O sábado 28 de abril, ás 13:00 horas, na Igrexa de Santa María a Nova (Carreiriña do Escultor Ferreiro s/n) de Noia, terá lugar o acto de entrega do XI Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal correspondente ao ano 2011. Presentarase a publicación do traballo gañador, A nobreza na lírica medieval galego-portuguesa, de Antonio Rey Somoza, acto en que o autor estará acompañado polo académico Henrique Monteagudo, presidente do xurado e os demais membros: Pedro García Vidal, Clodio González Pérez, Xerardo Agrafoxo e Marcos F. Ferreiro.
Arquivos da etiqueta: Premio de Historia Medieval de Galicia
Antonio Rey Somoza é o gañador do Premio de Historia Medieval de Galicia do ano 2011
“A edición número once do Premio de Historia Medieval de Galicia foi para a obra A nobreza na poesía lírica Galego-Portuguesa, de Antonio Rey Somoza. O xurado, reunido no Concello de Noia, o dezasete de decembro de dous mil once, cabodano do Mariscal Pardo de Cela, estivo formado D. Henrique Monteagudo como presidente e, como vocais, D. Xerardo Agrafoxo Pérez, D. Clodio González Pérez, D. Pedro García Vidal e D. Marcos Fernández Ferreiro; actuando como secretario, sen voto, Don David González Couso. O Premio é outorgado conxuntamente por Toxosoutos e os concellos de Carnota, Muros, Outes, Lousame, Noia e Porto do Son. A obra explora a información que ofrece o cancioneiro trobadoresco galego-portugués (no seu sector satírico) e as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, un corpus textual que corresponde á situación plenomedieval (século XIII) do centro e o occidente da Península ibérica. Un traballo que salienta polo seu carácter interdisciplinar, ao mostrar a utilidade da explotación dos textos literarios como fonte de información histórica, complementaria e nalgúns aspectos (por exemplo, no terreo das mentalidades) superior á obtida das fontes documentais tradicional. Os ideais e actitudes da nobreza son presentados coas mesmas palabras de individuos da época; os valores e o modo de vida nobiliar aparecen vividamente retratados; queda de manifesto a rigorosa estratificación da sociedade medieval -mesmo no interior do propio estamento privilexiado- reflectida na súa simboloxía e na ironía/sarcasmo das cantigas; tamén se recupera información de interese dende o punto de vista da relixiosidade (o culto mariano, a cuestión das milagres, etc); e, por suposto, información referida ao campo da cultura medieval e mesmo á historia do humor e o entretemento. Desde o punto de vista do propio premio, ten outra cualidade: abre as portas aos estudos que combinan a historiografía coa filoloxía, un aspecto previsto desde o comezo, pero ao que raramente se lle deu acollida.” Vía Asociación Galega de Editores.
Convocado o XI Premio de Historia Medieval de Galicia
Convocado o XI Premio de Historia Medieval de Galicia convocado pola Editorial Toxosoutos, coas seguintes
– Primeira. Poderán concorrer ao premio todos os autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega ou portuguesa. Os textos deberán ser inéditos cun mínimo de 150 folios a dobre espazo. Valoraranse o rigor, a innovación metodolóxica e o interese para a sociedade.
– Segunda. Os traballos de Historia Medieval de Galiza comprenderán toda a etapa medieval. Os traballos de Historia Medieval de Portugal cinguiranse ao período de historia en común.
– Terceira. Presentarase o orixinal e cinco copias antes do 1 de novembro de 2011en: Editorial Toxosoutos, Cruceiro do Rego, 2 – Obre, 15217 Noia (A Coruña).
– Cuarta. Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título da obra.
– Quinta. O premio considerará dúas clases de galardóns, nomeadamente, un gañador, ao que se lle asigna unha dotación económica de 4.000 euros, e un finalista, que recibirá unha cantidade de 1.200 euros. En ambos os dous casos, os traballos serán publicados pola Editorial Toxosoutos na súa colección Trivium, renunciando os autores aos dereitos da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da devandita editora. Aínda que os premios poderán quedar desertos ou ser compartidos en calquera das categorías sinaladas.
– Sexta. O xurado estará composto por cinco especialistas de recoñecido prestixio, e actuará como secretario sen voto un membro da Editorial Toxosoutos.
– Sétima. O fallo do xurado darase a coñecer o día 17 de decembro, aniversario da morte do Mariscal Pardo de Cela.
– Oitava. O xurado poderá recomendar a publicación dos traballos que, aínda non sendo premiados, sexan de calidade.
– Novena. Os autores e autoras quedarán comprometidos a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.
– Décima. A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.