“O instante eterno é un documental sobre a obra e a vida de Xosé María Díaz Castro, dirixido por Xosé Antón Cascudo. O proxecto botou a andar no ano 2011 co obxectivo de difundir a figura do poeta, de cara á celebración do centenario do seu nacemento en febreiro do 2014.
A pesar da súa indiscutible calidade poética, referendada en Nimbos, a obra de Díaz Castro era case descoñecida para o público até o pasado 21 de xuño, cando a Real Academia Galega o designou como o autor ao que se dedicarán as Letras Galegas do 2014. Precisamente o esquecemento deste tesouro e certos enigmas arredor da figura do poeta constituíron o impulso definitivo para a posta en marcha do documental.
Foi Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a persoa que máis alentou O instante eterno, cedendo a Cascudo gran parte do arquivo fotográfico e textual do poeta. Despois de meses de estudo desta documentación trazouse a idea esencial do proxecto: un poema visual en cinco tempos, coincidindo coas catro estacións da vida de Díaz Castro e un epílogo sobre a pegada estética da súa obra.
Na primeira fase da produción realizouse unha rolda de entrevistas nas que participaron o propio Alfonso Blanco; o poeta e expresidente da RAG Méndez Ferrín; Félix Villares, docente no Seminario de Mondoñedo e estudoso da Escola Poética da Terra Chá; Armando Requeixo, crítico literario, especialista en Díaz Castro; e Raúl Río, amigo e autor do busto do poeta na súa parroquia natal dos Vilares. Hai que destacar tamén a colaboración da poeta Xiana Arias que puxo voz a varios dos poemas do autor.
En canto ás localizacións do filme inclúense os lugares emblemáticos do poeta: Mondoñedo –cuxo seminario era naquel tempo o berce poético da comarca chairega–, Betanzos –vila na que Díaz Castro gañou o certame dos Xogos Florais en 1946–, Vilagarcía de Arousa –onde exerceu de docente no Colexio León XIII trala Guerra Civil– e Madrid –lugar de residencia do poeta durante gran parte da súa vida, quizais o feito que o arredaría dos círculos culturais, e que explica o seu esquecemento–. Mención especial merece a contorna da aldea natal do Vilariño, a carón da Serra de Montouto, límite natural entre as provincias de Lugo e A Coruña, espazo no que se afunden as raíces literarias do autor e que iluminan dúas das súas claves poéticas: a paisaxe e a lingua.
O obxectivo de O instante eterno é reflexionar sobre o proceso de creación artística de Díaz Castro, explorando un lento pero obstinado labor por acadar a excelencia en cada un dos seus versos, e que explica –en parte– que só publicase un libro en vida. Partindo dunha humilde ascendencia labrega o poeta dos Vilares vaise desprovendo das eivas que lastraban a poesía do seu tempo até escribir Nimbos, unha obra que se revela á vez como relixiosa, existencial e social, construída nunha admirable harmonía entre ética e estética.
Así mesmo, O instante eterno procura amosar as condicións nas que se desenvolvía aquela sociedade marcada pola miseria e a emigración na que medrou o poeta. Neste sentido os mellores guías foron os seus propios versos, xa que en Nimbos se atopa condensada a historia sentimental de Galicia, a nosa cerna identitaria. Desde o presente, afondando na paisaxe humana e biolóxica que contemplaron os ollos do poeta, asistimos a profundas transformacións; o que subsiste, máis alá do efémero, é o que Díaz Castro mudou en eterno nos seus versos.
Antes de iniciar a fase final do proxecto preséntase un teaser do documental, en cuxa realización colaboraron Jessica Rey e Alba Domínguez en labores de montaxe, fotografía e grafismo. Nas próximas semanas completaranse as últimas tres entrevistas con persoas moi vinculadas ao poeta de Guitiriz. A intención é estrear o filme durante a semana do centenario, no mes de febreiro do 2014.”
Arquivos da etiqueta: Nimbos
Máis de vinte cineastas confirman a participación no Proxecto Nimbos
Desde Sermos Galiza:
“Cineastas como Margarita Ledo, Eloy Enciso, Oliver Laxe, Xurxo Chirro, Xacio Baño, Alfonso Zarauza, Ángel Santos ou Xan Gómez Viña responderon xa á chamada de Martin Pawley a través do blog Acto de Primavera e crearán nos próximos meses unha curta arredor de Nimbos de Díaz Castro no que promete ser un ambicioso proxecto audiovisual colectivo que implique, entre outros, a unha boa parte dos nomes do coñecido como novo cinema galego.
De máis de trinta convites enviados por Martin Pawley para participar no Proxecto Nimbos, máis de vinte persoas responderon en poucos días confirmando que entrarían a formar parte desta iniciativa que quer levar a obra de Díaz Castro ao audioviual a partir de pezas de autoría que teñan como referencia os versos do autor que será homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas.
Martin Pawley confesa que a idea de desenvolver un proxecto fílmico colectivo arredor de Nimbos venlle de vello e, de feito, abonda seguir as súas pegadas na rede para adiviñar a querenza que ten polo poeta de Guitiriz. Ocórreselle agora que a designación da RAG do seu nome para a homenaxe do próximo ano xunto coa conmemoración do centenario do seu nacemento é unha ocasión acaída para botar a andar esa vella idea que conta xa cun nutrido grupo de participantes.
A través do blog Acto de primavera e por medio de correos electrónicos, propúxolle aos creadores a iniciativa de elaboraren unha curta de entre un e cinco minutos asociada a un poema do libro. “Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema” sinala na carta. A liberdade creativa será plena e os promotores só poñen dúas condicións, o tempo e evitar o uso íntegro e literal dos poemas.
“O cariño e o apoio moral dos promotores” son os únicos recursos que reciben os participantes nunha iniciativa que carece de orzamentos mais que, mesmo así, está a ter tan boa acollida por parte de importantes nomes da nova creación audiovisual galega. Dentro duns meses comezarán a difundir os traballos a través de Acto de primavera e contan con que a maioría estean prontos antes do 17 de maio.”