Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Arquivos da etiqueta: Pequeno álbum de Nova York en inverno
Berta Dávila e Carlos Meixide lanzan o selo editorial independente Rodolfo e Priscila
Desde Nós Diario:
“Os escritores Berta Dávila e Carlos Meixide lanzan neste mes de novembro “Rodolfo e Priscila, editora indecisa“, un novo selo editorial independente cuxos dous primeiros títulos chegarán ás librarías a partir do día 23 de novembro.
A editora inaugura o seu catálogo co libro A poesía como arte insurxente, de Lawrence Ferlinghetti, traída ao galego por vez primeira grazas á tradución do poeta e xornalista Daniel Salgado. A obra é o depósito de aforismos co que Ferlinghetti, icona da xeración Beat, trata de comprender a poesía e, por extensión, a vida, a caixa de ferramentas dun poeta moderno.
A este primeiro título hai que sumar o libro de debuxos Pequeno álbum de Nova York en inverno, que recolle as ilustracións de Dávila acompañadas dos textos de Meixide. Trátase dun relato da viaxe que serviu de sementeira para o proxecto ‘Rodolfo e Priscila, editora indecisa’, unha publicación concibida como carta de presentación do selo, que dá conta dunha historia de amor atravesada pola panorámica íntima da cidade.
“Rodolfo e Priscila nace como editora indecisa, sen compartimentos que determinen de maneira exacta o que cabe nela e o que non, aínda que as coordenadas polas que camiñan os seus intereses veñen determinadas pola brevidade e o contemporáneo na selección de obras e pola lentitude e o coidado persoal para cada título no referido ao proceso de edición. A maquetación e mais o deseño do catálogo corren a cargo de Roi Fernández”.”