Entrevista de Mar Álvarez a Adela Figueroa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Afirma que Mátria é poesía para a Terra. Como nacen os seus poemas?
– Adela Figueroa (AF): Eu tiña un desabafo, unha inquedanza moi potente ao ver como desfán a nosa terra. O Goberno que temos na Xunta traballa en contra do país. A raíz do sucedido coa mina de Touro, e agora coas agresións dos eólicos, recompilei varias poesías e decidín xuntalas nun libro que titulei Mátria. O poemario divídese en tres partes. Unha delas, “Coma inducido”, recolle os recordos das persoas que estiveron en coma a partir dos cales escribín unha serie de poemas que son como delirios de cores e de sensacións. A segunda parte leva o nome de “Entre o soño e a distopía” e a terceira “Entre o soño e o delirio”, na que relaciono a mente humana coa propia terra. Eu non teño relixión, pero se a tivese sería o universo e a terra, sería a natureza da que todos formamos parte.
– ND: A presenza da natureza na poesía galega foi sempre un elemento característico das nosas letras. Forma parte a súa obra dese lirismo da paisaxe?
– AF: Si. Nun dos meus traballos, Rosalia poeta Ambientalista, afondo en como desde as cantigas medievais a natureza nos domina; porque a natureza galega é poderosa, produtiva e fecunda. A nosa gran poeta, primeira e abandeirada, foi tamén a primeira ecoloxista que defendeu a identidade da terra.
– ND: Con este poemario entrelaza o seu labor como bióloga e como poeta.
– AF: Se ollamos cara ao ceo vemos a danza das estrelas, vemos todo o ritmo e a música do universo e podemos sentir que somos parte del. As persoas estamos feitas de carbono, osíxeno, nitróxeno… e a iso agréganselles outros elementos químicos que forman a marabilla que resulta a mente humana, capaz de percibir a beleza e o equilibro. Gustaríame publicar un libro composto por tres contos nos que falo da maxia dos números. Quero afondar nesa maxia das inflorescencias das plantas que seguen un ritmo, unha lei matemática, como as volutas do caracol ou os movementos dos astros. Un tema que tamén me está a interesar especialmente é o do ecofeminismo, o paradigma que debería rexer os anos que nos veñen enriba. (…)”
Arquivos da etiqueta: Medulia Editorial
Branca Vilela: “En Pesadelo da creación inspiroume a realidade de moitas mulleres”
Entrevista a Branca Vilela en Diario de Bergantiños:
“(…) – Diario de Bergantiños (DB): Que nos pode contar deste novo traballo?
– Branca Vilela (BV): Este libro é un só poema. Pódese definir como unha poesía-novela porque ten todos os compoñentes: conta unha historia, cun personaxe principal, que é unha muller, e despois van aparecendo outros, que van conducindo o poema ata o desenlace final.
– DB: E dentro desa categoría de poesía-novela, en que xénero a encadra?
– BV: Unha pregunta difícil. Ten moita carga de contido social, con moita tensión, intriga e a palabra coa que mellor a defino é brutal. Inspiroume a realidade de moitas mulleres. Cando a protagonista plantexa que despois de cumplir ese rol imposto de muller da súa casa quere ter a súa independencia e realizarse, chegan os impedimentos, as prohibicións e a frustración, porque os cimentos desa historia foron baseados no control, na posesión e os condicionantes machistas que tanto dano causan e que lamentablemente seguen agochados na sociedade e descúbrense cando hai unha ruptura, denuncia ou morte. É un libro que fala de amor, de desengano, de dor, de incomprensión, de loita, de resistencia, de superación, de seguir os soños. Non vai deixar a ninguén indiferente polo relato e a súa dureza e ao mesmo tempo esperanzador.
– DB: Está baseada entón en feitos reais?
– BV: As situacións que pasa a protagonista son da vida real. Aquí a muller quere ser creadora, pero vale tamén o símil para a muller que quere montar un negocio, irse coas súas amigas de vacacións ou sinxelamente traballar para non ter esa dependencia do home. O difícil deste libro é contar a historia como foi, de maneira poética e que o lector se meta nesa pel, nos feitos, nas circunstancias, como se resolve. Por iso a pregunta que se fai o lector cando vai avanzando nas páxinas é iso: Aconteceu de verdade? Porque é tan surrealista e ao mesmo tempo tan desgarradora que dis, non puido ser. De feito as cousas que acontecen na vida cotidiá teñen que saír á luz, por duras que sexan. (…)”
Foz: actividades dos 20 e 21 de agosto na Feira do Libro 2022
Foz: actividades do 19 de agosto na Feira do Libro 2022
Viveiro: actividades do 13, 14 e 15 de agosto na Feira do Libro 2022
Melide: presentación de Na insônia cruel do relógio, de Antom Laia
Viveiro: actividades do 12 de agosto na Feira do Libro 2022
A Coruña: actividades do 9 de agosto na Feira do Libro 2022
A Coruña: actividades do 8 de agosto na Feira do Libro 2022
Xesús Abalo: “Cómpre reflexionar e repasar a diferenza entre feitos e opinións”
Entrevista a Xesús Abalo en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Pero hai territorios nos que a ciencia non deba entrar?
