Rianxo: actividades dos 23, 24 e 25 de xullo na Feira do Libro 2022

Tabela dos libros. Febreiro de 2022

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Miguel Anxo Seixas Seoane: “Castelao é unha liña recta. Eticamente non hai nada que reprocharlle”

Entrevista de Ana G. Liste a Miguel Anxo Seixas Seoane en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que non existía un traballo coma este sobre Castelao?
– Miguel Anxo Seixas Seoane (MAS): Iso era o que me sorprendía a min. Temos a avenida de Castelao, a praza Castelao, o instituto Castelao, medallas Castelao, pastelería Castelao… Somos un país que moitas veces recoñecemos as persoas con monumentos ou rúas, porque estamos en débeda e somos prestameiros desa xente, pero á hora da verdade non sabemos por que lles debemos tanto. Como llo agradezo eu neste caso? Pois cunha biografía para que a cidadanía saiba quen é Castelao. Neste mundo tan intercomunicado, e con tantas identidades, dilúese un pouco máis a nosa identidade galega. E prevalecer con ela é importante.
Eu creo que esta biografía era importante porque se trata dunha persoa que está no panteón de Galicia e que é indiscutible, xunto con Rosalía, como símbolo do país. Eles son as persoas ás que máis lle debemos. Que non tivese ningunha biografía cando se vas ao mundo vasco ou catalán non é que teñan unha, é que teñen moitas! De Companys ou Aguirre hai moitas biografías. Hai máis agradecemento por parte da cidadanía a estas persoas.
E cando digo biografía non me refiro a un texto canónico, poden ser textos divulgativos, en banda deseñada, películas, documentais… Un neno pequeno ten que ter a súa biografía de Castelao contada polos Bolechas e terá que ter outra, máis adiante, cando sexa adolescente. Creo que moitas veces a cidadanía non recibe esa información, ou non somos quen de darlla, para que teña armas para defenderse, para saber quen son. Unha das miñas reflexións era que quería facer algo moi ben feito universitariamente, pero que fora transferible á cidadanía. Non ten sentido facer teses na universidade se non acaban na xente, en calquera soporte, pero que chegue. Hai unha gran devoción a Castelao en rúas, prazas, monumentos, premios… pero non había ese libro no que xustificar o por que de todo iso. Un libro no que ver que aínda nos quedamos escasos en agradecementos a Castelao porque se hai un Parlamento galego, case llo debemos a el; se hai unha Autonomía, só lla debemos a el; se temos clases en galego é en parte grazas a el… É moito o que se lle debe, case todo.
– P: Despois de todo o tempo que leva pasado con Castelao –figuradamente– para preparar esta biografía, ten a sensación de que o coñece?
– MAS: Tratei a algunhas persoas que si o coñeceron e hai cousas que son reiterativas: todo o mundo conta o bondadoso e o entregado que era. Era un tío que emocionaba. Unha cousa era escoitar a Otero Pedrayo, que era un home máis erudito e con moita retórica na súa oratoria, e, sen embargo, o sinxelo que era Castelao e como emocionaba. Axudan moito as cartas, non é o mesmo velo a través da súa parte pública. No íntimo tamén se ve a súa grandeza e como el se entregaba á cidadanía, e como loitou para que Galicia non perdera a súa identidade. Ese esforzo e comportamento ético si que os notas a medida que vas lendo.
Hai persoas que teñen altos e baixos, pero Castelao é unha liña recta. Ves que unha vez que toma un posicionamento, sempre é recto. É un exemplo dun grande intelectual, cunha gran calidade como persoa, e ao mesmo tempo, é un gran pensador, un home de acción, un gran debuxante… E unha persoa á que, ademais, eticamente non hai nada que reprocharlle. É honesto. Ten unha integridade que non teñen outros personaxes. Penso que só se lle podía comparar Alexandre Bóveda. O de Bóveda é admirable porque deu a vida, non entra na farsa nin na mentira. Eticamente, a actitude de Bóveda é insuperable, pero Castelao dá a vida doutra maneira. Ten un comportamento moi valente e irreprochable. Para min era importante dicir que a súa obra como persoa é exemplar, é un home cunha actitude que hai que valorar: como se esforza a pesar de que está enfermo, no exilio, case cego, sen recursos, que chega ás Cortes de México no ano 1945 para que aproben o Estatuto de Autonomía no último minuto, como fala cos vascos… E todo iso el só, sen un peso, porque non é o Goberno catalán ou vasco no exilio con moitos recursos e contactos. (…)”

Tabela dos libros. Xaneiro de 2022

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”