Compostela: 4º Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia

A Coruña: proxección de O instante eterno, de Xosé Antón Cascudo

A sexta feira 7 de marzo, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo) da Coruña, proxéctase o documentario O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo, quen estará presente no acto, e montado por Jessica Rey, arredor da vida e obra de Xosé María Díaz Castro.

O instante eterno, documental sobre Xosé María Díaz Castro

O instante eterno é un documental sobre a obra e a vida de Xosé María Díaz Castro, dirixido por Xosé Antón Cascudo. O proxecto botou a andar no ano 2011 co obxectivo de difundir a figura do poeta, de cara á celebración do centenario do seu nacemento en febreiro do 2014.
A pesar da súa indiscutible calidade poética, referendada en Nimbos, a obra de Díaz Castro era case descoñecida para o público até o pasado 21 de xuño, cando a Real Academia Galega o designou como o autor ao que se dedicarán as Letras Galegas do 2014. Precisamente o esquecemento deste tesouro e certos enigmas arredor da figura do poeta constituíron o impulso definitivo para a posta en marcha do documental.
Foi Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a persoa que máis alentou O instante eterno, cedendo a Cascudo gran parte do arquivo fotográfico e textual do poeta. Despois de meses de estudo desta documentación trazouse a idea esencial do proxecto: un poema visual en cinco tempos, coincidindo coas catro estacións da vida de Díaz Castro e un epílogo sobre a pegada estética da súa obra.
Na primeira fase da produción realizouse unha rolda de entrevistas nas que participaron o propio Alfonso Blanco; o poeta e expresidente da RAG Méndez Ferrín; Félix Villares, docente no Seminario de Mondoñedo e estudoso da Escola Poética da Terra Chá; Armando Requeixo, crítico literario, especialista en Díaz Castro; e Raúl Río, amigo e autor do busto do poeta na súa parroquia natal dos Vilares. Hai que destacar tamén a colaboración da poeta Xiana Arias que puxo voz a varios dos poemas do autor.
En canto ás localizacións do filme inclúense os lugares emblemáticos do poeta: Mondoñedo –cuxo seminario era naquel tempo o berce poético da comarca chairega–, Betanzos –vila na que Díaz Castro gañou o certame dos Xogos Florais en 1946–, Vilagarcía de Arousa –onde exerceu de docente no Colexio León XIII trala Guerra Civil– e Madrid –lugar de residencia do poeta durante gran parte da súa vida, quizais o feito que o arredaría dos círculos culturais, e que explica o seu esquecemento–. Mención especial merece a contorna da aldea natal do Vilariño, a carón da Serra de Montouto, límite natural entre as provincias de Lugo e A Coruña, espazo no que se afunden as raíces literarias do autor e que iluminan dúas das súas claves poéticas: a paisaxe e a lingua.
O obxectivo de O instante eterno é reflexionar sobre o proceso de creación artística de Díaz Castro, explorando un lento pero obstinado labor por acadar a excelencia en cada un dos seus versos, e que explica –en parte– que só publicase un libro en vida. Partindo dunha humilde ascendencia labrega o poeta dos Vilares vaise desprovendo das eivas que lastraban a poesía do seu tempo até escribir Nimbos, unha obra que se revela á vez como relixiosa, existencial e social, construída nunha admirable harmonía entre ética e estética.
Así mesmo, O instante eterno procura amosar as condicións nas que se desenvolvía aquela sociedade marcada pola miseria e a emigración na que medrou o poeta. Neste sentido os mellores guías foron os seus propios versos, xa que en Nimbos se atopa condensada a historia sentimental de Galicia, a nosa cerna identitaria. Desde o presente, afondando na paisaxe humana e biolóxica que contemplaron os ollos do poeta, asistimos a profundas transformacións; o que subsiste, máis alá do efémero, é o que Díaz Castro mudou en eterno nos seus versos.
Antes de iniciar a fase final do proxecto preséntase un teaser do documental, en cuxa realización colaboraron Jessica Rey e Alba Domínguez en labores de montaxe, fotografía e grafismo. Nas próximas semanas completaranse as últimas tres entrevistas con persoas moi vinculadas ao poeta de Guitiriz. A intención é estrear o filme durante a semana do centenario, no mes de febreiro do 2014.”