Pere Tobaruela: “Propoño un debate arredor do mundo da edición”

Entrevista a Pere Tobaruela en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿De onde xurde a idea da novela por entregas [Sempre perden os mesmos]?
– Pere Tobaruela (PT): Dunha reflexión sobre o momento da literatura galega. Custa que público en xeral merque narrativa para adultos. Quitando un par de excepcións, como poden ser Os fillos do mar ou os premios Xerais, non é doado que un libro en galego pase da primeira edición. Penso que hai algo que non funciona ben, e é unha crítica que estendo a min mesmo. Non conseguimos enganchar co lector ou ben o público non está afeito a ler en galego. Así que decidín saír pola tanxente: aquí non hai a escusa do prezo, trátase dunha novela por entregas, de balde, que segue a idea decimonónica que xa usaban algunhas revistas en Inglaterra.
– LVG: E funciona?
– PT: Fíxeno máis por intuición que por convencemento. O día 23 saíu o primeiro capítulo e, cada venres, engadirei un novo, así durante doce semanas. O contador que inclúe o blog xa leva máis de mil visitas, iso dá idea de que está a ter boa resposta, é unha iniciativa que esperta curiosidade.
– LVG: E economicamente resulta?
– PT: Non é unha ruína. Eu estou vendendo a marca, a Pere Tobaruela. Evidentemente, as miradas curtopracistas poden pensar que non saco rendemento económico, pero quen sabe, nun futuro (…)”

Sempre perden os mesmos, de Pere Tobaruela, novela por entregas na rede

Pere Tobaruela irá publicando, a partir do venres 23 de novembro, capítulos da novela por entregas Sempre perden os mesmos no blog creado expresamente para ela, e da que hai un evento creado en facebook. Segundo o autor, “Nesta novela participan personaxes diversos: un xastre centenario, o director dun xornal de ámbito comarcal, un matrimonio de orixe alxeriano, un corresponsal de guerra, un filósofo de renome internacional e un profesor universitario africano, por citar algúns. Seguindo o fío das palabras destes personaxes, Sara Martí, protagonista da novela, constrúe unha memoria colectiva salpicada sobre todo de recordos amargos: o exterminio nazi, o mal trago dunha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial instaurado na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, a historia dun desamor… Recordos, todos eles, contados desde o fracaso, mais cun marcado acento reivindicativo. Sara Martí é, de feito, unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. E con esta mirada particular explícaa a través dos seus artigos de opinión en Cousas nosas.”

Coñécense os finalistas da 9ª edición do Premio Literario Martín Sarmiento

Déronse a coñecer os finalistas da novena edición do Premio Literario Martín Sarmiento:

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria:
– María Solar: Vou ter un irmán!!!, Galaxia.
– Pinto & Chinto: A maceira que daba calquera cousa menos mazás, Everest.
– Manuel Guisande: Rodribico e a noite, Baía.

2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria:
– Silvestre Gómez Xurxo: Ti non xogas!, Xerais.
Antón Cortizas: Rosalía e os equinodermos, Tambre.

3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria:
– Anxo Fariña: A chave da Atlántida, Xerais.
– Abraham Carreiro: Xoeliki, Sotelo Blanco.

4ª categoría: 1º e 2º de ESO:
Ledicia Costas e Pere Tobaruela: Mortos de ningures, Everest.
Agustín Fernández Paz: Fantasmas de luz, Xerais.

5ª categoría: 3º e 4º de ESO e Bacharelato:
– Carlos Laredo Verdejo: Lena e o lobishome, Tambre.
Xosé Henrique Rivadulla Corcón: O noso amor será eterno, Xerais.

6ª categoría: adultos:
Manuel Rivas: Todo é silencio, Xerais.
Antón Riveiro Coello: Laura no deserto, Galaxia.

Casa Grande do Bachao: Talleres de escrita Redelibros, do 26 ao 28 de outubro

“Gústavos escribir? Queredes profundar no coñecemento das técnicas narrativas fundamentais para capturar a atención e o interese do lector: a creación de personaxes, o tempo e o ritmo da narración, os trucos do oficio, a consecución dun estilo propio?
Durante o fin de semana do 26 ao 28 de outubro, na Casa Grande do Bachao, preto de Santiago, organizamos o primeiro Taller de escrita Redelibros, dirixido por Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Durante dous días, nunha contorna ben fermosa, alternaremos a teoría narrativa co debate aberto, o fomento da creatividade e a imaxinación, a realización de exercicios narrativos e a análise individual e colectiva dos traballos dos participantes. Falaremos tamén da realidade editorial actual e trataremos de orientarvos nos camiños para acadar a publicación das vosas obras.
Dous días nunha fermosa casa rural, lonxe do balbordo diario, para mellorar as nosas técnicas narrativas, reflexionar sobre o estilo e o oficio de escribir e gozar da compaña e a conversa con outros escritores.
– Interésache? Descarga aquí o programa.
– Queres máis información? Escríbenos a: editorial@redelibros.com.
– Prazo de inscrición aberto ata o luns 15 de outubro.
– Inscricións: 666 841041 ou editorial@redelibros.com.”

Monforte: mesa redonda na XV Feira do Libro

A XV edición da Feira do Libro de Monforte, que remata o sábado 25 de agosto, desenvólvese na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas. O acto máis destacado do xoves 23 será unha mesa redonda, ás 21:00 horas, baixo o título Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. O programa completo pódese descargar aquí: XV Feira do Libro de Monforte.

Viveiro: comeza a Feira do Libro

Iníciase a XVI Feira do Libro de Viveiro, que se celebra nos Xardíns Noriega Varela até o xoves 16 de agosto, con horarios de 12:00 a 14:00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes. As actividades máis destacada deste primeiro día, luns 13, son as seguintes:

13:00 h. Pregón inaugural a cargo do escritor Xavier Alcalá.
19:30 h. h. Presentación do libro Verde oliva, de Xavier Alcalá, publicado en galego por Editorial Galaxia e en castelán por editorial Nowtilus. Xunto co autor participa no acto o xornalista Ernesto Sánchez Pombo.
20:30 h. Presentación do libro Xardín de inverno, de Ledicia Costas e publicado pola Editorial Everest Galicia. Participan a autora, Montse Pena Presas e Daniel Puente Bello.
21:30 h. Mesa redonda Segredos da novela histórica. Participan: Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta.

A Coruña: actividades do venres 10 na Feira do Libro

O venres 10 de agosto finaliza a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), coas seguintes actividades destacadas:

18:30 h.: presentación de Berros no roncar das ondas, con fotografías de Xacobe Meléndrez e poemas de Bernardino Graña. No acto participará, xunto aos autores do libro, Teresa Seara.
20:30 h.: mesa redonda sobre Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta, quen asinarán libros tras a finalización do acto.

Vigo: actividades destacadas do sábado 7 de xullo na Feira do Libro

Finaliza a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), coa seguinte actividade destacada do sábado 7 de xullo son:

21:00 h.: mesa redonda arredor do tema Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta, organizada por Redelibros.