– Xesús Abalo (XA): A ciencia e a investigación son o que nos diferenza do resto de seres vivos. Sen ciencia non hai progreso e sen progreso estaremos condenados a depender doutras circunstancias, perdemos a capacidade de decidir, de controlar o noso destino. Todo isto non implica unha carta branca á investigación: debe haber límites, sobre todo morais, que nos preveñan de destruír o que somos, o que temos ou onde vivimos. Nos contos inclúo reflexións sobre as armas, a guerra, a investigación biomédica ou a necesidade de crer nun ente supremo, inclúo terminoloxía científica e expoño as dúas caras da moeda.
– LVG: Como se enfronta un científico a un folio en branco?
– XA: Publicar o meu primeiro libro con 45 anos é unha sorpresa e un honor. Unha sorpresa porque, se ben levo máis dunha década escribindo contos, esta é a primeira vez que alguén confía en min como escritor: Xulio López Valcárcel e a Medulia Editorial. A miña primeira experiencia coa literatura vaise a cando tiña seis anos e me premiaron cun accésit por unha redacción sobre o alcoholismo. De novo enchoupeime coa literatura fantástica, surrealista e co realismo máxico mentres recompilaba historias, até que unha circunstancia laboral obrigoume a ter que pasar tres horas diarias nun tren. Ora que o que máis escribín na miña vida foi en relación ao meu traballo como científico, unhas publicacións que, se ben son reconfortantes de escribir, están suxeitas a unhas normas que deixan pouco espazo para a improvisación.
– LVG: Un galego no frío norte… Cal é o mapa deste libro?
– XA: O historiador viaxa en avión e as historias transcorren nun tren. Hai varios fíos que as unen todas menos unha: os cans, a cor verde, a morte e a revisora. Como xa comentei, o feito de ter que me desprazar cada día durante tres horas nun tren foi o que me levou a escribir. Ora que aquel non era un tren normal: a xente non falaba, evitaba o contacto visual, ao xeito de calquera tren sueco, coma se estivera morta. Así pois, as historias transcorren namentres o tren avanza cara o norte nun día do verán sueco. Foi Xavier Queipo quen me suxeriu o título dado que o tren vai cara ao norte, ao xeito que eu, de Pontecesures, fun a estudar a Compostela e logo mudei a vivir a Estocolmo, e por uns anos traballei en Uppsala, ao norte de Estocolmo. Quixen facer unha obra diversa, na que incorporar á narrativa galega un elemento ausente, o surrealismo. A narrativa galega abonda en historias do rural da posguerra, época que marcou ben fondo a unha xeración e deixou en herdanza feridas abertas. Con esta compilación de historias sen historia non pretendo curar as feridas do vento senón ollar cara o futuro, un futuro dixital do que xa somos parte.
– LVG: Reivindica a importancia do pequeno. Seguimos sen lle dar a relevancia debida?
– XA: Ese é un dos puntos fundamentais do libro, a dobre moral sobre a supremacía duns individuos sobre outros, a meirande importancia que se lle dá á enfermidade da filla do presidente sobre a morte de trescentas persoas negras, ou vexetarianas ou zurdas. Son escenas cotiás en películas, nos informativos, as que nos adoutrinan con información coartada, condicionada, dirixida a crear certa opinión que cremos é independente. Cómpre reflexionar e repasar a diferenza entre feitos e opinións. Débese cuestionar se o que cremos que sabemos é froito do coñecemento adquirido ou ben das opinións inoculadas. Cómpre reflexionar e tratar por igual ás historias xa que cada persoa é unha historia, que ten nai, que naceu, que foi nena, que namorou, que un día foi chamada para defender a patria, que colleu AK-47 e á que lle meteron unha bala polo lobo temporal. Rematou a historia. Que mais dá! O causante da liorta, segue vivo, a historia morta era secundaria, nunca pasará á Historia. Por desgraza, estas reflexións están de moda, temos unha guerra ao noso carón.”