Desde Nós Diario:
“A xornada desenvolvida neste 15 de marzo en Maceda arrancou ás 11 horas na parroquia natal de Carballo, Asadur, cunha ofrenda floral no cemiterio onde está soterrado desde o seu falecemento en 2014.
Os asistentes ao acto desprazáronse ás 11:30 á casa familiar de Carballo, onde o seu amigo e compañeiro de loita nacionalista, Celso Sánchez, deu lectura a un escrito do homenaxeado. Media hora máis tarde, interveu a alcaldesa da localidade, Uxía Oviedo.
A xornada promovida pola Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC) tivo os seus actos centrais ás 12 horas no salón de actos do Concello de Maceda, onde actuou como mantedor o presidente da entidade, Santiago Prol.
O acto arrancou coa actuación musical de Ergutío Cantareiras e a proxección do audiovisual Lembrando a Francisco Carballo, onde se recollen diversos aspectos da súa vida.
A continuación tomaron a palabra a concelleira de Cultura de Maceda, Beatriz Cuenca; o presidente da Fundación Terra e Tempo Francisco Rodríguez; a sobriña do homenaxeado Milagros Calvo Carballo; os antigos cregos Manuel Peleteiro e Antón Gómez; o xornalista Xan Carballa; o ex alcalde de Maceda Bieito Seara; e a portavoz nacional do BNG Ana Pontón.
O acto serviu para presentar o último número da revista Terra e Tempo, dedicado ao homenaxeado e titulado Francisco Carballo. Na fronteira do eclesial e co corazón na Galiza, que ofrece unha completa e detallada panorámica sobre a súa figura, obra e traxectoria.
A publicación recolle a colaboración de amigos, compañeiros de militancia política e especialistas na figura de Carballo, como Francisco Rodríguez, Milagros Calvo Carballo, Antón Gómez, Victorino Pérez Prieto, Pilar Allegue, Xosé Lois Ruiz Vicente, Anselmo López Carreira, Bieito Lobeira, Bieito Seara, Xoán Carlos Garrido Couceiro e Santiago Prol.”
Arquivos da etiqueta: Milagros Calvo
Maceda. Homenaxe a Francisco Carballo. Centenario do seu nacemento, 15 de marzo de 2025
Francisco Carballo e os paratextos na web da AELG
Artigo de Santiago Prol na páxina web do autor:
“O 29 de novembro cúmprense 8 anos do pasamento de Francisco Carballo, un dos grandes fillos sobranceiros de Maceda. Deixounos [con 89 anos] lonxe da terra, no seu exilio último en Santa Marta de Tormes [Salamanca]. Agora ben, descansa na campa de Asadur [Maceda], pois esa era a súa vontade [coa axuda necesaria da súa sobriña Milagros Calvo Carballo, que fixo valer a súa arela derradeira diante das autoridades dos PP Paúis en Salamanca].
Reparamos hoxe nos paratextos que tiveron a ben inserir na web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Alí atopamos máis de cen documentos que axudan a mergullarnos aínda máis na súa traxectoria [artigos, capas, cartelaría, críticas e reseñas, entrevistas, extractos da obra, fotobiografía, homenaxes, obra divulgativa, outras novas do autor na prensa, presentación de libros propios, relatorios…].
Exhumamos outra volta un deses paretextos da nosa autoría. Xestouse co gallo da homenaxe que lle fixemos en Maceda, o 4 de agosto de 2000, cando tiña 75 anos de idade. Apareceu imprentado no semanario A Nosa Terra o día anterior. Pasaron 22 anos. Resiste ben o paso do tempo, polo que aínda temos moito que facer a prol da súa dignificación. ¡Que lle sexa leve a terra! ¡Beizón!:
“A Galicia oficial ningunea a Francisco Carballo. Non lle concede medallas a quen escribe Castelao contra a manipulación. A Universidade oficial apenas recoñece a Francisco Carballo. Non nomea doutor honoris causa a quen impulsa unha historiografía autenticamente Nosa e promove toda unha escola de historiadores. A Igrexa oficial omite a Francisco Carballo. Ignora con teimosía un dos seus máis prestixiosos especialistas. A Literatura oficial non considera canónico a Francisco Carballo. Non inclúe nas súas escolmas ningún dos seus ensaios. O Xornalismo oficial non lle concede premios a Francisco Carballo. Sabe que non se vende aos poderes de turno. Amósase Francisco Carballo incómodo para os folclorizantes. Asina manifestos e adhesións con outros intelectuais. Publica ensaios comprometidos co Noso País. Reescribe a Historia oficial que nos contaron. Insire certeiros artigos no xornal A Nosa Terra. Non claudica. Faino cunha dignidade exemplar. E sempre, sempre dende a mesma trincheira: a dos bos e xenerosos”.“
Maceda: homenaxe nacional a Francisco Carballo, o sábado 27 de decembro
Desde Sermos Galiza:
“(…) A homenaxe do 27 de decembro terá lugar no Salón Multiusos de Maceda ás 17:00 horas, e está organizada polo Concello de Maceda. Ademais do alcalde Xabier Oviedo, intervirán o portavoz nacional do BNG -organización na que militou desde a súa fundación- Xavier Vence, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, o presbítero Manuel Peleteiro, o ex-alcalde de Maceda Bieito Seara, a súa sobriña Milagros Calvo máis o editor e xornalista Xan Carballa e o investigador Santiago Prol, autores do libro de conversas con Francisco Carballo publicado por A Nosa Terra, xornal e editorial ao que estivo intensamente vinculado. Na homenaxe ademais de diversas actuacións musicais proxectarase o vídeo “Francisco Carballo, sempre no corazón”, no que se recollen imaxes e intervencións. Á homenaxe pódense adherir entidades, organizacións e persoas que deberán comunicalo ao Concello de Maceda para seren reseñadas no acto. (…)”