Isaac Xubín: “Hai cousas que se non as conto eu non as contará ninguén”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Isaac Xubín en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela lle gustaría protagonizar?
– Isaac Xubín (IX): As miñas, por iso é que as escribo, para lembrar o que pasei, para imaxinar o que puido ser ou para facer memorial de agravios. Como di Sarrionandia no documental Joseba Sarrionandia, Hemen eta han, eu ben me conformaría con ser lector, pero hai cousas que se non as conto eu, cousas que eu vin, que eu escoitei, non as contará ninguén.
Porque eu escribo para min mesmo. Só eu sei do galicismo que introducín n’Os largos e longos campos de liño azul e que tamén empregou Pedrayo n’Os camiños da vida. Só eu sei que DB significa Danny Boy e que é un fósil dos primeiros pasos da construción da novela que daquela levaba o nome Matar a DB. Só eu sei cal era a canción que lle cantaba a Radoslav seu pai en Non hai outro camiño ou a identidade real que se agocha tras o número de identificación do censor que aparece na novela. Só a min me importa que a min me interese a historia que estou a contar, non me importa nada que a outros non lles resulten interesantes… Sobre os impostores xa falo en Xenealoxía dun intruso. (…)
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– IX: Creo que o escritor coñece moi ben as personaxes e as situacións que aparecen nas súas obras. Igual que os bos actores coñecen as personaxes que interpretan máis aló do que é visible e explícito no guión, na escena ou na pantalla. En todo o caso gustaríame ter vivido o que viviron algúns autores para que chegase á súa imaxinación a posibilidade de escribir o que escribiron.
– B: Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?
– IX: Ningún. Tiven a sorte (esa sorte que se valora e aprecia coa perspectiva temporal) de non ter nin compaña nin padriño nin partido, é dicir, comecei a publicar tarde, habería cousas que agora non escribiría do mesmo xeito pero foron parte dun proceso ao que, sospeito, non lle queda moito tempo. Considérome un seguidor de Oteiza, escribo para aprender a escribir e, coma el na escultura, o día que sinta que cheguei ao cumio das miñas posibilidades, deixarei de facelo. Insisto, escribo para min, a cousa que máis insoportable se me fai de entre todas as cousas aburridas son eu cando aburro. (…)”

Ars dedicandi: Ramón Otero Pedrayo

DesdeRamón Otero Pedrayo o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 5 de marzo de 1888 nacía en Ourense, no segundo andar do edificio que hoxe leva o número 25 da rúa da Paz, Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca por antonomasia e unha das figuras claves da Historia da Literatura Galega do pasado século. (…)
Recupero aquí unha súa dedicatoria a Antonio Couceiro Freijomil, autor amigo, da súa mesma quinta, compañeiro de angueiras no SEG e, aínda que eumés, vencellado á súa Auria natal, pois no tempo no que foi escrita atopábase naquela cidade exercendo como Inspector de Ensino, cargo moi cobizado e respectado, o que explica a deferencia coa que o señor de Trasalba o trata, sendo como era el mesmo daquela catedrático do instituto da súa cidade.
De por parte, a dedicatoria figura nunha obra fundamental dentro da bibliografía oteriana, nada menos que o volume primeiro da triloxía Os camiños da vida, que apareceu en 1928 na mítica Editorial Nós de Ánxel Casal, entón aínda radicada na cidade da Coruña. Con Os señores da Terra Otero principiaba a saga dos Doncos e os Puga, que había de explicar, xa por sempre, o convulso e cambiante tempo que trouxo consigo o ascenso da burguesía e a caída da vella fidalguía galega.”

ars_dedicandi_otero_ocv

Cuestionario Proust: Henrique Monteagudo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Monteagudo:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Optimismo da vontade, pesimismo da razón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Intelixencia e honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Comprensión e apoio.
4.– A súa principal eiva?
– Precipitación.
5.– A súa ocupación favorita?
– Aprender.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A realización plena.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda da miña dona ou dunha filla.
8.– Que lle gustaría ser?
– Músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– País, neste que vivo. Cidade: Nova York.
10.– A súa cor favorita?
– Todas as do mar, desde o azul opaco ata o verde cristalino.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A dos chuchameles.
12.– O paxaro que prefire?
– O mascato.
13.– A súa devoción na prosa?
– Borges, Poe, Saramago, Cunqueiro, Martín Sarmiento.
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro, Fernando Pessoa.
15.– Un libro?
Os camiños da vida.
16.– Un heroe de ficción?
– Éitor.
17.– Unha heroína?
– Antígona.
18.– A súa música favorita?
– Son moi ecléctico: desde a medieval e a clásica ata o jazz e o rock and roll.
19.– Na pintura?
– Giorgio de Chirico, Magritte, Seoane.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Malala Yousafzai.
21.– O seu nome favorito?
– Durandal.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A pesadez e a mala educación.
23.– O que máis odia?
– O ruído.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia británica contra a ofensiva nazi en 1940-42.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Talento para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– A morte non me preocupa moito, preocúpame moito máis a doenza.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Tornadizo, tendendo a ansioso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A gula e a lascivia.
30.– Un lema na súa vida?
Hinc et nunc, que é o reverso complementario de Tempus fugit.”

Cuestionario Proust: Xoán Carlos Domínguez Alberte

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xoán Carlos Domínguez Alberte:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Vitalidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Permanencia.
4.– A súa principal eiva?
– Non estar activo máis horas.
5.– A súa ocupación favorita?
– A (agri)cultura.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que o rural galego estea poboado con xente de todas as idades que viva ben.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ver esborrallarse a casa do meu interior.
8.– Que lle gustaría ser?
– Profesor de lingua non estranxeira.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza próspera e soberana.
10.– A súa cor favorita?
– O verde do outono tenro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A das roseiras do país.
12.– O paxaro que prefire?
– A curuxa.
13.– A súa devoción na prosa?
– Otero Pedrayo talvez.
14.– E na poesía?
– O poder da palabra que se expande entre Mahmud Darwix e Luís Pimentel.
15.– Un libro?
– Dous de mil: Pedro Páramo e Os camiños da vida.
16.– Un heroe de ficción?
– Astérix.
17.– Unha heroína?
– As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos. Calquera delas.
18.– A súa música favorita?
– Clásica.
19.– Na pintura?
– Carlos Maside.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Castelao.
21.– O seu nome favorito?
– É composto: Celtia Minia ou ben ao revés.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A traizón.
23.– O que máis odia?
– Non procurar o ben común.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera fascista; nin sequera son dignos de chamalos polo nome.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia da guerrilla antifranquista.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A constancia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Felizmente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A fabulación.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os feitos para gañar unha ración de pan de subsistencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Denantes mortos que escravos.”