Crónica videográfica do recital poético-musical “A Coruña: Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida” (2)


Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical foi unha actividade da AELG, co apoio de CEDRO e o Concello da Coruña, que tivo lugar o 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, coa que celebramos a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014.
O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contou coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán, e a intervención, lendo textos de Luísa Villalta, de Ana Romaní, Antía Otero, Daniel Asorey, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Henrique Rabuñal, Marga do Val, Marica Campo, Marta Dacosta, Miro Villar e Pilar García Negro.

Aquí pode verse a segunda parte da crónica videográfica, dispoñíbel aquí.

Segunda parte do recital poético e intervención musical de César Morán:

Entrega dun ramo de flores á familia de Luísa Villalta:

Crónica videográfica do recital poético-musical “A Coruña: Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida” (1)


Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical foi unha actividade da AELG, co apoio de CEDRO e o Concello da Coruña, que tivo lugar o 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, coa que celebramos a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014.
O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contou coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán, e a intervención,  lendo textos de Luísa Villalta, de Ana Romaní, Antía Otero, Daniel Asorey, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Henrique Rabuñal, Marga do Val, Marica Campo, Marta Dacosta, Miro Villar e Pilar García Negro.

Aquí pode verse a primeira parte da crónica videográfica, dispoñíbel aquí.

Discurso de presentación de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG:

Intervención musical de Florian Vlashi:

Primeira parte do recital poético e intervención musical de César Morán:

Crónica fotográfica do recital poético-musical A Coruña: Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida


Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical foi unha actividade da AELG, co apoio de CEDRO e o Concello da Coruña, que tivo lugar o 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, coa que celebramos a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014.
O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contou coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán, e a intervención, lendo textos de Luísa Villalta, de Ana Romaní, Antía Otero, Daniel Asorey, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Henrique Rabuñal, Marga do Val, Marica Campo, Marta Dacosta, Miro Villar e Pilar García Negro.

Poden verse a continuación varias fotos do acto, podendo consultarse a crónica fotográfica completa aquí.

A Coruña: Simposio Luísa Villalta. Mil son eu tan só, tan soa, do 19 ao 21 de novembro

María Pilar García Negro, autora de A lingua que nos fai ser: “Cómpre que o galego volva ser a lingua necesaria e inevitábel da Galiza”

