Desde Nós Diario:
“Ismael Ramos vén de ser galardoado co Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández, correspondente ao ano 2022, pola súa obra Lixeiro, (Xerais), a proposta do xurado. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.
O xurado destacou a súa obra “pola potencia da súa imaxinación poética, capaz de emprender un canto xeracional entoado desde un desencanto reconciliado que conxuga ironía e nostalxia”.
Aliás, o xurado sinalou que, como “bo coñecedor da tradición poética contemporánea, Ismael Ramos ofrece unha proposta desprovista de afectación e moi depurada lingüisticamente que conforma unha sorte de épica vivencial de ton á vez transcendente e lixeiro”.
Ismael Ramos, nado en Mazaricos en 1994, é autor dos poemarios Os fillos da fame (XVII Premio Johán Carballeira de Poesía; Xerais, 2016), Lumes (Apiario, 2017) e posteriormente Lixeiro (Xerais, 2021).
En 2019 publica en La Bella Varsovia a primeira tradución ao castelán da súa obra Lumes, pola que recibiu en 2020 o Premio Javier Morote de ‘As Librarías Recomendan’.
Os seus poemas foron versionados tamén ao catalán, finés, francés, húngaro, inglés e portugués, e incluídos en numerosas revistas e antoloxías.”
Arquivos da etiqueta: Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández
Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández 2020
Desde Nós Diario:
“A poeta galega Alba Cid foi galardoada co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2020 pola súa obra Atlas, segundo informou o Ministerio de Cultura e Deporte, que concede este galardón, dotado con 20.000 euros.
O xurado elixiu esta obra “por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo”.
“É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma”, sinala o xurado que destacou que é unha obra “escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía”.
Alba Cid (Ourense, 1989) é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Participou en volumes como Poética da casa (2006) e na antoloxía de Apiario No seu despregar (2016).
Os seus poemas foron traducidos ao castelán, grego, inglés e portugués.”
Entrega dos Premios Nacionais de Cultura a Ledicia Costas e Gonzalo Hermo
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Na entrega dos Premios Nacionais de Cultura correspondentes ao bienio 2014-2015, realizada o 1 de xuño en Palencia, houbo unha apreciable presenza da cultura galega. Aos premios de Tradución e Teatro de 2014, sumáronse o pasado ano os de Literatura Infantil e Xuvenil de Ledicia Costas por Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais) e o de Poesía Xove de Gonzalo Hermo por Celebración (Apiario), o que constitúe un espazo de visibilidade para a nosa creación e produción cultural. Catro novos nacionais que incrementan a nómina de títulos da literatura e edición galegas premiados polo Ministerio de Cultura nas últimas tres décadas: cinco en infantil e xuvenil, cinco en tradución, tres en narrativa, dous en literatura dramática, dous de ilustración, un de cómic, un de ensaio, dous de poesía, un de teatro e un ao mellor labor editorial. Premios que constitúen un pulo e unha oportunidade para as persoas premiadas, mais tamén un aliciente e un recoñecemento colectivo para a cultura literaria galega, sometida a tantas invisibilidades e inxustos prexuízos. Parabéns, pois, a Ledicia Costas e Gonzalo Hermo, que onte representaron orgullosas a excelencia e a esperanza da literatura galega do século XXI.”
Entrevista a Gonzalo Hermo no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Aquí temos unha tradición poética propia que é de ruptura desde Rosalía”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Rosalía Fernández Rial e Lorena Souto, finalistas no Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández
Desde La Voz de Galicia:
“A carballesa-muxiana Rosalía Fernández Rial (1988), quedou finalista no Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández, que se fallou o pasado venres en Madrid. No acto tamén estivo presente como xurado o autor fisterrán Modesto Fraga Moure, que acudiu como representante da Real Academia Galega, nun acto que se celebrou na Secretaría de Estado de Cultura. O premio Miguel Hernández escolle ao mellor libro de poesía escrito por autores menores de 31 anos. O gañador desta edición foi Unai Velasco, co libro Neste lugar. Rosalía Fernández, coa súa obra Vinte en escena, chegou á última rolda xunto a outra autora galega, Lorena Souto. Cabe destacar o feito de que dous dous cinco libros finalistas estaban escritos en galego, «nun premio onde a lingua xoga un papel determinante», como destaca Modesto Fraga. (…)”