Begoña Caamaño: a transgresión do mito, entrevista con Ramón Nicolás

Entrevista de Ramón Nicolás a Begoña Caamaño no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás: A súa presenza como novelista é recente. Que lle impulsou a publicar?
– Begoña Caamaño: É difícil contestar con honestidade a esta pregunta. Quizais o máis honrado sería contestar simplemente que a «vaidade», pero non é tan sinxelo. Son unha escritora serodia. Circe, a miña primeira obra publicada é tamén a miña primeira novela escrita. Nunca antes me aproximara como autora á literatura. A idea dunha relación entre Circe e Penélope levaba anos dando voltas na miña cabeza, pero máis como desexo lector que como intención autoral. Comecei a escribila como un reto persoal. Quería comprobar se era capaz de escribir unha historia propia cunha certa calidade estética (tras vinte anos de xornalismo radiofónico e concisas crónicas «contrarreloxo» dubidaba da miña capacidade para unha narración de alento máis longo e sostido) e un mínimo de interese literario. A súa posterior publicación debeuse fundamentalmente ao entusiasmo e insistencia das amizades que leron o borrador e á xenerosidade da Editorial Galaxia que se atreveu a publicar un texto dunha autora descoñecida. (…)”.

Ramón Nicolás: Libros que meten medo, en Biblos nº 56

Anotación de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“No último número de Biblos publico un artigo, de carácter divulgativo e xeneralista, arredor da produción literaria galega de medo ou terror. Déixoo aquí, cunhas mínimas modificacións, para quen que lle resulte de interese. Solicítanme os amigos e responsables de Biblos algunhas reflexións arredor do que se pode chamar literatura de terror e medo en lingua galega. Respondín, en primeira instancia, afirmativamente pois non me cabía dúbida de que este é un xénero que, de promocionalo ben e nun tempo coma o presente onde o espírito evasivo das propostas literarias que sexan, sen que isto teña que estar rifado coa calidade literaria minimamente esixible, pode contribuír a ensanchar a base lectora da literatura escrita en lingua galega.
Ao fío deste xénero resúltame inevitable, asemade, pensar na literatura de corte policial, detectivesca ou negra en lingua galega, onde, co paso do tempo, foi constituíndose devagar un grupo solvente de autores, cadaquén dono dos seus trazos peculiares e que están na mente de todos, que foron conseguindo individualmente interesar ao público lector e mesmo chegar a crear interesantes expectativas diante da publicación inminente dalgunha nova proposta narrativa, aínda máis cando esta presenta a estrutura de saga como recurso para fidelizar lectores. (…)”

Ramón Nicolás: “Malia as dificultades, o talento creativo non está, en absoluto, en recesión”

Entrevista a Ramón Nicolás en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Leva anos tirándolle radiografías á literatura galega como cre que anda de saúde nestes momentos?
– Ramón Nicolás (RN): Espléndida, sen dubidalo. Sempre fun optimista neste sentido e sono aínda máis agora. Cómpre pensar que a república das letras galegas nace nun ámbito resistente, sempre se desenvolveu en contextos nada favorables para a súa proxección e, por moitas razóns, tampouco os ventos tampouco son favorables agora, pero aí está, segue enraizando. Malia as dificultades da recesión actual ese capital que é o talento creativo dos escritores e escritoras de noso non está, en absoluto, en recesión. (…)
– LeO: Agora que acabamos de celebrar o Día das Letras que se debería facer para desestacionalizar a visibilidade da nosa literatura e lograr que teña máis presenza pública ao longo de todo o ano?
– RN: O Día das Letras non pode, nin debe, rematar o 17 de maio. A súa proxección debe ir máis alá e ocupar a totalidade do ano…, un camiño é estender as actividades do xeito que o ano pasado se realizou por mor do centenario de Cunqueiro ou, agora mesmo, coa figura de Celso Emilio Ferreiro. Nese último caso, do que son máis coñecedor, harmonízanse actividades de carácter institucional e editorial con outras numerosas posibilidades de actuación máis de base en centros de ensino, asociacións veciñais e culturais, recitais poéticos, presenza na rede, no ámbito audiovisual…, e coido que o resultado é moi positivo.
– LeO: Hai anos dicíase que internet ía ser un gran aliado para poñer en valor as culturas minorizadas. Mais hai voces que afirman a nosa literatura ten incluso menos proxección social que nos anos 90?
– RN: Internet é unha ferramenta, máis nada, e cómpre saber utilizala, algo que non sei se se fixo ou se fai ben, sobre todo para non perder ese barco que é o da presenza nela da lingua galega. Hai que promocionala sobre todo nas persoas que empregan a rede como algo normal no día a día e aí é onde tamén a literatura estará presente, como debe estar a gastronomía, o deporte ou a música. Outra cousa é a comercialización de produtos literarios na rede onde se cadra haxa que dar aínda máis pasos, e con máis apoios. (…)”

Muxía: presentación de A narrativa mariña de Gonzalo López Abente

O sábado 26 de maio, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal de Muxía, preséntase o libro A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, publicado en Xerais con edición de Xesús Sambade. No acto participan, xunto ao editor, Félix Porto, Manuel Bragado e Ramón Nicolás.

