Galicia Classics homenaxea a Álvaro Cunqueiro

“O ciclo Galicia Classics fará unha homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro durante os meses de setembro e outubro coa programación do espectáculo O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro, un recital poético-musical que forma parte das iniciativas programadas no Ano Cunqueiro, no que se cumpre o centenario do seu nacemento. Este espectáculo rende homenaxe ás obras que inspiraron algunhas das páxinas máis logradas da literatura galega. A primeira cita deste espectáculo da Agrupación Lírica Ofelia Nieto será o venres 23 de setembro, en Ferrol. A actuación, que comezará ás 20:00 horas, terá lugar no Auditorio Novacaixagalicia. Unha semana despois, o 2 de outubro, o recital chegará á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, onde poderá verse ás 19:00 horas. A entrada será libre ata completar o aforamento. O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro é un recital poético-musical con guión e dirección de Antón de Santiago, que tamén actúa no espectáculo como barítono e actor e que está acompañado por Patricia Morchón, como soprano e actriz. Ambos estarán acompañados polo conxunto instrumental Cítola, composto por Ángel Lozano (violín), Rosalía Vázquez (chelo) e Ramón Carnota (guitarra). Neste espectáculo musical en homenaxe a Cunqueiro, inclúense tamén obras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Pimentel, Novoneyra e Fernán-Vello.” Vía Xornal.

Culleredo: presentación da Poesía galega completa de Ramón Cabanillas

O 5 de maio, ás 20:00 na Biblioteca “Uxío Novoneyra” (Pazo de Vila Melania – Vilaboa, Culleredo), terá lugar a presentación do libro Poesía galega completa, de Ramón Cabanillas. O acto, que contará coa participación de Celestino Poza Domínguez (concelleiro de Cultura de Culleredo), Manuel Bragado (director de Xerais), Xosé María Dobarro (coautor da edición) e Xosé Ramón Pena (coautor da edición).

50 anos do pasamento de Ramón Cabanillas

Hoxe nove de novembro cúmprense cincuenta anos da morte do poeta de Cambados Ramón Cabanillas, autor de Vento mareiro, Da terra asoballada, Na noite estrelecida ou a obra de teatro O mariscal. Xerais anunciou a próxima aparición dun volume que recolle en 1032 páxinas a Poesía galega completa do lendario autor galego, compilada polos catedráticos Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro.

A Coruña: conferencia de Francisco Fernández Rei

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro xoves 7 de maio terá lugar a primeira das conferencias do ciclo Lingua e Letras en conmemoración do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión participará o catedrático de Filoloxía Románica e investigador do ILG Francisco Fernández Rei, que impartirá unha conferencia arredor da figura de Ramón Cabanillas no cincuenta cabodano do seu falecemento. Será ás 20:30 h no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º, A Coruña). A entrada é libre.