Arquivos da etiqueta: Plataforma de Crítica Literaria A Sega
Sólo para mujeres, artigo de Eli Ríos
Artigo
de Eli Ríos na Sega:
“O feito de que a policía de Lugo, nos finais de 2016 e cun pé no 2017, nos pedise ás mulleres que non saísemos da casa para evitar violacións tróuxome á memoria un fragmento de Sólo para mujeres: (…)
Esta novela, publicada no 1977 en Estados Unidos co título orixinal The women’s room, foi un auténtico revulsivo, e un éxito de vendas, no momento, porque non só nos conta a historia da protagonista Mira Ward nas décadas de 50, 60 e 70, senón tamén a das mulleres que a rodean e que se ven a si mesmas como “criadas sin sueldo” dentro dese soño americano. Ese soño americano con urbanizacións nas que se relacionan nun mundo de coidados (home, fillos, etc) cun papel moi limitado: ser boa nai, boa esposa e boa ama de casa. Ese soño americano que, aínda hoxe en día, nos chega, a través da pequena pantalla, en series como Mulleres desesperadas. Ese soño, americano?, no que quen sae do marcado pola sociedade será centro das críticas. A lectura desta novela coral non só nos levará a deter a nosa mirada desde o punto de vista femenino desa época na que se loitaba por conseguir grandes avances nos dereitos sociais, senón que nos convida a re-pensar a xénese destes movementos desde unha perspectiva existencial e de xénero. Estamos preparadas para esa lectura? (…)
The women’s room perde na tradución non só a declaración de intencións senón o mesmo espazo! Ese espazo simbólico e real que a autora retoma dos textos de Virginia Woolf en A Room of One’s Own. Ensaio que está baseado nunha serie de lecturas que Virginia Woolf fixo en 1928 en dous colexios para señoritas da Universidade de Cambridge. O mesmo lugar no que termina a novela de Marilyn French.
En Solo para mujeres a habitación está inzada de vidas de mulleres. Ese baño que se encadra no subterráneo, no doméstico e onde se constrúe o pensamento-identidade feminina para sair do espazo pechado, do íntimo a un mundo dominado polo patriarcado. As habitacións físicas están poboadas, tamén, por outras dialécticas e interiores. E a través das páxinas non só as percorremos. Quizais algunha tamén nos resulte familiar. Demasiado.”
Compostela: segunda sesión do Clube de Lectura Feminista na Lila coa Sega
Compostela: sesión do Clube de Leitura Feminista na Lila da man da Sega, con Susana Sánchez Arins
Levada do vento, por Susana Sánchez Arins
Artigo
de Susana Sánchez Arins na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Scarlett abaixa-se na aurora de um novo dia, ou no entardecer do fim da guerra, não lembro, apanha uma magra e triste cenoura e jura que nem ela nem nenhum dos seus voltarão passar fome, assim tenha que mentir, roubar, esmolar ou matar.
Lembro a primeira emissão televisiva de Gone with de wind. Lembro-me sentada, lá em 1986 (comprovei o dado nas redes, para melhor parecer) a carão de mamá para vê-la e lembro ficar obnubilada com a ousada Scarlett. Lembro ter visionado o filme em cada reposição posterior.
Também lembro ler, anos após (em 1999 se as anotações do meu volume não mentem), os Vínculo de sangue de Elvira Souto, um livro bem sugestivo e diferente na altura (para mim) em que analisava só, e intertextualizando, personagens femininas e violentas de feminina autoria. De todos os capítulos, gravou-se em mim esse de Magnólia e luar, no qual me descobriu a heroína Melanie Hamilton que escondia Margaret Mitchell no romance original. Uma Melanie em absoluto inocente e dócil e lideresa/fundadora do Ku klux Klan. Já daquela fiquei com vontade de ler. Sim. De ler a monumental obra e original, a raiz.
E foi agora que lim. Visualizando a cena cinematográfica em cada cena narrativa. Escutando a Clark Gable e Vivian Leigh (bom, às atrizes de dobragem) em cada diálogo que lia. Tanta era a fidelidade da versão fílmica.
Até que comecei a duvidar. Mas isto saia no filme? E casou tantas vezes Scarlett? E estivo tanto tempo de luito? E decidim visionar o filme uma outra vez. (…)”
Questionário fou(cinha): María Lado
Entrevista
a María Lado na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– María Lado (ML): Pois de onde antes sacaba o tempo para ir traballar a unha oficina. Eu decidín decicarme só a escribir e cousas relacionadas e tomalo como un oficio coas súas horas laborais. Isto permíteme compaxinalo mellor coa maternidade. Por veces escribo de noite, mentres el durme, sobre todo se teño moito traballo, pero son as menos.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– ML: Nalgunha ocasión, sobre todo cando nos 90 foi aquel momento onde continuamente nos interrogaban sobre a literatura de muller, teñen falado da miña escrita como literatura de muller. Eu non teño esa intención cando escribo, escribo dende a miña mirada e se trato temas de mulleres é porque me interesan a min. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– ML: Cada vez que me fan unha entrevista.