Entrevista de Xoán Costa a Pilar García Negro en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): A lingua que nos fai ser. Fálenos do título…
– Pilar García Negro (PGN): De primeiras, pensei en utilizar o verso derradeiro dun soneto da obra Pedinche luz prestada (2001), de Marica Campo, que reza: “É tempo de falarmos. Somos nós”. O seu primeiro verso é: “Tiñamos unha lingua para amar”, e todo el téñoo usado con grande eficacia en moitas aulas de Lingua. É, na realidade, unha mini-historia poética da diacronía do galego, con exhortación final incluída. Posta á fala coa escritora, para lle solicitar permiso de utilización, rápida como un raio, unha vez explicada a petición, sentenciou: hase titular A lingua que nos fai ser.
Pola miña parte, moi agradecida pola suxestión. Como a terra debe ser para quen a traballa, igualmente debe constar a autoría do título en cuestión. É, como se ve, un oitosílabo, de modo e maneira que ben podería encabezar un a xeito de romance actual dedicado á lingua nacional, tan sofrida como precisada de amparo efectivo.
– ND: A actuación da Xunta en materia de Lingua aparece recollida en varios dos artigos. Agora a Administración competente anuncia un ‘Pacto pola lingua’. Como interpreta vostede ese ofrecemento considerando os vinte anos do Plano Xeral de Normalización Lingüística e os resultados estatísticos que nestes días coñecemos?
– PGN: O papel da Xunta, con efeito, é central na cuestión da lingua, e a súa responsabilidade, máxima. Ten facultades plenas nesta materia e levamos décadas de retraso e dunha política aplicada a manter o statu quo, isto é, o absoluto predominio do español, hoxe multiplicado exponencialmente, coa correlativa perda para o galego, cunha restrita utilización marxinal que non garante en absoluto a súa digna sobrevivencia. “Digna” é normal. “Normal” é equivalente á que ten o español en España, ou o francés na Franza ou…
A situación agrávase no ensino, nos meios de comunicación, na Xustiza, na Sanidade, na debida aproximación do galego na infancia… Nen unha só das medidas contempladas no Plano… de 2004 foi executada. Que é o que se quer pactar? O silencio? A resignación? A benzón da política anti-galega?
– ND: Vostede ten dito, e así aparece escrito nesta publicación, que a lexislación autonómica que marca o ponto de partida para a normalización lingüística naceu eivada. Tamén se ten dito que, en materia de normalización, é preciso tomar outro camiño. Mais eu pregúntolle, para alcanzar a normalización plena do galego basta con tomar outro camiño se non variamos o punto de partida?
– PGN: Si tal, ten eivas conxénitas e adquiridas, co cal a palabra “normalización”, na política oficial, é un significante baleiro, substituída por “dinamización”. Nun caso de anemia galopante, “dinamizamos” o paciente ou inxectámoslle a transfusión de sangue conveniente? Cómpre que o galego volva ser a lingua necesaria e inevitábel da Galiza; foino durante séculos e, grazas a iso, persistiu. Éo o español, nunha hexemonía derivada dun proceso de dominio histórico-político, o que determina unha posición absolutamente deprimida do galego na súa propria terra. Por certo, definir o galego como “lingua propia” (Estatuto) significa que a outra é allea. Ou acaso xa non respeitamos a semántica mínima dos adxectivos? Toda proclamación legal favorábel ao galego ha de prever: obxectivos, medidas, accións concretas e temporalizadas, avaliación continua. Se non, é oquedade balofa…
– ND: A publicación non é un manual de sociolingüística mais trata con rigor e sentido común certos tópicos como a imposición lingüística ou o bilingüismo harmónico, cordial e outros adxectivos que se lle van apondo ultimamente. Que nos pode dicer sobre iso?
– PGN: Aclaremos, para non nos sumarmos á realidade ás avesas. A imposición ubicua, elefantiásica, permanente, cun “bombardeo” constante de mensaxes, lemas, discursos e ideoloxía, é a da lingua oficial do Estado, o español, en total coherencia coa dificultade maiúscula de admitir a realidade plurinacional do mesmo. Imposición ferreña, legal, administrativa, escolar, xudicial…, outrora con castigos físicos incluídos, e hoxe garantida por millenta normas e actuacións fácticas. Quen fala de “impoñer” o galego na realidade está a protestar por “poñer” o galego nun lugar social e / ou público diferente do habitual diglósico. Vender-comprar cebolas en galego na feira de Carballo non molestou nen molesta nada.
Si, utilizalo en voz alta e segura en espazos públicos xerais. Aí lle doe… Mais é o único que pode variar, para ben, a situación. Canto ao bilingüismo harmónico-cordial, remito a un artigo aquí incluído con ese título. Só direi que o bilingüismo leva anos e anos a se utilizar como un ideoloxema para impedir, mesmamente, o aparecemento do galego. Branquear, pois, o bilingüismo equivale, sen máis, a dar por boa a situación abaixada do galego. Este precisa volver ser o signo unitivo de todos nós, galegas e galegos, independentemente do noso lugar de nacemento, de onde moremos, do noso traballo ou da nosa clase social. Non outra cousa é unha lingua normal. (…)”

Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2024


A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2024, actividade da AELG, conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2024 respectivamente a Camiño Noia Campos e Henrique Peón, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da IX Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, que terá lugar o 18 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas, con entrada libre até completar capacidade.
No acto, conducido por Eva Teixeiro, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Antonio Reigosa, quen lerá a laudatio de Camiño Noia Campos, e Pilar García Negro, quen lerá a laudatio de Henrique Peón Mosteiro.
Acompañamento musical de Su Garrido Pombo e coa intervención de Celso Fernández Sanmartín.

Camiño Noia Campos
Foi catedrática de Literatura Galega na Universidade de Vigo e agora é catedrática emérita. Na súa longa vida académica ten publicado libros e artigos sobre diferentes temas da literatura galega, como a Nova Narrativa Galega, a poesía de mulleres e de Cunqueiro, a narrativa de Casares, etc. Leva anos dedicada á clasificación do conto galego de tradición oral. Neste ámbito ten publicado os libros Contos galegos de tradición oral (Vigo: Nigratrea, 2002), que tivo dúas edicións en galego e unha versión reducida en castelán, Cuentos gallegos de tradición oral (Vigo: Nigratrea, 2003). En 2010 publica o Catálogo tipolóxico do conto galego (Universidade de Vigo: Servizo de Publicacións), unha extensa obra de máis de 1000 páxinas. Desde o ano 2004 pertence ó Groupe de Recherche Européen sur les Narrations Orales (GRENO), e ten participado en xornadas de traballo en diversos países: Francia, Cataluña, Grecia, Portugal, Galicia, Baleares… Froito da xuntanza organizada en Galicia (Mondariz e Santiago) en 2012, sae o libro Imaxes de muller. Representación da feminidade en mitos, contos e lendas (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo), do que foi coordinadora.

