Estevo Creus, galardoado na XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Resultou moi grato para min asistir, como membro do xurado xunto con Xabier Castro, Blanca Ana Roig, Míriam Ferradáns e Daniel Costas Currás, ás deliberacións que outorgaron a XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao libro O lugar que non hai que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Estevo Creus Andrade, que xa resultara galardoado neste mesmo certame en 1998 con Teoría do lugar. Un libro, o desta ocasión e tal e como se sinala na acta do xurado, pragado de imaxes escintilantes e que esculca con brillantez e ironía, desde as instancias da dúbida permenente, nos territorios da outredade, da confusión, do desdobramento e do propio eu poético.
Non podo deixar de referirme á ofrenda floral previa que se lle tributou a Eusebio Lorenzo, no cemiterio de San Xián de Laíño, xunto cos escritores Manuel Lorenzo Baleirón, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, á que tamén asistiron Valentín Alfonsín e Adriana Sóñora. Un acto sinxelo onde soou a palabra de Rilke nunha tradución de Lois Tobío e semelloume que todo o que Rilke escribira un día fora pensado para aquel momento. Particularmente, malia as proximidades xeracionais, non coñecín ao poeta de Dodro, pero si admirei e admiro a súa obra e, sobre todo, foi para min unha satisfacción constatar como o lugar en que el naceu segue a traballar, desde hai tantos anos, por manter viva coa poesía a súa memoria. Que así siga por moitos anos.”

Ambrose Bierce, Anatole France ou Maupassant tamén se poden ler en galego

Desde Sermos Galiza:
“Desde que en 1985 se creou a Asociación de Tradutores Galegos, o seu proxecto estrela, a Biblioteca Virtual Bivir foi facéndose a cada máis sólido na rede. A estas alturas son máis de cento setenta títulos da literatura universal verquidos ao galego que se poden ler directamente na rede. Son todas obras libres de dereitos que se poden descargar de maneira gratuíta en formato PDF a través da propia web ou doutros proveedores na rede.
O catálogo de Bivir está composto xa por máis de cento setenta títulos entre os que podemos atopar obras singulares mais tamén tradutores e tradutoras de especial relevancia, desde os nomes pioneiros na tradución galega como Lois Tobío, Fernando Pérez-Barreiro ou Valentín Arias até figuras da literatura actual que ofrecen as súas versións de obras de referencia.
No amplo catálogo, o papel do tradutor ou tradutora merece destaque e é o que ordena polo alfabeto as distintas entradas. É dicir, o nome de quen traduce leva á obra traducida. Xela Arias a Baudelaire, Valentín Arias a Diderot, Moisés Barcia ou Emilio Pérez a Bierce, Silvia Duarte a Kafka, Saleta Fernández a Rilke, Antón Figueroa a Émile Zola, Ánxela Gracián a Xulio Verne ou Emma Lazaré a Gustave Flaubert ou Guy de Maupassant. A colección sorprende con pezas como a obra de Paul Valéry traducida por Salvador Lorenzana, pseudónimo de Fernández del Riego.
Ademais de María Reimóndez, traductora de profesión, con obras de Skahawat Hussain e Mary Prince, outros escritores galegos aparecen na listaxe como autores de tradución, como Xavier Queipo -tradutor do Ulysses de Joyce que estará pronto nas librarías- achegan a obra de André Thevet ou Rodríguez, Domínguez Alberte a Bécquer ou Baixeras a Boccaccio.”