Isaac Xubín: “Hai cousas que se non as conto eu non as contará ninguén”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Isaac Xubín en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela lle gustaría protagonizar?
– Isaac Xubín (IX): As miñas, por iso é que as escribo, para lembrar o que pasei, para imaxinar o que puido ser ou para facer memorial de agravios. Como di Sarrionandia no documental Joseba Sarrionandia, Hemen eta han, eu ben me conformaría con ser lector, pero hai cousas que se non as conto eu, cousas que eu vin, que eu escoitei, non as contará ninguén.
Porque eu escribo para min mesmo. Só eu sei do galicismo que introducín n’Os largos e longos campos de liño azul e que tamén empregou Pedrayo n’Os camiños da vida. Só eu sei que DB significa Danny Boy e que é un fósil dos primeiros pasos da construción da novela que daquela levaba o nome Matar a DB. Só eu sei cal era a canción que lle cantaba a Radoslav seu pai en Non hai outro camiño ou a identidade real que se agocha tras o número de identificación do censor que aparece na novela. Só a min me importa que a min me interese a historia que estou a contar, non me importa nada que a outros non lles resulten interesantes… Sobre os impostores xa falo en Xenealoxía dun intruso. (…)
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– IX: Creo que o escritor coñece moi ben as personaxes e as situacións que aparecen nas súas obras. Igual que os bos actores coñecen as personaxes que interpretan máis aló do que é visible e explícito no guión, na escena ou na pantalla. En todo o caso gustaríame ter vivido o que viviron algúns autores para que chegase á súa imaxinación a posibilidade de escribir o que escribiron.
– B: Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?
– IX: Ningún. Tiven a sorte (esa sorte que se valora e aprecia coa perspectiva temporal) de non ter nin compaña nin padriño nin partido, é dicir, comecei a publicar tarde, habería cousas que agora non escribiría do mesmo xeito pero foron parte dun proceso ao que, sospeito, non lle queda moito tempo. Considérome un seguidor de Oteiza, escribo para aprender a escribir e, coma el na escultura, o día que sinta que cheguei ao cumio das miñas posibilidades, deixarei de facelo. Insisto, escribo para min, a cousa que máis insoportable se me fai de entre todas as cousas aburridas son eu cando aburro. (…)”

Tabela dos libros. Marzo de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes do mes, chega a nova Tabela dos libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”