Arquivos da etiqueta: Ramón Nicolás
Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos con O lanzador de coitelos
Desde Galaxia:
“No Día do Libro, mércores 23 de abril, celebrouse, ás 11 h, na sede de Editorial Galaxia, unha rolda de prensa na que se deu a coñecer o fallo do Premio Galaxia de Novela 75 Anos, o galardón literario de maior dotación económica en Galicia.
O xurado, presidido pola catedrática e conselleira da editorial, Dolores Vilavedra Fernández e composto por Marcos Calveiro, como secretario; Ramón Nicolás Rodríguez, escritor, profesor e crítico literario; Tensi Gesteira Estévez, xornalista e crítica literaria; e Inma Otero Varela, escritora, profesora e crítica literaria; decidiu por maioría outorgar o premio á obra O lanzador de coitelos, da autoría de Fernando Castro Paredes.
A novela, segundo destacou o xurado, sobresae pola súa elevadísima calidade literaria e pola forma brillante na que está escrita, atrapando o lector nunha atmosfera desacougante. Enmarcada no xénero do thriller, O lanzador de coitelos aborda cuestións complexas, como a memoria (individual e colectiva), a liberdade, a identidade e o control social levado ata extremos humillantes. O texto articúlase como un xogo metaliterario e de máscaras, no que se reivindica tamén a relación entre a arte e o fracaso.
Por outra banda, o xurado quixo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
Na rolda de prensa participaron Dolores Vilavedra, presidenta do xurado; Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia; Marcos Calveiro, director de Edicións; e o gañador, Fernando Castro Paredes.
Fernando Castro Paredes sinalou que en ningún momento pensou que este texto puidese ter un recoñecemento desta embergadura, o que tildou como un premio histórico, poñendo en valor o orgullo inmenso que sente por poder recibir este galardón. (…)”