Morreu un Mestre da Memoria, morreu Serafín Mourelle

A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria, nomeado en 2017 desde a Sección de Literatura de Tradición Oral.

MAR DE IRLANDA

Mar de Irlanda, Mar de Irlanda,
mar agarimoso e traidor,
fuches de min o sustento
e tamén depredador.
De ti saquei pan prós fillos
mais todo o que eu non tivera
a cambio en ti eu deixei
toda a miña vida enteira.
Catorce anos eu tiña
cando ata ti me acheguei,
agora xa son sesenta
e nunca máis voltarei.
Canta loita, Mar de Irlanda,
contra ti desenvolvín
para arrincarche ese peixe
que ti non queres ceder.
Agarimoso, as menos veces
ata te deixas querer,
traidor, falso e asasino,
cando bravo queres ser.
Cantos días, cantas noites,
sobre ti eu capeei,
defendendo aquel barquiño
que ti querías comer.
Agarradiño ó temón,
amedrentado me tiñas
mais con café e cigarros
eu sempre a ti che vencía.
Negras e longas noites
de ventos fuxindo endemoñados.
Fúnebre música de Santa Compaña
ó bater con paus, cables, cordas
e todo canto atopaban.
Mares falsos e tolos,
grandes coma montañas
ameazaban tragarnos
nun só momentiño.
Confésoche, Mar de Irlanda,
que no fragor da sonata
máis dunha vez escoitei
a voz do meu pobre irmán
e a de tantos amigos
que levaches, traidor,
ó máis mouro dos abismos.
Parecía que choraban
aínda pedindo auxilio.

Este é un resumo da vida mareira de Serafín Mourelle Bugallo e ao tempo o poema co que remata o seu libro recentemente editado en Caldeirón e dedicado ao querido compañeiro desaparecido Paco Souto titulado Carapelas de sal e iodo, se ben hai que dicir que cando fixo o poema, dedicado ao seu irmán e a outros mariñeiros desaparecidos nese mar, tiña uns poucos anos menos. El mesmo estivo a punto de perder a vida caendo á auga cando tiña 16 anos. Di que chegou ouvir algúns compases da derradeira sonata que escoitan os homes que finan no mar, pero por fortuna os compañeiros deron achegado a embarcación a onde el estaba e puideron salvalo.
Serafín naceu en Corme en 1933. Moi novo embarcou por primeira vez coa categoría de cho, que vén ser axudante de cociña, e chegou a converterse nun patrón de sona no Grande Sole (pronunciado Gran Sol) . Nos anos sesenta foi dos que descubriron os fértiles caladoiros de Porcupine (que traducido ao galego sería Ourizo cacho), un volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Dicía Serafín de si mesmo: “Eu nacín en Corme, crieime na Coruña, casei en Noia, vivín no Gran Sol. De onde son?… Son do mar máis que de sitio ningún”. A pesar de todo, o mar para el tamén era poesía, como ben dixo Xurxo Souto.
Tanta vida no mar leva a converter unha persoa intelixente e inqueda como Serafín en autodidacta e transformala en experimentado astrónomo. Un dos seus máis importantes instrumentos de traballo era un sextante mercado nun porto de Irlanda da marca Hezannith, ilustre marca que fabricaba instrumental para investigación científica e para navegación marítima en Londres no distrito de New Eltham, en Greenwich, dende 1845, case corenta anos antes de que aquilo se convertese en referencia do meridiano cero.
Pero as inquedanzas de Serafín Mourelle non remataron nin na astronomía nin na poesía, xa que ten unha novela inédita titulada Cartas ao meu avó, na que narra a súa aventura na mariña mercante, no banco Canario-Sahariano e nas augas do Grande Sole.
Cómpre dicir ademais de Serafín que a pesar de que a maioría dos patróns chegaban a adoptar a mesma ideoloxía do armador, nunca esqueceu as súas orixes e dende sempre estivo no lado dos traballadores, ata o punto de estar afiliado ao Partido Comunista de España.

Deixounos o 31 de marzo de 2020.

[Adaptación dun texto de Isidro Novo]

Aquí o fondo videográfico coas participacións de Serafín Mourelle no Proxecto Polafías; aquí, os vídeos gravados pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG o 12 de maio de 2017 na Lonxa Vella do Porto da Coruña; e aquí os correspondentes á Gala do Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017.