Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 4 e domingo 5

OFeira do Libro de Ourense 2016 cartaz sábado 4 e domingo 5 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 4
18:00 h. Contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz, organizado por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Presentación de Transición, de Pablo Fernández Barba, publicado por Sotelo Blanco Edicións, obra gañadora do XVI Premio Risco de Creación Literaria.
19:30 h. Bieito Iglesias asina exemplares de O ouro de Ourense, publicado por Engaiolarte, na caseta da Libraría Kathedra.
20:00 h. Presentación de O volframio en Varilongo, de Carmen Blanco Ramos, publicado por Xerais. No acto acompañará á autora Patricia Arias Chachero.

Domingo 5
12:30 h. Presentación do libro Lindos abrollos, de Carlos Abeledo, publicado por Edicións Embora, con cata de viños de Adega Pousadoiro.
20:00 h. Presentación de Liquidación de existencias, de Ramón Caride, publicado en Xerais. No acto acompaña ao autor Jorge Emilio Bóveda.
21:00 h. Presentación do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, Análise estructural e simbólica do mito da moura, de Rafael Quintiá, publicado por Sotelo Blanco Edicións. No acto participan Miguel Losada, Antonio Blanco e José Mª Eguileta.

Bieito Iglesias: “Ourense é a cidade galega sobre a que máis se escribiu”

EntrevistaBieito Iglesias 2015 de César Lorenzo Gil a Bieito Iglesias en BiosBardia:
O ouro de Ourense (Engaiolarte) é, en definición dun dos seus autores, Bieito Iglesias (Ourense, 1957), unha guía de viaxes literaria ou un itinerario novelesco con fasquía de ensaio, ou viceversa, no que o percorrido pola cidade da nación, infancia e adolescencia do autor se vai entrefebrando coa propia pegada da memoria. Conversamos sobre este libro e tamén ao redor do momento creativo do escritor.
(…) – BiosBardia (B): O concepto “ourensanía” tamén se converteu nun eslogan. En verdade ten Ourense unhas condicións específicas, a nivel provincial, que a converten nun territorio diferenciado?
– Bieito Iglesias (BI): Se o da ourensanía se reduce a crear unha bandeira e un himno, estamos a falar de folclore, unicamente. Mais eu si que penso que existe un feito diferencial de Ourense en termos de cultura. Ourense foi durante moito tempo o único núcleo urbano da provincia (antes da expansión do Carballiño, Verín e O Barco) e por así dicilo foi consciente dese feito urbano, tanto que na cultura galega é unicamente en Ourense onde se dá a literatura propiamente urbana. Primeiro a Xeración Nós e logo, principalmente, Eduardo Blanco Amor, recrean e inventan a cidade con parámetros literarios que ao mesmo tempo estaban empregando outras figuras, caso de James Joyce a respecto de Dublín. Esta representación literaria marca a propia idiosincrasia de Ourense, reflíctese e proxéctase durante o tempo, crea unha tradición literaria que aínda perdura.
– B: Vostede forma parte desa tradición. Ourense está moi presente na súa obra.
– BI: No meu caso, esa tradición váleme para encontrar a casa medio feita, o que é unha axuda. De todos os xeitos, en cada caso, o peso espacial é diferente nas obras literarias de cadaquén. James Joyce, malia vivir en Francia e en Suíza, sempre escribiu sobre Dublín, onde nacera e onde se criara. O mesmo se pode dicir de Eduardo Blanco Amor, que é o noso Joyce particular e que sempre lle foi “fiel” a Ourense malia só vivir na cidade na mocidade e na vellez. O caso contrario é o de Valente, onde non hai rastros das súas vivencias. A infancia é moi importante nos escritores, en algúns, e define os temas ou necesidades literarias. No caso de Ourense, o distanciamento tivo certo valor para autores como Xosé Luís Méndez Ferrín ou Carlos Casares ou máis recentemente Diego Ameixeiras.
– B: Que opina da literatura que se publica arestora?
– BI: Dáse no noso sector editorial (quizais dun xeito máis acusado por mor dos problemas económicos) unha tendencia mundial que se foi consolidando nas últimas décadas: o mercado moderno é o canon e aquilo que non vende non entra no canon. De verdade Stieg Larsson é o canon? Se collemos os catálogos editoriais galegos vemos que hoxe é máis difícil que hai 30 anos publicar unha novela adxectivada como literaria, e iso que daquela non había nin raíz dun sistema editorial digno de tal nome. (…)”

Entrevista a Bieito Iglesias, autor de O ouro de Ourense

DesdeBieito Iglesias 2015 o Zig-zag da Televisión de Galicia:
O ouro de Ourense, de Bieito Iglesias, con fotografías de Xulio Gil, fai un percorrido pola historia, literatura e as imaxes da capital das Burgas. A entrevista completa pode verse aquí.”

Bieito Iglesias presenta O ouro de Ourense

DesdeBieito Iglesias 2015 o Diario Cultural da Radio Galega:
“”O ouro de Ourense é a achega que fixeron os escritores e artistas ourensáns que case recrearon unha cidade a partir da realidade histórica dunha cidade pequena”. Bieito Iglesias presenta o libro O ouro de Ourense. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”