– S: Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
– ML: Uns cantos centos de miles. É unha palabra terrible. Normalmente adoita chamarme “poetisa” a xente que di que escribo “poesías”. (…)”
Do “natural” e o “ideolóxico”, artigo de Lara Rozados sobre a obra de María Xosé Queizán
Desde
a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Neste ensaio (Anti natura, Xerais, 2008), María Xosé Queizán dálles unha volta ás ideas asumidas como lexítimas nas que se asenta o patriarcado. Esta “viaxe polo saber” rebate aOs grandes sabiOs da Historia, e evidencia as contradicións entre teoría e praxe en moitas ocasións: eis o desprezo polo “traballo improdutivo”, ou traballo doméstico, común a Marx e Adam Smith. Tivo que ser a Hannah Arendt d’A condición humana quen sinale que é este traballo, “improdutivo” e repetitivo dxs criadxs, o que garante a liberdade dos amos (p. 18). Máis adiante aludirá Queizán á importancia do “contrato sexual” para mellor entendermos a “naturalización” e asimilación desta división social do traballo (p. 81), e (debate urxente e necesario) á condescendencia da esquerda co tema da prostitución: “para a esquerda, o capitalismo non é atroz cando o artigo de consumo é unha puta, cando o traballo alienado é cun corpo, corpo de muller. A miseria é inaceptable en abstracto, cando se canta puño en alto, “en pé os escravos da terra” porque eses escravos non son os corpos que compran pene en alto” (p. 99) .
Volvendo a Marx e demais… Queizán recupera o traballo de Arendt para pór en evidencia este silenciamento da primeira estrutura de opresión da sociedade, do mesmo xeito que recupera á Mary Wollstonecraft da Vindicación dos dereitos das mulleres para botar luz sobre esoutra contradición da Ilustración: os fundadores da democracia moderna, que proclamaban igualdade entre os homes (entre os homes, non entre as persoas), mais aos que non lles tremeu a man para decapitar a Olympe de Gouges, non dubidaron en manter a dicotomía entre cultura e natureza, entre a razón pura ou práctica, reservada para os homes e o espazo do privado, e a suposta “animalidade” das mulleres (p. 27). E, desde logo, desmonta con moito acerto Queizán a figura patriarcal (fálica, atreveríame a dicir) por antonomasia: Sigmund Freud, artífice dunha disciplina que contribuíu a implantar as ideas máis reaccionarias sobre a familia, mesmo revestíndoas de liberación e de ciencia (cando, como moi ben sinala a autora, nin fixo traballo de campo, senón que elaborou as súas teorías a partir da súa experiencia clínica, p. 59). (…)”
Há silêncios que são diferentes, por Susana Sánchez Arins
Artigo
de Susana Sánchez Arins na Plataforma de Crítica Literaria A Sega sobre A cor do hibisco, de Chimamanda Ngozi Adichie:
” A tensão. Passar páginas devagar, roçando lenemente os cantos das folhas, deslizando-as amodinho para não alterar o ar requieto das estâncias. Aguardando o monstro: sabedora de que vai aparecer e desejando que não, que quiçás a autora foi esperta e o monstro é só um pesadelo. Juro que sentim tesar os músculos dos meus braços ao começar cada novo capítulo, arrastando os olhos por entre as manchinhas pretas do papel para adevinhar o nome dele, as suas palavras, as suas pancadas. E adia(nta)r-me o espanto.
A bolha na gorja. A goela de Kambili bota toda a narrativa com os fonemas engasgados, incapazes de borbulhar. Muda. Mas não sossegada. Ela quer falar e não pode. Uma espinha impede-a de proferir os sons, acumula-lhos na garganta e a mim acabam por me doerem as amendoadas amígdalas. Leio e dana-me a saliva quando a envio. Kambili admira todas as pessoas que a envoltam e podem falar. Essas que agromam palavras como abrochos novos de primavera, assim coma quem. Como é que se faz? Há tanta violência nessa privação da fala… Ela “aprendeu a arte de chorar baixinho”, a arte de calar.
