Desde Nós Diario:
“O Premio da Crítica en Lingua Galega, galardón que cada ano concede a Asociación Española de Críticos Literarios, recae este ano en Manuel Veiga Taboada no apartado de narrativa, pola novela Perder as bestas (Xerais, 2023), e no tamén xornalista e escritor Antón Lopo na categoría de poesía, pola obra Diarios / 1. Azul Monforte (Espiral Maior, 2023). Nunha nota de prensa, da obra de Veiga destaca o xurado que “nunha comarca fronteiriza, a novela descóbrenos un dos episodios máis silenciados da historia da posguerra na Galiza, a actuación das ‘contrapartidas’, grupos paramilitares promovidos polo Goberno que pretendían sementar o terror entre a poboación para desprestixiar a guerrilla e rematar con ela”.
Nun escenario “dominado pola natureza e pola violencia sen paliativos”, salientan que Veiga emprega un “estilo minimalista, de altísima eficacia grazas a un poderoso traballo de selección léxica”, para achegarnos a un grupo de seres anónimos, cunha vidas que aparecen “condicionadas polo medo, a precariedade e a obrigada (e perturbadora) convivencia con individuos que ostentan o poder malia a ser refugallo humano”. Deste modo, din, a novela representa unha nova visión da posguerra e da historia da guerrilla (os fuxidos), “pero tamén das formas posíbeis de identificación entre os seres humanos e a terra”. (…)
Por outra parte, sobre o galardón concedido a Lopo, precisan que “a través da estrutura do diario que, en ocasións, dialoga coas memorias doutras autorías como Jordi Esteva ou Rafael Chirbes, reflíctese a morte da nai e, por extensión, todas as mortes”. “A experiencia estimula a reflexión sobre a evolución dos coidados e o lastre que supón a convivencia, sobre todo na mocidade. A fuxida é unha obriga que se materializa nas viaxes e se razoa na madurez, cando a conversa e a escritura se encamiñan cara á reconciliación”, enxalzan.
“O esforzo por comprender as lembranzas que abrollan cando finaliza a vida da nai vértese desde a progresión propia da narrativa e o lirismo das imaxes. Impacta a sinceridade do eu lírico, a procura de varios estratos de lectura a través da experimentación discursiva e os finais escintilantes, próximos á revelación”, engaden. (…)”