Entrevista a Antón Cortizas en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Como se xestou o libro [Os versos da mariola]?
– Antón Cortizas (AC): É froito do Tastarabás e de Chirlosmirlos (dous traballos previos). Son versos dedicados a este xogo que en Ferrol chamamos a chapa, aínda que ten moitísimos nomes e tamén deseños. É un xogo iniciático, como un camiño de vida simbólico. A idea foi poemizar nel todos os valores do xogo tradicional.
– DF: Que vostede cultivou desde neno en Canido…
– AC: Si. Na tribo que eramos da rúa Atocha levabámonos moi ben nenos e nenas e non había un que mandase sempre. Seguiamos as pautas do xogo tradicional, así que iso se botaba a sortes.
– DF: A súa xeración, a que viviu a infancia nos anos 60, foi a última que puido gozar plenamente do xogo tradicional, do xogo na rúa?
– AC: Non, hóuboas posteriores. Por exemplo, cando estaba dando aulas en Mugardos nos 80 un dos meus labores foi divulgar o xogo tradicional e que non se perdese. Teño unha recolleita, contada polo meu alumnado, de máis de 140 diferentes. Só en Mugardos.
– DF: Chama a atención a enorme diversidade que hai neste eido…
– AC: Moita. En Chirlosmirlos, enciclopedia que publiquei despois, grazas a Henrique Sanfiz –chamoume para dicirme que aquel programa de radio que fixeramos nos 80 podía saír en libro–, aparecen 450 xogos diferentes. Posteriormente, en Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, hai máis de 800 xoguetes. É unha riqueza espectacular. (…)”
Arquivos da etiqueta: Os versos da mariola
Compostela: presentación de Os versos da mariola, de Antón Cortizas Amado
Antón Cortizas: “No xogo tradicional hai un valor moi importante: os roles sempre son cambiantes”
Entrevista de Laura Veiga a Antón Cortizas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como foi saber que ía recibir o Premio Arume por Os versos da mariola?
– Antón Cortizas (AC): Resulta moi agradábel ver que algo que ti fixeches gusta, máis se é un premio que leva detrás o nome de Neira Vilas. Xa recibira unha mención de honra polo poemario Cando as follas voan. Nos premios literarios hai que ser insistente porque teñen que darse unha serie de circunstancias como ter unha obra dunha certa calidade e que lle guste a ese xurado concreto, porque sobre gustos non hai nada escrito.
Os versos da mariola é un capítulo máis da miña obra dedicada ao xogo e ao brinquedo tradicional. Na miña xuventude comecei a describir os xogos do meu barrio en Ferrol e de investigacións posteriores xurdiron Chirlosmirlos (Xerais) e Tastarabás (Xerais).
A mariola é un xogo universal con moitos nomes e que podemos ver nos parques debuxada de diversas formas, mais infelizmente non vemos moitas crianzas xogando nela. Aquí, eu decidín xogar coas palabras e co xogo mesmo da mariola. Son 26 poemas que se van colocando de forma que a propia lectura é un xogo en si.
Ademais, intento valorizar precisamente o xogo tradicional, así como escapar un pouco das pantallas e das novas tecnoloxías.
– ND: É unha forma de transmitir estes xogos a crianzas que non os viviron pola falta de transmisión xeracional, non?
– AC: Claro. Si que temos iniciativas, como o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, no que se intenta divulgar precisamente isto para que as crianzas gañen os beneficios tan fantásticos que ten o xogo tradicional. Como docente que fun toda a miña vida, a educación ten un papel fundamental aquí, mais a escola non está facendo moito por este labor. É dicir, si que hai algunhas escolas que brillan pola divulgación e polo estímulo do xogo tradicional, en Ferrol e en Santiago mesmo hai, mais en xeral parece que por parte do profesorado non se lle dá demasiada importancia, cando ten bastante máis que outro tipo de cousas que se tratan nos centros.
O xogo tradicional leva miles de anos entre os seres humanos e é unha forma natural do desenvolvemento humano porque serve para interiorizar as capacidades físicas do corpo e o movemento, así como de aprendizaxe das normas de grupos.
Claro, estas normas moitas veces tamén aparecen terxiversadas a través da ideoloxía ou do sistema dominante, porque os valores están aí. Eu lembro ter xogado ás guerras e agora pénsoo e é unha burrada, algo totalmente evitábel. Con todo, tamén é certo que no xogo tradicional hai un valor moi importante: os roles son cambiantes. A persoa xefa de equipo nun determinado xogo, na seguinte partida non o será.
Algo que non se dá na sociedade, porque acaba mandando a xente de sempre, mais no xogo tradicional vaise desenvolvendo a convivencia e apréndese a valorar as demais persoas, dándonos de conta de que sen outra xente non podemos xogar nin dirixir un equipo. Isto para min é importantísimo. (…)”
Antón Cortizas gaña o Premio Arume de poesía infantil 2022
Desde Cultura Galega:
“Unha nova edición do premio Arume de Poesía para a infancia vén de fallarse, a segunda tras retomar este certame o pasado 2021 logo de anos de parada. O xurado desta edición decantouse pola obra Os versos da mariola de Antón Cortizas (Ferrol, 1954) destacando dela a reivindicación que fai do xogo tradicional a través da poesía, que explica como “unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día”, un tema do que Cortizas é un dos grandes coñecedores como deixou claro no volume Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais (Edicións Xerais, 2013). No caso desta obra poética o xurado explica que é unha proposta lúdica, “atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe”, asegura na súa acta. O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos, hoxe en día é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GÁLIX – Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, con Edicións Embora como empresa editora dos libros premiados. Este venres, 16 de decembro, ás 18.00 h. no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela terá lugar a entrega do premio, que ten unha dotación en metálico de 1.000 euros. No mesmo acto presentaranse os libros Violeta Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior.”