O dizer não dizendo. A arte da autora. Aprendida de Kambili. Essa capacidade para contar-nos todo por omissão. Para dar a calada como explicação. Para manter o segredo á vista no meio do barulho. Mamã coxeia. Para que contar a causa. Já imos sabendo. E pouco e pouco, assim que confiamos, dizer. Dizer com todas as letras. Dar nome à brutalidade. E nós desejando não ouvir. (…)”
Sempre alerta, sentinela!, por Susana Sánchez Arins
Artigo
de Susana Sánchez Arins na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Gostamos das narrativas carcerárias. Tenham o formato que tenham. Cinema, serial televisivo, banda desenhada, romance. É, entre os cronotopos batjineiros, um dos mais atrativos e românticos: todo um mundo reduzido a uns metros quadrados. A mais grande miséria e a mais imensa generosidade. A utopia da fuga possível. A luita e a dignidade. Sim. Gostamos de narrativas carcerárias.
E a ela se acolhe María Xosé Queizán na sua coleção de contos Sentinela, Alerta! para contar-nos a ditadura. As ditaduras. Que melhor maneira de representar a represão, a tortura, a arbitrariedade, a desumanização, que referi-la desde as relhas da prisão, desde as grades que degradam as pessoas até fazê-las sentir-se imundas. (…)
Três contos, o que dá título ao volume o os dous centrais na organização do volume, marcam esta leitura feminista: Sentinela, Alerta!, Lei de fuga e Folga de fame. Contos carcerários, seique. Mas não só de penais.
Os dous primeiros acolhem-se à mesma estrutura: contar duas histórias em paralelo.
Em Sentinela, alerta! essa voz, grito dado a cada hora polos guardas da prisão, marca o passo do tempo e a conexão com o mundo das protagonistas: o preso levado ao poço, espaço fechado de tortura, e a mulher do direitor do cárcere, que chegou tarde de fazer a compra.
Em Lei de fuga são-nos contados dous planos paralelos: o do grupo de presos que prepara a evasão do cárcere e a da mulher que decide pedir o divórcio. (…)
O meu conto de preferência é o titulado Folga de fame. Central na estrutura do livro, junto com o de Lei de fuga. Eu creio que intencionadamente. Se em Lei de fuga é escenificado o fracaso da luita contra a opresão, Folga de fame mostra o caminho da liberdade. Um caminho que questiona todas as estratégias e estratagemas da luitas revolucionárias clássicas. (…)”
A Antígona de María Xosé Queizán, III parte: O incesto como expresión política da igualdade: o impulso de Elvira, por Rosa Enríquez
Artigo
de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Entremos xa de cheo na Antígona da dramaturga viguesa. Vexamos como reflicte esas relacións de poder que Elvira intenta subverter, transgredindo as normas do parentesco, da política e tamén da linguaxe. Podemos comezar por Ismene/Aldena, bastante menos interesante que Antígona/Elvira, pero necesaria para dar conta do contraste entre a muller submisa, cómplice do poder masculino, fronte a muller en guerra que representa Antígona/Elvira, co seu carácter irritábel, ardorosa, eroticamente libre, que se expón para situarse nun lugar diferente e asume as consecuencias.
A Ismene, que, na adaptación de Queizán recibe o nome de Aldena, permite ver polo tanto o peso abrumador do deber, que ela asume na súa condición de doente, pasiva e conciliadora. Dobremente dominada, Ismene/Aldena séntese na obriga de compracer ao Estado Creonte/Conde Don Oveco -e á familia Antígona/Elvira, Polinices/Fruela, así é que sofre e permanece no ámbito que se considera propio das mulleres, un espazo fechado, que ralentiza o tempo e a expresividade. Nas sombras só é posíbel o pranto, a recepción da dor e a consecuente aceptación da mesma.
Poderiamos entón ver a Aldena/Ismene como unha santa, alguén que nace para compracer, porque, se os homes son seres para a morte, en palabras de Heidegger, nós, as mulleres, somos seres para suavizar a dura existencia do outro. Isto é así na medida en que a finitude constitúe un drama masculino que dispensa certa “auctoritas”. A convivencia consciente con esa dor inevitábel fai aos homes sabios, ademais de os inducir ao heroísmo, bélico normalmente. A posibilidade de devir heroe provoca o desexo e sempre que o desexo acontece o impulso vital aparece. A historia da literatura ofrece probas evidentes de que ese desexo existe. É máis, creo que esa presenza constante da guerra na literatura, cos seus espazos de realización, exclusivamente masculinos, revelan a construción e reconstrución do imaxinario patriarcal, que, dalgunha maneira pode levarnos a interpretar ese afán de gloria como algo que unicamente pertence aos homes. Sendo isto así, só eles poden glorificarse, como Eteocles, ou caer en desgraza, como Fruela/Polinices. Da utilidade da guerra, do impulso vital que suscita fala Roi, o fillo de Oveco, no I Acto, na cuarta escena da obra de Queizán, cando afirma que serve para “xustificar a razón”, porque “A guerra é o pai de todas as cousas. Pon a todos no seu lugar: uns, arriba e outros, abaixo como debe ser” (…)”.


