Desde Nós Diario:
“O xornalista Alberto Ramos gañou o XVIII Premio Narrativa Breve Repsol con Pirotecnia, unha obra “narrada cun estilo impecábel” e que constitúe “un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”.
O secretario xeral de Lingua, Valentín García, participou esta terza feira na entrega do galardón, xa que o certame conta co apoio da Xunta da Galiza, que busca “reforzar a creación literaria en galego e promover o uso social da lingua”.
O representante do Goberno galego, que formou parte do xurado, felicitou o galardoado “tanto polo premio como pola súa novela, plena e orixinal”.
O premio leva unha dotación económica de 12.000 euros e a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.
Á cita tamén asistiron a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o presidente de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo; e o portavoz do xurado nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Daniel Ugarte.
Precisamente estes últimos definiron a novela como “unha obra narrada cun estilo impecable, que conta cunha habilidade polifónica na que os sucesos relatados vanse entretecendo contrapuntisticamente”.
“Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización dos personaxes e a apropiada recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”, remarcan. (…)”