Co fin de honrar a memoria de Vicente Risco e asemade axudar á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego, os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mais as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco convocan o XVI Premio Vicente Risco de ciencias sociais, dotado con 6.000 euros (1.500 euros por cada un dos organizadores) e que se ha rexer polas seguintes
BASES
Primeira.- Poderá concorrer ao premio calquera persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en lingua galega, conforme ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego elaboradas polo ILG e a RAG e aprobadas polo Parlamento de Galicia. Os textos presentados, amais de seren inéditos, totalmente orixinais e sen poderen estar publicados nin traducidos en ningún dos formatos dixitais que ofrece internet, han tratar do estudo do ámbito galego sempre desde o punto de vista das ciencias sociais (antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía, etc.), tendo unha extensión mínima de cento cincuenta páxinas e unha extensión máxima de trescentas páxinas, tamaño folio e mecanografadas a dobre espazo. Valorarase especialmente que o estilo expositivo se adecúe aos usos habituais do xénero ensaístico.
Segunda.- De cada texto presentaranse cinco copias antes do día 31 de decembro do 2010, remitíndoas á Fundación Sotelo Blanco, San Marcos, 77, 15820 Santiago de Compostela.
Terceira.- Cos orixinais, que irán precedidos polo título ou lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figure por fóra o lema e que conteña o nome completo, DNI, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro; indicando no sobre XVI premio vicente risco de ciencias sociais.
Cuarta.- O xurado estará composto por cinco membros que, relacionados co mundo da cultura, serán nomeados polas catro entidades convocantes. Un deles actuará de secretario. O premio outorgarase por maioría de votos.
Quinta.- A composición do xurado darase a coñecer na primeira quincena do mes de decembro.
Sexta.- A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer na segunda quincena de febreiro e a entrega do premio realizarase no decurso dun acto que se celebrará en Castro Caldelas en data que se comunicará oportunamente.
Sétima.- O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.
Oitava.- Os gañadores do premio nalgunha das súas edicións anteriores non poderán concorrer nesta convocatoria.
Novena.- Sotelo Blanco Edicións, segundo acordo coas entidades organizadoras, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición da mesma en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.
Décima.- Os orixinais non premiados poderanse retirar logo de pasados quince días da data do fallo. Os orixinais que non se retiraren destruiranse.
A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.
Santiago de Compostela, outubro do 2010.
Pódense descargar as bases en formato .pdf pinchando aquí: Premio Vicente Risco 2010. En decembro do 2010 fíxose pública a composición do xurado, que se pode consultar neste enlace.