“O Museo Carlos Maside: Galicia, goberna a túa cultura”, por Iria-Friné Rivera Vázquez

Artigo de Iria-Friné Rivera Vázquez en Historia de Galicia:
“(…) A fundación do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside tivo lugar en 1970, sendo a sua dirección exercida polo Laboratorio de Formas. Os Fundadores, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, tomaron para a sua concepción e actividade fitos artísticos xurdidos en circunstancias nas que a sociedade fora brutalmente sometida a situacións extremas de guerra, fame, analfabetismo e agresividade social, política e intelectual. Entre os fitos que colleron como modelo foron as liñas de pensamento de John Ruskin e a produción de William Morris, quenes comezaron toda unha actividade artística e de iniciativas culturais para un movemento reformista como o Movemento de Artes e Oficios. Movemento pacífico e consciente para contrarrestar os danos producidos pola explotación descontrolada dunha industrialización sen mais leis que a da explotación e a acumulación sen normas e sen dereitos nun marco social, económico, natural e político misóxino e paternalista.
Igualmente recolléronse os fitos que foron o Racionalismo, o Construtivismo, a arte rusa e as tres grandes escolas de deseño europeo: a Bauhaus, os Vkhutemas (que naceron a calor da Bauhaus) e Ulm. É dicir, escolas de arte que a vez funcionaban como arquivos, bibliotecas, fogares, lugares de encontro e espazos de divulgacións. O Museo Carlos Maside fundamentou a sua actividade precisamente nesta liña de acción: proxeccións fílmicas, exposicións, presentacións de libros, obras de teatro, visitas abertas a tódolos públicos e lugar de arquivística para investigación. Pero xunto con isto tamén estaba a connotación que tiñan as escolmas.
O Museo Carlos Maside non so era un epicentro de cultura, senón que esa cultura tiña un propósito. Por circunstancias vitais tanto Seoane (que naceu en 1910) como Díaz Pardo (que naceu en 1920), foron testemuños excepcionais de feitos decisivos. Eles coñeceron os membros da Cova Céltica, das Irmandades da Fala, da Xeración Nós, da Irmandade Nacionalista Galega, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, os Renovadores e foron testemuños e participantes da campaña do Plebiscito do Estatuto de Galicia en 1936. Pero tamén viron as implicacións no auxe do nazismo e do fascismo, vivindo os horrores da Guerra Civil en España. Con iso viron o exilio de figuras como Castelao e a morte dun pai, mentor, referente e amigo como Camilo Díaz Baliño, mutilado en vida e disparado ata o punto de quedar o seu cadáver desfigurado, enterrado nunha tumba sen nome e sen identificación.
A perda de todos eles non se viviu con vergonza ou sumisión. Fixeron valer as mellores virtudes herdadas de xeración en xeración e recolleron o mais construtivo e de valor para, con paciencia, tenacidade e presenza, continuar os principios e valores que eles defenderan facendo da cultura unha segunda pel coa que poder vivir con dignidade. Porque a Cultura dende a xeración da Cova Céltica ata eles, non se comprendía so como unha pasiva adquisición de coñecementos, cousa de uns poucos ou puro espectáculo. A Cultura para todos eles, e aquí radica a relevancia do Museo Carlos Maside con todo o que implicaba e levaba a cabo, estaba en que non se subestimaba as persoas: pola súa porta podían entrar dende obreiros ata mestres, estudantes e científicos, mulleres e homes, nenos e persoas de idade. Non se ignoraban os temas por complexos que foran, porque non é cuestión de evitar a complexidade. A cuestión é saber traballala como é debido. Non vale de nada facer actividade cultural se esta resulta baleira, implicando que as persoas son incapaces de regularse e funcionar como audiencias pensantes. Ao facer o Museo Carlos Maside e o amplo rango de actividade cultural, enxergaban en algo real e historicamente resoante. (…)”

O Consello da Cultura Galega abre as cartas de Luís Seoane

Desde Sermos Galiza:
“(…) A correspondencia que publica agora en rede o Consello da Cultura Galega mostra as cartas de ou a Seoane nunha comunicación establecida con máis de 200 persoas. Francisco Fernández del Riego con 284, Domingo García Sabell con 85, Armando Zegrí con 72 ou Ramón Piñeiro con 69 son os interlocutores con maior número de cartas no seu epistolario. Os temas máis recorrentes deixan á vista tamén a traxectoria de Luís Seoane labrada ás dúas beiras do océano. Centro Galego de Bos Aires, Editorial Galaxia, Galicia Emigrante, Galería Bonino, Cadernos Grial, La Nación, Revista Galicia, La Noche, Museo Carlos Maside, Sargadelos son os asuntos dos que máis fala o creador galego.
As cartas foron dixitalizadas, editadas e contextualizadas por un equipo de documentalistas e filólogos e permite realizar buscas por temas ou nomes a través do conxunto destes escritos que Seoane elaborou para a comunicación persoal sen vontade de seren publicados mais que dan grande información sobre a súa figura e o acontecer intelectual do seu tempo. De cada unha das cartas pódese acceder ao orixinal -manuscrito ou a máquina- e tamén a súa versión dixitalizada. O traballo inclúe unha ficha de identificación persoal das duascentas persoas que se escriben con Seoane. A colección ampliarase nos vindeiros meses con cartas relacionadas co grupo de Sargadelos e as amizades do exilio, entre outras. (…)”