Sara Martínez García, de Sanxenxo (Paso a paso).
Categoría B (dos 19 anos en diante):
* 1º Premio: Daniel Landesa, de Vigo (Abercrombie).
* 2º Premio: Ana María Galego, de Ferrol (Tres mil setenta caracteres).

A entrega será o día 4 de Maio ás 21:00 horas no Edificio Multiusos de Curtis (Recinto Feiral, s/n). Alí poderemos escoitar os traballos gañadores, coñecer ó autor e ás autoras galardoadas, e escoitar as opinións do xurado. Teremos tamén o pracer de recibir a Yolanda Castaño e atender ás palabras que a poeta escribiu expresamente para a ocasión.”

María Lado: “Quería saber se eu sería quen de escribir un libro de poesía erótica”

Entrevista a María Lado en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): O libro [Amantes] gañou o Illas Sisargas, un dos certames de literatura erótica que hai no país. Aínda que non tes -que eu saiba- máis libros que puidesen encaixarse na etiqueta de literatura erótica, si é certo que este libro comparte a sensualidade, ou polo menos a sensorialidade, dos anteriores: a atención ás cousas pequenas. É así?
– María Lado (ML): Si, creo que é así, que aínda que é un libro pensado para caber dentro do “erótico” ten moito en común cos meus outros poemas, sobre todo nas imaxes, como ti dis, que supoño que é algo sinxelo de recoñecer na miña escrita. Á hora de construír os poemas noto que teño predilección polas pequenas cousas físicas para achegar sensacións ao lector, como se o poema fose uns segundos dun filme no que meter a quen os le, e a través desas imaxes trato de achegar non só o acontecemento do poemas, senón tamén todas as outras cousas que o poema pode aportar. (…)
– D: Son poucos poemas, e nin o libro está dividido en partes, nin hai maiúsculas -por certo- por ningún lado. Como foi o proceso de creación? Son poemas de distintas épocas que uniches nun libro pola súa temática en común?
– ML: O das maiúsculas é algo moi habitual en min dende casa atlántica, casa cabaret, e responde a unha cuestión puramente estética, son consciente. Daquela tamén prescindía da puntuación (sobre todo de comas e puntos), algo que agora comezo a empregar para axudar ao lector no camiño polo texto, porque recoñezo que ás veces é complicado de seguir. O libro foi escrito en cuestión de dous meses, tal vez algo máis, e todo seguido para poder envialo ao premio Illas Sisargas. Foi algo que me propuxen como un reto, quería saber se eu sería quen de escribir un libro de poesía erótica, algo que sempre me resultara moi pouco interesante como autora. Así que me puxen e fíxeno dunha sentada. Pero a culpa de todo tena o artista Rosendo Cid, que xusto nese momento no que eu pensaba na posibilidade de escribir un libro así, encargoume un texto para unha exposición sobre un collage seu (que é a portada do libro, finalmente) e fíxenlle un texto que acabaría sendo (nunha segunda versión) o primeiro poema do libro (o pescador). A partir dese texto a idea do libro colleu forma na miña cabeza e fíxeno. (…)”

Vigo: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O xoves 12 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participará María Lado.

O retorno ao recital

“Recitais en bares. Duascentas persoas reunidas para escoitar versos. Xente que paga unha entrada de dous euros para ver lecturas en voz alta. Nos últimos anos, unha vaga de propostas arredor da práctica de recitar poesía están a conseguir un importante seguimento social e preséntanse como un xeito cada vez con maior aceptación para se achegar a este xénero. (…)
Encol do éxito destas propostas, as súas promotoras apuntan a relativa facilidade da poesía para chegar ao público a través da oralidade. “Teño unha fonda fe no recitado poético como feito literario en si mesmo. A poesía ten unha capacidade oral e un carácter escénico que a diferenza doutros xéneros”, lembra Yolanda Castaño. “A lectura pública permítelle á xente descubrir un xeito máis directo e emocionante de se achegar á literatura”. No entanto, todas recoñecen que o fenómeno non é novo, e lembran a multiplicidade de recitais que existían no noso país durante os anos 90. “Daquela houbera un auxe moi grande que logo caeu. Dáse un certo movemento pendular que tamén vai por focos xeográficos, naquel momento era Santiago o que concentraba a maior parte das iniciativas”, lembra Castaño. Lado, pola súa banda, apunta que en xeral “está a se dar unha recuperación bastante grande dos recitais, logo do tremendo baixón que houbo. Hai moitas iniciativas e semella que a xente ten dentro a ansia de ver e de facer cousas”. Cociña, pola súa banda, coincide en que “antes había moitas máis iniciativas deste tipo, en Compostela mesmo se chegaba a dar contraprogramación. Agora si que é certo que se está a voltar un pouco ao recitado”. Encol da aceptación do público, apunta que “aínda que escoitar esixe concentración e estamos hiperestimulados, atopamos moita xente que, sen ter contacto previo coa poesía, descobren que lles gusta e repiten”.”

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, actos de contido literario do 21 ao 23 de marzo

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O mércores 21 e o xoves 22 de marzo, ás 18:30 horas, no Auditorio do Pazo, María Lado e Lucía Aldao, xunto ao Seminario permanente e Jazz e a Editorial Oqo, organizan a representación de As manoplas de Carapuchiña, conto cantado. Está destinado a un público a partir de 4 anos, e as entradas custan 3 euros.
– O venres 23 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntanse os libros de Anxo Fariña Os Megatoxos e o aprendiz de druída e Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa, publicados en Xerais. Xunto ao autor participa Manuel Bragado.

Vigo: Poxa de Poetas

“Os creadores dos famosos recitais-combate da Hostia en Verso teñen “un estado na cabesa” e están xa imprimindo a súa propia moeda: os poetrodólares. Con ela poderedes mercar este sábado as almas das poetas Ledicia Costas, Lucía Aldao e Nolim González, nunha poxa que dirixirá María Lado e que se celebrará no Bar Hipólito (Avda. de de Castrelos, 26) de Vigo ás 22:00 horas. A entrada non só é de balde, senón que aínda os asistentes recibirán un sobre con pasta (os tales poetrodólares) para poder mercar a/o poeta que máis encha o ollo. E aqueles máis afoutos que consigan gañar a subasta levarán a almiña metida nun precioso obxecto poético deseñado por unha artista de excelencia. Todo isto estará amenizado polo desalmado músico Mig Seoane e conta coas mellores calificacións de Lehman Brothers e o Banco Europeo de Inversións. Todo un choio, vaia.”

Vigo: presentación de Transición, de Fran Alonso, e recital poético con María Lado e o autor

O venres 10 de febreiro, ás 20:00 horas, na Librería Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o novo poemario de Fran Alonso Transición, publicado en Franouren. No acto, presentado polo editor Manuel Ángel García, terá lugar un recital poético de María Lado e o propio Fran Alonso.