Charo Lopes, XXIII premio González Garcés de Poesía

Desde a Deputación da Coruña:
“Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra O diálogo das siamesas, presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, formado por autoras e autores galegos de recoñecido prestixio e que representan diferentes xeracións da poesía galega actual: Marta Dacosta, Daniel Salgado, Silvia Penas, Jesús Castro e Estíbaliz Espinosa Río. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa da área provincial de Cultura.
Da obra premiada, das 72 que concorreron ao certame, o xurado destacou que é “un relato actual do mundo, do presente, que supera a experiencia persoal, o cotián e os grandes temas con eficacia”. O comité avaliador valou “a construción dunha voz bicéfala con retranca e humor negro que indaga na dualidade, na negociación interna”. “A través dun corpo compartido”, salientou, “a autora consigue unha translación do eu ao colectivo, nun conxunto de poemas formalmente ben articulado, con amplos rexistros e carácter, con moi bo manexo da repetición e catalogación dos seus elementos”. (…)”