III Feira do Libro de Ribadeo (do 3 ao 5 de xullo)

Feira do Libro Ribadeo 2015 1Feira do Libro Ribadeo 2015 2

As luces da Universidade do Norte

ArtigoArmando Requeixo 2015 de Manuel Gago en Cultura Galega:
“Que ten Mondoñedo para ser berce de máis dun cento de escritores nos últimos dous séculos? O crítico literario Armando Requeixo acaba de presentar o libro Mondoñedo literario, editado pola Deputación de Lugo, no que recompila escritos sobre algúns dos máis destacados escritores que deu esta pequena cidade episcopal. Falamos con Armando Requeixo para coñecermos as claves de tanta paixón pola literatura.
“Hai futuro na literatura mindoniense”, conclúe Armando Requeixo, un dos máis destacados críticos literarios de Galicia e mindoniense de devoción, repasando escritores da súa xeración, outros máis maiores e tamén máis novos. Requeixo sabe do que fala: desde que ten vinte anos leva recompilando e investigando ao redor dos escritores da súa vila natal, dos que chegou a contabilizar, nun estudo de hai anos, máis dun cento comezando no século XVII. Para unha vila que hoxe non chega aos 4.000 habitantes, segundo o censo, e que a principios do século XX a penas superaba os 10.000, non está nada mal. Sobre todo se son da talla de Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Díaz Jácome, Noriega Varela ou Lence-Santar entre os que están xa mortos ou Antonio Reigosa e Marina Mayoral entre os vivos.
Que pode explicar este efervescencia literaria en Mondoñedo? “Non ten resposta doada”, di Armando Requeixo, “pero hai unha cita de Cunqueiro que pode explicar moi ben por onde van os tiros. Di Cunqueiro que Mondoñedo é rica en pans, augas e latíns, e creo que o asunto está por aí”. Os latíns. O seminario de Santa Catalina, un dos máis antigos do Estado, “exerceu como unha auténtica Universidade do Norte”. Requeixo traza un mapa imaxinario que vai “como unha cuña invertida, do que hoxe chamamos Ferrolterra e iría ata o occidente de Asturias. No seu vértice baixaría ata Outeiro de Rei e o final da chaira. Toda esa cuña, incluídos os laterais, a Fonsagrada, a Terra de Miranda polo leste e os concellos de Muras, Oural, o Xistral, Viveiro…”. Centos de rapaces das casas labregas de todas estas terras irían estudar, fosen para cregos ou non, ao Seminario de Santa Catalina que, ademáis, tiña fama de excelentes profesores de latín. “Era a gran casa de saber do Norte”, sinala Armando Requeixo.
Paisaxe e paisanaxe
Pero non se trataba unicamente de educación. “Non hai outro seminario galego comparable ao do Mondoñedo”, advirte Requeixo, “porque soubo incardinarse moi ben na paisaxe e e na paisanaxe”. O uso máis amplo da lingua e da cultura galegas e unha atención especial ás artes literarias foi fundamental. “Era o único mosteiro que designaba, aínda que informalmente, un poeta, que era sempre un alumno dos cursos superiores. Os alumnos máis novos tiñan entón a referencia dun alumno que xa escribía, publicaba nalgunhas revistas”.
Para Requeixo tamén hai outros factores que inflúen na vocación literaria da cidade. “Non deixa de ser unha das capitais do vello Reino de Galicia, e nela existía un certo benestar que facilitaba tamén a circulación da cultura”. Para Requeixo, a propia paisaxe especial de Mondoñedo e a súa comarca facilitaba tamén as cousas. “Mondoñedo é un sitio moi especial, mesmo climatoloxicamente. Esa brétemas que crea, que hoxe afectan á autoestrada, esa zona de transición entre mundos, é como unha especie de punto xeoliterario que absorbe e reverte literatura”.
A pegada da cidade
E hai algo que vincule entre si a toda esta nómina de autores? Para Armando Requeixo, está claro que si. “Hai un sentimento de pertenza literaria. Os que nacemos en Mondoñedo convivimos con esa realidade literaria e temos a consciencia de que formamos parte dunha tradición. E sempre houbo esta consciencia”, sinala Requeixo, que engade graficamente: “temos un sentimento de carreira de relevos, na que uns imos collendo o relevo dos outros”. Ademáis deste sentimento de pertenza, Requeixo insiste en que hai máis cousas en común entre toda esta liñaxe de escritores. “A percepción e a presenza da paisaxe e da tradición é moi importante en moitos deles”.