‘Contra os escritores de verdade

Entrevista a Berta Dávila, Pablo García, Gonzalo Hermo e Andrea Nunes Brións, en El País (Galicia):
“A literatura, que non é un valor de seu nin garante nada, a sociedade -que non sabe que facer con ela- e a escritura sen expectativas. O vicio de estabular xente segundo marcas cronolóxicas -a algúns deles xa os chamaron outra vez novísimos-, o espazo da cultura cando só intervén como mercadoría e a cuestión do idioma, que o atravesa todo. Destes asuntos e algúns máis falan catro autores nacidos entre 1984 e 1987. Mañá participan no sexto congreso de autores mozos que organiza na Coruña a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Da tinta á pegada dixital. Ningún deles ten traballo estable. Como preguntar por que se escribe é de mal gusto, a conversa empeza polo lugar onde radica aínda a importancia da literatura. “O importante é que valla para algo”, resume a poeta Andrea Nunes Brións. “Como xeito de se expresar e, amais, como forma de acción directa”, di a autora do recente Todas as mulleres que fun (Corsárias) e Corrente do esquecemento, editado en 2007 por Aturuxo, o colectivo galego que defende os dereitos das sexualidades non heterónomas. Gonzalo Hermo contrapón a lentitude do discurso poético ao “bombardeo semiótico” na vida. “Lía o outro día sobre a linguaxe do fascismo, obscenamente directa, como a da publicidade. A poesía sería a linguaxe do contrario” (…)”

Vigo: Tucho Calvo xunta os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia

A Casa do Libro de Vigo acollerá o 10 de xuño todos os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia. No documento adxunto achegamos unha breve información sobre ese acto, que agardamos sexa do voso interese. Na imaxe que ofrecemos aparecen, de esquerda a dereita, Patricia Casas (gañadora da 3ª edición), Alberto Ramos (2ª edición), Tucho Calvo (director literario de Biblos), Iria López Teixeiro (1ª edición) e Pablo García (5ª edición). Falta na fotografía Berta Dávila, gañadora da 4ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia. (Biblos Clube de Lectores)

Pablo García gaña o V Premio Biblos-Pazos de Galicia

Pablo García Martínez (Arzúa, 12-12-1985) é o gañador da 5ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia que se fallou no transcurso dunha cea que na noite do venres 10 de xullo reuniu na Casa Grande do Bachao (Santiago) a un cento de personalidades do mundo cultural galego. A obra, que ten o título provisional de Relato dun estalido xordo, comezará agora a súa etapa de redacción definitiva na que o autor contará con Manuel Rivas (que non puido estar presente por atoparse de viaxe) como titor e que rematará cara a fin de ano coa súa publicación en galego e en castelán.