Desde Nós Diario:
“O Pazo do Hórreo acolleu a presentación do volume Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, editado pola Real Academia Galega co apoio do Parlamento galego.
Interviñeron no acto o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o coordinador da obra, Henrique Monteagudo; unha das persoas responsábeis da edición, Patricia Arias; e a filla do homenaxeado, María Victoria Carballo-Calero Ramos.
Trátase, en opinión de Santalices, dun libro “necesario e esclarecedor” que contribúe a render tributo a “dous dos grandes persoeiros da nosa historia contemporánea”.
A obra compila 167 misivas intercambiadas por estas dúas figuras da cultura galega entre 1949 a 1974, que están depositadas no Parlamento e na Fundación Penzol. Foron editados por Patricia Arias Chachero, Adrián Estévez Iglesias e Nélida Cosme. Arias e Estévez asinan ademais o estudo introdutorio e as notas do libro, coordinado por Monteagudo.
Freixanes salientou a importancia das cartas para entender a historia e, sobre todo, a intrahistoria, “esa parte do iceberg que case sempre permanece debaixo da superficie da auga e que non conta, mais que explica moitas cousas”.
Así pois, “a través deste diálogo entre dous xigantes podemos reconstruír, ou cando menos enriquecer, algúns capítulos significativos na historia da cultura galega do pasado século XX”, engadiu.
Santalices aproveitou para lembrar que aínda é posíbel visitar a Mostra Bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero no Parlamento, xa que foi prorrogada até o 31 de marzo. Na exposición, alén dos fondos propios, tamén se poden apreciar documentos senlleiros da nosa historia recente, como un exemplar do Anteproxecto do Estatuto do Seminario de Estudos Galegos de 1931, ao que deron forma Carvalho Calero e Lois Tobío.”