Henrique Peón Mosteiro
Nado na Coruña o 1 de novembro de 1963 e veciño na actualidade do concello de Oza-Cesuras, Henrique Peón Mosteiro (Quique Peón) é folclorista, coreógrafo, investigador, intérprete, docente e director escénico no ámbito da música e o baile tradicional de Galicia. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica cun extenso labor de recollida de campo, restaurando e recuperando centos de bailes, danzas, músicas, traxes, costumes e tradicións, gañando innumerables premios a nivel estatal e internacional dirixindo o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina da Coruña:
– Xornadas de Folclore galego de Santiago de Compostela: Medalla de Ouro – 1983, 84, 85 e 87
– Mellor bailarín de Galicia – 1985 e 1988
– Programa Gente Joven TVE: Primeiro premio – 1983, 84 e 85.
– 1º Premio no concurso Dances et traditions Populaires de Chatomeauf du Fao (Francia)
– 1º Premio no concurso internacional de Zemplen (Hungría)
Creador de distintos espectáculos folclóricos:
– Costumes e saberes dun pobo
– Unha viaxe por noutrora
– Ribeirana
– Atruto
– Dengue
– Camiño do Sul
– Galicien Amerika line
– Patrimonio Inmaterial
– Endaterra (actual)
No 2008 crea a súa propia compañía profesional de Danza Galega, “Quique Peón Cía.”, na que desenvolve as súas inquedanzas creativas e coreográficas.
Premios:
– 2º Premio de Coreografía no XXI Certamen de Danza Española y Flamenco de Madrid.
– Premio do Conservatorio Superior de Danza “María de Ávila” de Madrid.
Producións:
– Ovay (2008)
– Alendacroa (2010)
– Seisdecatro (2011)
– Amizade (2012)
– O Poder do Arcabuz (2016)
No apartado folk liderou o grupo de música “Radio Cos”, con dous traballos discográficos no mercado e foi grupo oficial do Womex 2018. Na actualidade forma parte do Grupo OFB (Os do Fondo da Barra) que sacaron ao mercado o seu primeiro traballo discográfico chamado BâNZô.

A Coruña: Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical, o 25 de setembro

Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical é unha actividade da AELG, co apoio de CEDRO e o Concello da Coruña.


O 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014. A entrada será libre, até completar capacidade.

O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contará coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán.

Pola súa vez, intervirán lendo textos arredor de Luísa Villalta:
Ana Romaní
Antía Otero
Daniel Asorey
Estíbaliz Espinosa
Eva Veiga
Francisco X. Fernández Naval
Henrique Rabuñal
Marga do Val
Marica Campo
Marta Dacosta
Miro Villar
Pilar García Negro

Deste xeito, neste 2024, onde foi recoñecida como autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, reafirmámonos no indicado nas anteriores homenaxes levadas a cabo desde a AELG:
Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical coma no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, Luísa foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole, entre as que destacamos a súa participación no Consello Directivo da AELG durante varios anos.
Foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática, destacando nela a importancia do elemento musical, que propicia unha querenza formalista que devén nun cultismo textual na procura da dignificación do xénero teatral e da lingua. Formada na Universidade de Santiago, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.
A poesía de Luísa Villalta estaba atenta ao eu, mais tamén a pensar o mundo contemporáneo, o que facía dela unha persoa interesada no devir da sociedade e en promover e participar vivamente en procesos de debate sobre ensino, emigración, marxinación, xénero…, involucrándose así nas mobilizacións que se convocaron desde o mundo da cultura contra a guerra do Iraq ou a catástrofe do Prestige, até o punto de que a súa última intervención pública foi a participación nun recital de poetas galegos e galegas en solidariedade con Palestina. O seu grande activismo cultural levouna a colaborar de xeito constante e desinteresado con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos.
Na lúcida ironía dos seus textos destaca tamén a reflexión sobre a cidade na posmodernidade, entendida como ágora, como territorio no que se formulan e resolven as tensións sociais, tomando a autora parte pola defensa dos dereitos das persoas desposuídas. Sensíbel e contundente, denunciou os valores e a apatía da sociedade capitalista.