Arquivos da etiqueta: Rafael Laso Lorenzo
Un libro das memorias da Limia e “para todos os públicos”
Do medio Dende a Limia:
“Na xornada na que se homenaxeaba a figura do escritor e poeta de Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán, con motivo do 17 de maio, outro escritor, Rafael Laso, natural de Xinzo, presentaba na vila a súa última obra, A revolta da lagoa. No acto, celebrado ao aire libre, estiveron presentes, ademais do novelista, a alcaldesa Elvira Lama, o concelleiro de Cultura e o tamén escritor Miguel Anxo Alonso Diz.
A rexedora agradeceu ao autor pensar en Xinzo e en tal data conmemorativa para presentar a súa nova obra. Rafael Laso, comezou dicindo Elvira Lama, “é un home moi centrado na súa profesión -enxeñeiro técnico industrial pola Universidade de Vigo- ao que aínda queda tempo para compaxinar o seu traballo coa literatura e coa arte de contar para os demais. Pero é sobre todo un limiano de nacemento, de corazón, por iso é polo que en parte da súa obra estea a Limia como escenario dos seus relatos”. A obra ten á lagoa de Antela e aos seus habitantes como protagonistas e, aínda que está pensada para o público xuvenil, “os relatos non teñen por que ter etiquetas e poden ser para todas as idades, porque todos podemos ver parte da nosa historia reflectida en eles”, expuxo a alcaldesa, quen agradeceu a presenza no acto do escritor Miguel Anxo Alonso Diz, tamén de ampla traxectoria literaria, quen tomou a palabra a continuación.
Dixo Alonso Diz que A revolta da lagoa –con ilustracións de Ximena Maier- ben podería ser un libro de varias memorias, comezando polas memorias de lugares e sons como “as campás da vella cidade asolagada”, “as torres do castelo” ou a “aldea vella”, que permanecen na memoria colectiva limiana. Tamén é un libro que fala “da memoria das palabras”, expuxo na súa intervención, no que os máis novos van atopar desde pombas a cucos, cotovías, carrizas, paparroibos, sapos, morcegos e moitas outras especies para as que é necesario “que a nosa rapazada siga nomeándoas, porque o que non se nomea non existe”. Ademais de animais hai soutos, chairas e unha infinidade de árbores como bidueiros, ameneiros, salgueiros, castiñeiros ou carballos”.
Quedaba por referir a Alonso Diz outra memoria, a “asolagada”, que é “a memoria da emigración, a memoria de nós como pobo” para finalizar dicindo que Laso escribira “un libro sen idade, para grandes e pequenos, unha obra que dá voz aos animais e que nos leva á reflexión sobre o impacto de nós sobre a terra”.
A revolta da lagoa fixo regresar á súa casa que é Xinzo a Rafael Laso para explicar como foi o proceso de creación dunha obra que aborda, desde unha perspectiva diferente, un dos maiores acontecementos da comarca na segunda metade do século XX: a desecación da lagoa de Antela. Laso (Xinzo, 1965) non o lembra en primeira persoa pero si da man dos seus pais e avós e numerosos veciños da vila. A idea do libro, expuxo o novelista, “veume no ano 2016, cando se cumprían sesenta anos da aprobación da lei de desecación da lagoa”. Levoulle algo máis dun ano escribilo e non o fixo tomando parte desde unha perspectiva determinada –se foi un feito bo ou malo- senón para contar a visión de quen realmente eran os habitantes e propietarios do acuífero, os animais. (…)”
Vigo: presentación de A revolta da lagoa, de Rafael Laso Lorenzo
Sae a luz outra novela de Rafael Laso
Entrevista a Rafael Laso en Dende a Limia:
“(…) – Dende a Limia (DL): A novela titúlase A revolta da lagoa. Despois de Unha vida de ra regresas ó mesmo escenario.
– Rafael Laso (RL): Si, si, regreso novamente á lagoa de Antela.
– DL: Pero é que O trasmundo de Antioquía tamén está ambientada alí. Hai algo que che quedara por contar?
– RL: Non, en absoluto. Esas dúas novelas que citas xa dixeron todo o que tiñan que dicir. Nesta nova case me atrevo a asegurar que a lagoa é algo máis que o espazo onde se desenvolve a acción, é case como un personaxe que está aí presente sempre, inda que non sexa en primeira liña.
– DL: Perdoa que insista, algo especial terá para ti.
– RL: Non podo negar que o ten. Noutros libros meus, tamén hai mencións a lagoa, sexan de xeito directo ou indirecto. Eu non a coñecín, a miña lembranza é a da canle a que ía pescar ras co meu tío o Toniño Moca. Pero meus pais, os avós, si… na casa saíu moitas veces como tema de conversa. Cando es un neno, certas historias quédanche pegadas sen saber polo que. Lembro que cando o meu avó falaba da ponte tremedoira eu arrepiaba co medo cando me imaxinaba de pé naquela ponte.
– DL: Daquela, que nos contas na novela?
– RL: Conto a historia do estiñado da lagoa. Pero dende a visión da parte máis feble, a parte máis afectada por todo o proceso. Esa parte que foron os animais que formaban o hábitat da lagoa e arredores.
– DL: Veremos entón unha visión negativa da desecación?
