Carlos Labraña leva o VIII Premio Estornela de Teatro para nenos

DesdeCarlos Labraña Cultura Galega:
A pequena compaña é o título da obra coa que Carlos Labraña Barredo obtivo o VIII premio Estornela de Teatro para nenos. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez, destacou a “perfecta caracterización dos personaxes, a tensión dramática e o vibrante ritmo narrativo” así como a mestura de tradición galega e mitoloxía clásica da obra. O galardón que convoca de xeito bienal a Fundación Neira Vilas está dotado con 600 euros en metálico e mais a publicación da obra. Canda a este traballo, entre os 18 presentados, o xurado concedeu tamén mencións de honra ás obras As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro Martínez, e mais a As aventuras de Odiseo, de Xosé Luna Sanmartín.”

Diana Varela gaña o Premio Estornela de Teatro para nenos

Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado do Premio Estornela de Teatro para nenos, reunido en Gres (Vila de Cruces) acordou fallar a VII edición de dito premio en favor de Diana Varela Puñal, pola súa obra Arlequino Viceversa. A decisión do xurado foi unánime.
Da obra gañadora os membros do xurado, composto por Xosé Neira Vilas (presidente), Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez (secretario), apreciaron o ben logrado movemento escénico, a amenidade da trama, o léxico rico e asequible, a alusión á cultura popular (entroido, filloas, etc), a cordial relación interxeracional e a transmisión de valores humanos integrada no seo da familia, así como a relación cordial entre nenos e nenas.
Dada a calidade das obras presentadas, o xurado considerou oportuno conceder mencións de honra ás obras A fraga das árbores das palabras, de Carlos Labraña e O corazón do bosque, de Lino Braxe.
A entrega dos premios terá lugar na Fundación Xosé Neira Vilas o próximo domingo 16 de decembro ás 17:00 h., nun acto no que participará o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero e o propio escritor Xosé Neira Vilas. Haberá unha representación escénica a cargo do coñecido actor vigués Cándido Pazó.”

VII Premio Estornela de Teatro para Nenos

A Fundación Xosé Neira Vilas convoca a VII edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos. Trátase dunha iniciativa de carácter bianual que pretende estimular a creación teatral dirixida a nenos e nenas.
O premio está dotado con seiscentos euros e inclúe a publicaciòn do texto por Edicións Embora. Enviarase o orixinal e dúas copias adxuntando sobre pechado co título por fóra e dentro del nome e apelidos do/a autor/a, enderezo e teléfono ata o vindeiro 30 de outubro á sede da Fundación Xosé Neira Vilas (C. P. 36587, Gres-Vila de Cruces-Pontevedra). Os textos han ser inéditos en lingua galega, e cada orixinal pode conter varias pezas teatrais.

Carlos Labraña gaña o VI Premio Estornela de Teatro infantil

A obra Teatro de Xoguete, de Carlos Labraña, gañou o VI Premio Estornela de Teatro para nenos/as, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Valentín García Gómez e Xoán Andrés Fernández Castro, acordou por unanimidade conceder o premio a esta obra, composta por tres representacións teatrais distintas que levan por título Á procura das andavías xigantes, Os xoguetes esquecidos e Voa, voa, Papaventos, que conforman “un conxunto dramático que recrea dun xeito maxistral e altamente atractivo e humorístico motivos extraídos da realidade diaria do mundo infantil”. O premio será entregado o domingo 19 de decembro ás 19:00 na propia Fundación. O xuri decidiu entregar un accésit de honor a Xosé Luna Sanmartín pola súa obra Tulipáns vermellos. Vía Galicia Hoxe, recollido tamén en La Voz de Galicia. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Convocado o VI Premio Estornela de Teatro para nenos

A Fundación Xosé Neira Vilas convoca o VI Premio Estornela de Teatro para nenos, ao que concorreron bienalmente máis de medio cento de autores de toda Galicia.

BASES

1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos inéditos escritos en lingua galega.
2. Cada orixinal pode conter unha ou varias pezas teatrais.
3. Os traballos enviaranse, en orixinal e dúas copias, á sede da Fundación Xosé Neira Vilas: Gres-Vila de Cruces (Pontevedra), C. P. 36587. Levarán un título. En sobre a parte, cerrado, deberá consignarse por fóra o mesmo título e dentro nome e apelidos do autor ou autora, enderezo e teléfono.
4. O prazo de admisión de orixinais pecharase o 30 de outubro de 2010.
5. A Fundación Xosé Neira Vilas escollerá un xurado de recoñecido prestixio. O seu dictame será inapelable.
6. Entregarase o Premio durante o mes de decembro de 2010.
7. O Premio Estornela ten unha dotación económica de 1000 euros.
8. Publicarase o libro premiado.
9. Os orixinais non premiados poden ser retirados polos respectivos autores no prazo de trinta días contados a partir da entrega do Premio.
10. A participación no Premio Estornela supón a aceptación destas Bases.

Máis información no teléfono da Fundación (986-58 90 26) ou na súa páxina web.