Compostela: Homenaxe a Díaz Pardo no seu sétimo cabodano

Desde Sermos Galiza:
“No sétimo cabodano da súa morte, un monllo de amigas e persoas achegadas -organizadas como Academia Real Isaac Díaz Pardo- volven homenaxear o artista, intelectual e creador de Sargadelos. Será este domingo, 13 de xaneiro, no cemiterio de Boisaca, en Compostela.
O acto comezará ás 12.30 horas e constará de tres bloques, precedidos dunha “procesión cívica até a tumba de Díaz Pardo” ao son da Marcha do Antigo Reino de Galiza interpretada polos Catro de Vigo e a lectura do poema de Lorenzo Varela Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados a cargo de Isabel Fonseca.
As alocucións constitúen a primeira parte da homenaxe. Pronunciaranas o xornalista Perfecto Conde, o filólogo Gregorio Ferreiro, o dramaturgo Manuel Lourenzo e o deseñador Carlos Núñez. Despois haberá un recital de poesía en que participarán Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, Sabela Hermida, María Xosé Queizán, Manuel Landeira e Manuel Ucha.
Unha ofrenda floral pechará a xornada, canda a solta de pombas e as palabras de clausura de Alonso Montero. O ramo serán “os tres himnos de Isaac”: o Galego, o de Riego e a Internacional.”

“Memoria do último Del Riego”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Conversas de aperitivo e de sobremesa, regadas cunha botella de viño e cadanseu vaso de whisky, culminadas cun Montecristo, conforman a manda política e cultural de Francisco Fernández del Riego. Elaborounas o xornalista Perfecto Conde e publicaraas Xerais sete anos despois da morte do intelectual galeguista.
“Dous anos antes de morrer, Paco del Riego e mais eu estivemos véndonos practicamente cada xoves”, relata Conde (A Pontenova, 1943), “xantabamos xuntos, case sempre na súa casa, e falabamos como dous amigos. Un día propúxenlle traer un magnetofón. ‘Fai o queiras, grava o que queiras’, díxome. E así foi”. O resultado, 20 horas de parladoiro transpostas nun libro de 200 páxinas, fotografías incluídas.
“Eran conversas de amigos, sen método ningún. A única preocupación que eu tiña era ir descubrindo a biografía do paisano”, sinala Conde, veterana sinatura que pasou polas páxinas de Interviú, El País ou A Nosa Terra. Todo este material descansou durante seis anos nun caixón. As razóns? “Antes de que Del Riego morrera, transcribira as gravacións, pero non lle din importancia, non vía moita chicha. Ate que volvín tropezar con elas hai pouco”.
Na relectura daqueles encontros advertiu a fariña máis alá do farelo. O intelectual, un dos fundadores e soportes da histórica Editorial Galaxia, militante galeguista na República, non facía moitos prisioneiros. Aos 95 anos, “pega un bo repaso crítico á cultura galega e a algúns dos seus protagonistas”: a Carlos Casares, Ramón Piñeiro ou Álvaro Cunqueiro, entre outros. “E confésase politicamente”, di.
Del Riego, nado en Vilanova de Lourenzá e falecido en Vigo, fixera a guerra no bando franquista “de maneira forzosa, pero fíxoa”. Tamén narra o seu papel na configuración do Partido Galeguista durante a Segunda República. “Ou a súa entrañábel relación con Otero Pedrayo, a quen el admiraba profundamente”, conta Perfecto Conde.
O libro estará na rúa entre abril e maio, da man de Edicións Xerais. Aínda non hai título definitivo, pero Conde xoga cun verso que Del Riego escribiu de mozo: “Adeuses de lonxanía”.”