O
luns 5
de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Xabier Cordal e a figura revelación da literatura croata, Marko Pogačar. Máis información neste arquivo: Di(n)versos novembro 2012.
Arquivos da etiqueta: Poetas di(n)versos
Tres mulleres á fronte das ágoras poéticas
“(…) As segundas feiras -día pouco frecuentado na programación cultural- e unha por mes, Poetas di(n)versos convoca o público para vivir a poesía e partillar do diálogo que se estabelece entre os nomes máis destacados da literatura galega para partillar cos de diversos países do mundo. “O interesante é ese encontro. Ás veces a sesión achéganos a poéticas semellantes, ás veces é o contraste o que os pon en relación”, explica Yolanda Castaño, dunhas sesións en que as persoas convidadas de fóra asisten á lectura da súa obra traducida ao galego.
O formato de Picaversos é distinto. A ágora non se atopa nun auditorio, senón nun ámbito máis informal, nun dos locais nocturnos de máis historia de Compostela, o Modus Vivendi da zona vella. Pola cidade, como pola Coruña, hai cartaces pendurados aínda anunciando a segunda edición que vén de comezar. Un paxariño de papiroflexia, deseño de Marcos Vigo, identifica o ciclo xestionado por Branca Novoneyra e Olalla Cociña, dúas poetas que viven na cidade e buscaron na noite un espazo e un tempo alternativo para compartir poesía. Nos Picaversos cada quince días, por volta das 21 horas, danse cita no Modus para escoitaren tres persoas convidadas que comparten os seus poemas preferidos. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música, do teatro, da maxia ou de oficios varios, e xúntanse arredor dun mesmo lema. “Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira” explica Branca Novoneyra. Contan tamén coa boa resposta do público que enche o local en cada sesión, partillando con Branca e Olalla a vontade de seren partícipes do pracer de ler e escoitar a lectura. A música tende a agromar tamén nas sesións de Picaversos. “Pretende facer visible a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público”, explican. No horizonte prometen novos proxectos de difusión poética, entre outros, a Compostelá, unha iniciativa pola que entran na rede de a Parisiense e A Porteña de difundir os versos na rúa a través de carteis. (…)” Desde Sermos Galiza.
A Coruña: recital de María do Cebreiro e Carlos Pardo no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
8 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, cun recital de obra propia nun man a man de María do Cebreiro e Carlos Pardo.
A Coruña: recital de Sudeep Sen e Francisco X. Fernández Naval no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
11 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, cun recital de obra propia nun man a man do poeta indio en lingua inglesa Sudeep Sen e Francisco X. Fernández Naval.
A Coruña: recital de Mark Strand e Cesáreo Sánchez no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
21 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, cun recital de obra propia nun man a man de Mark Strand e Cesáreo Sánchez.
A Coruña: recital de Lino Braxe e Veronika Dintinjana no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
23 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, co recital poético de Lino Braxe e Veronika Dintinjana.
A Coruña: recital de Anxo Angueira e Ada Salas no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
5 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, coa participación de Anxo Angueira e Ada Salas.
A Coruña: Estíbaliz Espinosa e Yasuhiro Yotsumoto no ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns 6
de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala Polivalente do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n., continuación da Rúa Mosteiro de Caaveiro) da Coruña, terá lugar unha nova edición de Poetas Di(n)versos, ciclo dirixido por Yolanda Castaño, no que participarán Estíbaliz Espinosa e o poeta xaponés Yasuhiro Yotsumoto (Osaka, 1959), quen ofrecerá distintas mostras de recitado clásico nipón seguidas de traducións ao galego.
A Coruña: recital Poetas Di(n)versos, con Carlos Marzal e Ana Romaní
O
luns 23 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo), celébrase, baixo a dirección de Yolanda Castaño, e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o último dos recitais Poetas Di(n)versos antes da súa interrupción durante os meses estivais. O broche de ouro desta programación poética mensual estable porano dous poetas nacidos nos anos 60:
– Ana Romaní naceu en Noia en 1962. Escritora e xornalista, dende 1990 dirixe o programa Diario Cultural da Radio Galega, unha completa e puntual axenda cultural diaria con máis de 20 anos de traxectoria, recoñecido xa con diversos galardóns. É autora dos poemarios Palabra de Mar (1987), Das últimas mareas (1994), Arden (1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (2005) e o aínda recente Estremas (2010), co que conseguiu o Premio AELG 2011 de poesía. A súa obra está ademais recollida en diversos libros colectivos e antoloxías. Creou e participou en distintos proxectos artísticos interdisciplinares, entre eles Son Delas coordinado por Uxía Senlle, O outro extremo do paraíso e Lob*s (1998) con Antón Lopo, Estalactitas (2002) con Anxos Romeo e Lupe Gómez, Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade (2002) en solitario, e A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (2003) con Anxo Quintela. Todos eles supoñían novas maneiras de achegar a palabra ao público a través da música ou da escena. Realizou a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003). Ademais, cooordina e promove o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar (2003) do Diario Cultural da Radio Galega e o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico organizado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego dende o ano 2006.
