Santiago Lopo gaña o XXIV Premio Manuel García Barros, con Hora zulú

“Santiago Lopo, coa novela Hora zulú, é o gañador do XXIV Premio Manuel García Barros que concede o Concello da Estrada. O xurado salientou que desde a variedade de rexistros literarios de calidade (cartas, poesía, informes,…) apreixa o leitor para contar unha historia de actualidade científica que cuestiona as fronteiras espazotemporais e reivindica valores ecoloxistas. Valorouse tamén a concepción do psiquiátrico como metáfora da sociedade actual que lle serve o autor para elaborar con destreza a biografía dun científico comprometido co seu tempo e activismo social. Como gañador do certame Manuel García Barros, a súa obra será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia.

Convocado o XXIV Premio de Novela Manuel García Barros

“O Excmo. Concello da Estrada, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia convoca o XXIV PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS (KEN KEIRADES), cunha dotación económica de 9.000 euros, que se rexerá polas seguintes

BASES XXIV PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS

PRIMEIRA. Poderán concorrer ao premio todos os autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega. Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.
SEGUNDA. Os orixinais serán presentados por sextuplicado exemplar en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo antes do 30 de abril de 2012 na Casa do Concello, Praza da Constitución, 1 – 36680 A Estrada (Pontevedra).
TERCEIRA. Con cada orixinal que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor ou autora, así como o título da novela.
Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003.
CUARTA. O premio terá unha dotación económica de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio.
QUINTA. O xurado estará composto por cinco membros escolleitos entre recoñecidos persoeiros do mundo da cultura actuando un deles como secretario/a a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio concederase por maioría de votos.
SEXTA. A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente. As Bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia.
SÉTIMA. Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente.
OITAVA. O premio poderá ser declarado deserto.
NOVENA. O acto de entrega do devandito XXIV PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS (KEN KEIRADES), será no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.
DÉCIMA. O Excmo. Concello da Estrada resérvase, durante o prazo de un ano, os dereitos de publicar a obra premiada, en todas as linguas do Estado, en formato físico e dixital. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello da Estrada, na primeira edición en papel, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A obra premiada será publicada por Editorial Galaxia.
UNDÉCIMA. No caso da súa solicitude por escrito, enviaranse aos/ás autores e autoras e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, aqueles orixinais non premiados. Transcorrido dito prazo serán destruídos.
DUODÉCIMA. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como as decisións do xurado designado, que serán inapelables.”

Antonio Piñeiro gaña o XXIII Premio Manuel García Barros, con As fiandeiras

“O escritor e editor Antonio Piñeiro resultou gañador da XXIII Edición do Premio Manuel García Barros, coa novela As fiandeiras por decisión unánime do xurado, que estivo formado por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Bieito Iglesias Araúxo, Carlos Lema, Valentín García Gómez que actúa como Secretario.
En opinión do xurado, a novela gañadora é intensa, reveladora e sutil e achega a historia dun tempo pasado lexible en clave presente, abrindo vías que convidan a repensar realidades como o poder, o xénero, o educativo ou o avance do progreso. Novela de prosa moi plástica e cinematográfica, presenta unha trama ambientada nos tempos das revoltas cantonais do século XIX na que se desenvolve unha historia moi elaborada na caracterización psicolóxica dos personaxes, con decisiva pegada simbólica, onde se producen desvelamentos susceptibles de ser lidos dende a denuncia do social e que acaban por debuxar un delicado retábulo de seres e vivencias.
Antonio Piñeiro reside en Ribeira, é profesor de Historia e dirixe a editora artesanal Bourel. Este ano obtivo o Premio Avilés de Taramancos co relato A dama fulxente. A obra gañadora será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia. Tamén en Fervenzas Literarias.

A Coruña: presentación de O imposible de desatar, de Iván García Campos

O xoves 2 de decembro, a partir das 20:00 h., na sala de conferencias do Kiosko Alfonso da Coruña, preséntase O imposible de desatar, de Iván García Campos, publicado en Galaxia, novela gañadora do Premio Blanco Amor 2010. No acto, acompañando ao autor, participan Carlos Lema e Camilo Franco.

Antón Lopo gaña o premio Manuel García Barros coa novela Obediencia

Unha Compostela independente que domina de xeito despótico o seu contorno na Galicia no século XXII. Este é o contexto no que se desenvolve Obediencia a novela coa que o escritor e xornalista Antón Lopo acaba de se facer co XXII premio Manuel García Barros de novela, que convoca o Concello da Estrada. O xurado (composto por Inmaculada Otero, Manuel Santiago Fernández, Xosé Manuel Eyré, Carlos Lema e Valentín García) destacou a capacidade do autor para transmitir “sensación de futuro”. A obra será publicada proximamente pola editorial Galaxia.
A nova foi recollida deste xeito nos medios de comunicación: (El Correo Gallego, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, La Opinión, Vieiros, Xornal).

A Pobra de Caramiñal: presentación da novela gaañdora do Premio García Barros

A Asociación Cultural Barbantia, a libraría Ler d´A Pobra do Caramiñal e a Editorial Galaxia presentación este venres o libro Un tipo listo, Premio García Barros de novela, de Xosé Monteagudo. O acto celebrarase na libraría Ler d´A Pobra do Caramiñal a partir das 20:30 e nel estarán presentes o autor, así como Víctor Freixanes, director de Galaxia; Antón Riveiro Coello, presidente de Barbantia; Xosé Ricardo Losada, secretario de Barbantia; e os socios da entidade, María Xesús Blanco e Xerardo AgraFoxo.

Xosé Monteagudo gaña o Premio García Barros de novela

O escritor Xosé Monteagudo foi elixido por unanimidade gañador do premio de novela García Barros 2009 coa súa obra Un tipo listo. O xurado, formado por Inma Otero Varela, Armando Requeixo, Luís Alonso Girgado, Carlos Lema e Valentín García Gómez, que actuou como secretario, valorou a súa orixinalidae, o seu coidado ritmo e a autenticidade dos seus personaxes.

Rianxo: presentación do Premio García Barros 2008

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo presentan o libro gañador do Premio García Barros 2008, Shakespeare destilado, de Xesús Constela. O acto terá lugar o venres 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, e estarán presentes o autor; o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes; o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello; e o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida.