Borxa Tenreiro gaña o XII Premio Artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

DesdeBorxa Tenreiro Sermos Galiza:
“Borxa González Tenreiro, tradutor natural de Ferrol e residente en Lisboa e colaborador de Sermos Galiza, é o gañador da XII edición do premio a artigos xornalísticos normalizadores que convoca o Concello de Carballo. Un certame ao que concorreron un total de 37 traballos e onde o xurado elixiu ‘Non por min; por eles’, de Borxa Tenreiro.
O xurado acordou por unanimidade concederlle o premio, dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación en todos os medios colaboradores, a este artigo. Os argumentos do xurado para esta decisión son “pola súa capacidade de argumentación a prol do ben común, polo seu pragmatismo na defensa do idioma e a capacidade de transcender a argumentos románticos ou abstratos, cos que se procura desmontar a falsa dicotomía entre plurilingüismo e defensa do galego, e que desde o coñecemento de diversas realidades sociolingüísticas realiza unha proposta clara para a defensa da lingua, neste caso a inmersión lingüística. Destácase a clareza expositiva e que o artigo é un alegato contra un suposto dereito á ignorancia que foi axitado nalgún sectores”. Logo da apertura da plica, coñécese o nome do autor, que é Borxa González Tenreiro.
O xurado estivo formado por Inés Rodríguez Muíño, concelleira de Normalización Lingüística, como presidenta do xurado; Luz Cures Vázquez, gañadora da edición anterior e profesora de lingua galega no ensino secundario; Olalla Rodil Fernández, redactora de Sermos Galiza; David Lombao Rodríguez, director de Praza Pública; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto.”

José Casas gaña o X Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo

Desde Sermos Galiza:
“O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores decidiu premiar a José Casás García por Os exemplos, un texto que, segundo o xurado, conecta coas xeracións máis novas e constrúe un elo entre exemplos normalizadores de onte como a Xeración Nós e os de hoxe como a Xeración Xabarín.
O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo nos medios de comunicación colaboradores, entre os que se atopa Sermos Galiza. O artigo darase a coñecer o próximo domingo día 18 de maio. A entrega do premio desenvolverase no marco da Festa da Lingua que terá lugar a sexta feira 16 no Pazo da Cultura de Carballo na que actuarán Os Tres Trebóns e García Mc, ás 21.00 h, con entrada libre e gratuíta.
O xurado estivo composto por Belén Puñal, Mariña Pérez Rei, Cristina Abelleira e Nel Vidal.”

Convocado o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

“O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con varios medios de comunicación escritos, convoca o IX Premio a artigos xomalísticos normalizadores Concello de Carballo 2013 cos seguintes obxectivos:
– Incentivar a reflexión sobre a situación social da lingua galega.
– Crear espazos nos medios para fomentar o uso do idioma galega.
– Promover o uso do galega na prensa escrita.
Os interesados/as poden descargar as bases ao completo nun documento en pdf nesta mesma convocatoria.
Destino: Poderán participar neste concurso de xeito individual todas aquelas persoas que o desexen, sen límites de idade, nacionalidade, profesión, etc.
Prazo: O último día para entregar os artigos é o 11 de abril de 2013, tanto no Rexistro do Pazo da Cultura como en calquera oficina de correos.
Adxudicación: O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida capacidade no ámbito ao que se refire a convocatoria e por un secretario ou secretaria, con voz e sen voto, en representación do Concello de Carballo. Outorgarase un único premio de 1.000 euros brutos e a publicación do artigo en todos os medios colaboradores.

Toda a información aquí.

Carballo: festival Vitaminas para o galego, con entrega do Premio a artigos xornalísticos normalizadores a Carlos Callón

O mércores 16 de maio, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, dentro da programación do Mes das Letras do Concello de Carballo, terá lugar o festival Vitaminas para o galego. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recaeu en Carlos Callón por Fai o teu galego e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, grupo formado por María Xosé Silvar e o guitarrista Tito Calviño.

Convocado o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

“O Concello de Carballo convoca dende 2005 o Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores cos obxectivos de incentivar a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o noso idioma e promover o uso do galego na prensa escrita. Nesta edición son 11 os medios colaboradores, tanto en papel como dixitais, e algúns de ámbito comarcal ou de incidencia directa na comarca, como A Nosa Costa, Diario de Bergantiños, El Periódico de Carballo, La Opinión da Coruña, a edición de Carballo de La Voz de Galicia ou Que pasa na Costa, e outros medios en galego e de ámbito galego, como De Luns a Venres, Galicia Confidencial, Tempos Novos, o diario dixital que acaba de nacer Praza Pública e o dixital e semanario en papel que nacerá nas próximas semanas Sermos Galiza. Os artigos presentados ao premio deberán ser inéditos, ter entre 2.000 e 3.500 caracteres e neles deberase tratar algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co argumentario a prol do uso do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a normalización lingüística, etc. O prazo de presentación está aberto até o 9 de abril de 2012. Tamén se pode obter máis información no Servizo de Normalización Lingüística, no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico normalizador@carballo.org”
As bases completas pódense descargar aquí: Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2012.