– RL: Non, para nada pretendo iso. Cómpre salientar que non podemos xulgar cos ollos de hoxe algo que se executou hai máis de sesenta anos, cunhas circunstancias e unhas necesidades diferentes. Como en todas as cousas haberá aspectos positivos e negativos, pois a perfección ou o acerto completo non existen. Eu só quería darlle voz (inda que fose nunha fantasía) a aqueles que non foron consultados e que foron os que máis perderon. O libro leva unha cita de Bob Dylan moi significativa, pero hai outra cita del que di “as persoas rara vez fan o que cren. Fan o que é conveniente, despois arrepíntense”. Por iso digo que seguramente hoxe non se faría tal cousa.
– DL: Como xurdiu a idea?
– RL: Comecei a escribila no 2016, ó cumprirse sesenta anos xustos da aprobación da lei para o saneamento e colonización da lagoa, e para o ano seguinte estaba practicamente rematada. Lembro ler daquela moitos artigos e reportaxes na prensa sobre a cuestión. Nese ano volvín ler Antela, a memoria asolagada, de Xosé Lois Martínez Carneiro. Lino cunha ollada moi diferente a cando o fixen no 1997 ó pouco de ter saído do prelo. Nun dos artigos do libro falábase da fauna e da flora que se perdeu. E imaxinei que sería interesante poñerme no pelexo deses animais para contar a historia o máis preto posible da súa perspectiva. (…)
– DL: Como foi o proceso da escrita?
– RL: Aínda que pareza unha contradición, foi doado pero complexo ó mesmo tempo. O primeiro, porque a idea da historia estaba completa na miña cabeza. Cando iso ocorre, resulta máis ou menos doado poñela en palabras. O complexo foi a procura de información e imaxes antigas da lagoa, lectura de textos e artigos para documentar o mellor posible o contexto. (…)”
Rafael Laso Lorenzo: “Hoxe unha desecación como a feita na Lagoa de Antela sería imposible”
Entrevista a Rafael Laso Lorenzo en La Región:
“(…) – La Región (LR): Estamos ante o seu terceiro libro ambientado na Lagoa de Antela.
– Rafael Laso Lorenzo (RLL): É o terceiro libro que ambiento na Lagoa de Antela –O trasmundo de Antioquía e Unha vida de ra foron os dous primeiros-, pero é a primeira vez que falo do proceso de desecación, da súa historia dende o punto de vista dos animais. (…)
– LR: O libro pretende unha reflexión sobre o que se perdeu coa desecación?
– RLL: Si, aínda que non pretende ser unha crítica. Non se pode criticar hoxe o que se fixo naquela época, onde había outra mentalidade e outras ideas. Eu son dos que din que un proceso non ten todo bo, pero tampouco ten todo malo. Habería que velo dende moitas perspectivas.
– LR: É unha historia non só pensada para un público infantil.
– RLL: É para lectores de máis de 10 anos e conta cunhas fermosas ilustracións de Ximena Maier. Pero é unha historia que pode ler calquera. Engadiría un cero máis: de 10 a 100 anos.
– LR: Que cre vostede que explicaría o feito de que algo que aconteceu hai 60 anos continúe tan presente na vida dos limiaos?
– RLL: Penso que o paso do tempo deixa outra maneira de ver as cousas e pensas se o resultado foi tan bo como o que se pretendía conseguir. Hai que situarse no contexto daqueles anos, en plena ditadura franquista, na que había un afán desecador de zonas lacustres do país para xerar superficies agrícolas. Houbo dous intentos de desecación da lagoa que fracasaron pola presión da xente. A miña teoría é que se hoxe retrocedemos aos 60 volvería a desecarse a lagoa, pero actualmente non se faría. Sería imposible, hai unha maneira diferente de entender a relación entre os seres humanos e o medioambiente.
– LR: De que maneira se poden preservar as especies que vostede reflicte no seu libro e que aínda existen?
– RLL: Creo que a xente está concienciada e fanse cousas. Hai páxinas especializadas sobre a Lagoa de Antela, a Sociedade Galega de Historia Natural fai un moi bo labor, o propio Concello tamén. É moi positivo tamén que o resultado das extraccións areeiras se estea deixando ao aire libre.
– LR: Escritores coma vostede fan un labor importante na divulgación daquela realidade.
– RLL: Si, pero hai que animar a ler en xeral. Proporciona unha mente máis aberta e con máis posibilidades.”
Xinzo de Limia: presentación de A revolta da lagoa, de Rafael Laso Lorenzo
Xinzo: presentación de Lolo en bici e Carlos na moto, de Rafael Laso Lorenzo
Ourense: coloquio arredor de Carlos Casares, o amigo das palabras, de Rafael Laso Lorenzo
Vigo: presentación de A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello
Cuestionario Proust: Rafael Laso
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rafael Laso:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– O que elas agardan de min.
4.– A súa principal eiva?
– Son teimudo de máis.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Poder compartir o tempo coa miña dona e meu fillo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder ás persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritor ou pintor.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste noso país.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O alecrín.
12.– O paxaro que prefire?
– O xiroto.
13.– A súa devoción na prosa?
– A listaxe sería moi longa.
14.– E na poesía?
– Celso Emilio, Cunqueiro, Rosalía…
15.– Un libro?
– Tantos…, dicir un só sería case pecado.
16.– Un heroe de ficción?
– Mazinger Z.
17.– Unha heroína?
– A pantera rosa.
18.– A súa música favorita?
– Bob Dylan e Milladoiro.
19.– Na pintura?
– Van Gogh, Sorolla.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os dous: meu pai e miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Antela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade.
23.– O que máis odia?
– A envexa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– Non sei se un feito militar, a revolta irmandiña.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don de linguas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen decatarme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Argallando e pensando cousas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O ser lambón.
30.– Un lema na súa vida?
– A felicidade está nas cousas arredor de nós.”