– Carlos Marzal naceu en 1961 en Valencia e licenciouse en Filoloxía Hispánica –sección de Literatura- pola universidade da mesma cidade. Ademais de poeta é narrador, ensaísta e tradutor. O seu primeiro libro de poemas foi El último de la fiesta (1987), logo virían La vida de frontera (1991) e Los países nocturnos (1996). A consagración chegaría da man de Metales pesados (2001) –Premio da Crítica Española e Premio Nacional de Poesía- seguidos máis tarde por Fuera de mí (2004) –galardoado co Premio Loewe de Poesía- e Ánima mía (2009). El corazón perplejo reunira a súa poesía en 2005. Do mesmo xeito, en 2002 e 2003 editáronse dúas antoloxías da súa obra poética: Poesía a contratiempo (Poéticas y prosas) e Sin porqué ni a dónde. Coa súa primeira novela, Los reinos de la casualidad (2005) obtivo o Premio da Crítica Valenciana, o pasado ano publicou tamén un libro de relatos: Los pobres desgraciados hijos de perra, e proximamente verá a luz un volume de aforismos, La arquitectura del aire. Ademais, é autor de dous libros de ensaio, El cuaderno del polizón (Apuntes sobre arte) (2007) e Los otros de uno mismo (2009). Conta tamén cunha traxectoria como tradutor de autores de lingua catalá, tales como Enric Sòria, Pere Rovira, Miquel de Palol, Joan Vinyoli ou Màrius Torres, para varias editoriais de prestixio. Foi co-director da revista de literatura e touros Quites durante a súa primeira década de existencia, e hoxe é colaborador habitual de revistas literarias tanto como columnista ou crítico literario en diarios como ABC, Levante ou El Mundo.
Dende que botara a andar en outono de 2009, este ciclo achegou ao público coruñés e galego un total de 26 dos máis salientables poetas nas 5 literaturas da Península: castelán, catalán, éuscaro, galego e portugués. Os actos, que sempre superaron o centenar de asistentes, significaron un xeito directo de achegar a escrita contemporánea máis diversa e de calidade a un constatable público interesado na poesía. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa Poetas Di(n)versos maio 2011.
A Coruña: recital de Eduard Escoffet e Estevo Creus no ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
11 de abril, ás 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, prosegue o Ciclo de Poetas Di(n)versos, iniciado en novembro de 2009 baixo a dirección de Yolanda Castaño, no que ten lugar un recital poético dobre entre unha voz en galego e outra en calquera das outras catro linguas da Península, coa presenza de dous representantes da poesía máis experimental que se produce hoxe en día nos extremos do norte peninsular:
– Eduard Escoffet, nado en 1979 en Barcelona, é poeta e axitador cultural. Practicou diversas vertentes da poesía (visual, escrita, oral, instalación, performance), sempre cun espírito experimental e de investigación. As súas influencias van dende a poesía sonora dos anos cincuenta á poesía catalá medieval, pasando polo text/sound sueco, a poesía concreta e a experimentación do barroco español. Nos últimos anos tense centrado no traballo oral e sonoro. Á parte dun intenso movemento dentro da escena contracultural de Barcelona, ten presentado o seu traballo en festivais e programacións doutras cidades de España e sobre todo no estranxeiro: Italia, Francia, Bélxica, Alemaña, Portugal, Arxentina, Estados Unidos, China, Chile, República Checa, Nicaragua e República Dominicana. Por otra banda, dirixiu o festival internacional de polipoesía PROPOSTA (Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, 2000-2004) e comisariou, xunta a Eugeni Bonet, un ciclo de cine letrista para o MACBA (Museo de Arte Contemporánea de Barcelona). Actualmente colabora, entre outros, co festival Yuxtaposiciones (Casa Encendida, Madrid) e codirixe o Festival Internacional de Poesía de Barcelona. Tamén exerceu como asesor de política cultural. Ademais, traballa na súa tese doutoral sobre literatura barroca en Barcelona. Non fai libros.
– Estevo Creus naceu en Cee en 1971, deuse a coñecer como poeta nos anos 90 no seo do Batallón Literario da Costa da Morte e foi membro fundador da editorial de poesía Letras de Cal e mais do grupo de teatro Talía. Como poeta debutou con Poemas da Cidade Oculta (1996), ao que seguiu Areados (1996), gañador do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña. Tres anos máis tarde sae do prelo Teoría do Lugar, grazas ao Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e en 2003 un novo libro, Decrúa, faise co Fiz Vergara Vilariño. En 2007 concibe e publica xunto a David Creus Facer merzbau, un proxecto que acolle textos, videocreación e performance, e, máis tarde, ve a luz Máquina ou Móbil (2009). Por último, O libro dos cans, que se publicara orixinalmente no ano 2000, reedítase en 2010. Tamén ten publicados os relatos E a catro patas quilómetros, recollido na publicación dos Premios Pedrón de Ouro (1994) e Alguén matou a Bambi, compilado en Historia da Pusilaminidade e catro contos máis (1996). Ademais, colaborou como músico en espectáculos de danza como: Cos pés na terra -do grupo de teatro D2- e diferentes propostas escénicas da compañía de danza contemporánea Traspediante.
Será unha nova oportunidade libre e gratuíta de coñecer de primeira man algúns dos mellores autores/as das literaturas peninsulares, comprobando a proximidade, a conexión e a calidade da boa poesía contemporánea. Ao termo do acto, presentado pola directora do ciclo e poeta Yolanda Castaño, Escoffet e Creus poderán asinar exemplares da súa obra. Esta iniciativa de periodicidade mensual e impulsada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, continuará de xeito estable ata ao mes de maio. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa DinVersos Abril 2011.