Celanova: encontro Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): ética e poética, entre o 16 e o 18 de xullo

Entre o 16 e o 18 de xullo, no Mosteiro de Celanova, celébrase o Encontro Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): ética e poética, organizado pola UIMP, baixo a dirección de José María Paz Gago e Antonio Piñeiro Feijoo. O importe da matrícula é de 129 euros, cunha redución do 50% para os alumnos das universidades da Coruña, Santiago ou Vigo (a data límite para a solicitude da beca é a do 16 de xuño), tendo recoñecido un valor académico de 20 horas en créditos de libre elección. O programa é o seguinte:

Luns 16 de xullo:
11:00 horas. Inauguración. Con José María Paz Gago, Antonio Piñeiro Feijoo e Xosé Luís Barreiro Rivas.
11:30 horas. Conferencia inaugural a cargo de Xesús Alonso Montero.
13:00 horas. Aspectos biográficos: ética vital. Con Luís Ferreiro Loredo e Ramón Nicolás Rodríguez.
20:00 horas. Recital lírico: Onde o mundo se chama Celanova, dirixido por Antón de Santiago.

Martes 17 de xullo:
10:30 horas. A creación poética: poesía civil e social, con Vicente Araguas, Luis García Jambrina e Basilio Rodríguez Cañada.
12:30 horas. A obra narrativa e ensaística, con Manuel Bragado, Alfredo Conde e Ramón Pernas.

Mércores 18 de xullo:
10:30 horas. Xornalismo e literatura en Celso Emilio Ferreiro, con Carlos G. Reigosa e Xosé Antonio Perozo.
12:30 horas. Presentación de publicacións sobre Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro hai 100 anos, con Aser Álvarez.
13:00 horas. Conferencia de clausura, con César Antonio Molina.
14:00 horas. Clausura e entrega de diplomas.

Pedro Feijoo, cun «Quixote» no peto e Woody Allen na retina, entrevista de Ramón Nicolás

Entrevista de Ramón Nicolás a Pedro Feijoo, no seu blogue Caderno da crítica:
“Feijoo destapouse como un narrador excelente. A súa novela Os fillos do mar, editada en Xerais, converteuse nun dos libros máis destacados da tempada. Pedro Feijoo (Vigo, 1975) posúe unha formación filolóxica, pero exerceu profesionalmente como músico no grupo «Lamatumbá» durante algúns anos. Publicou un ensaio titulado Cousas do <<Galicia>>, por Castelao (1997) e Viva ou Fu Remol! (2005). Na actualidade traballa nun estudio musical e compaxina este labor coa creación literaria. Nesta, que é a súa primeira novela, presenta unha trepidante trama que nos fai viaxar dende os tesouros dos Galeóns de Rande ata a actualidade. (…)”

Xornada Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega

“O Consello da Cultura Galega organiza unha iniciativa para conmemorar o centenario do poeta de Celanova. Trátase dunha xornada arredor da emigración galega e a figura de Celso Emilio quen pasou sete anos da súa vida en Caracas e experimentou vivencias que foron relevantes tanto na súa vida como na súa obra. A xornada celebrarase o vindeiro 24 de maio en Compostela baixo a coordinación do profesor  Xosé Manuel Núñez Seixas. Premendo nesta ligazón accédese á información sobre a xornada e participantes.” Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.

V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Tiven, outra vez máis, a fortuna de participar no xurado Premio Literario Escolar Novacaixagalicia que se fallou o 10 de maio e que deliberou arredor de case catrocentas propostas literarias provenientes dos últimos anos da primaria, ESO e Bacharelato. Como todos os anos resulta para min unha ocasión magnífica que constata, por unha banda, que hai moita mocidade que escribe e que o fai moi ben e, pola outra banda, testemuña a existencia de novas xeracións que han vir, en ben pouco tempo, a sumarse con eficiencia e talento ao noso sistema literario. Oxalá sexa así. Galardóns coma este, ao meu ver, son moi necesarios e sería doloroso que desaparecesen. Deixo aquí a información oficial sobre a convocatoria e premiados: parabéns a todos eles!
O xurado do V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia reuniuse esta mañá en Vigo para acordar os nomes das alumnas e alumnos gañadores deste galardón. Finalmente, a lista de premiados foi a seguinte: na modalidade de bacharelato, o premio recaeu en Alfonso Francisco Traficante Fernández, do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela (profesor: Manuel Maseda Deán); na de segundo ciclo de ESO, a premiada foi Leticia Álvarez Teruelo, do CPI Tomás Terrón Mendaña de Carballeda de Valdeorras (profesora: María Blanco Crespo); na de primeiro ciclo de ESO, o galardón foi para Daniel Alonso Lorenzo do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (profesora: Marina Iglesias Iglesias); e na de terceiro ciclo de primaria, a gañadora foi Silvia Dorila de Diego Millarengo, do CEIP de Maciñeira en Neda (profesora: M.ª Rosa Piñeiro Grandal). O xurado estivo composto polo escritor Francisco Castro, que actuou de presidente; pola escritora Beatriz Fraga; a poeta Dores Tembrás; o crítico literario Ramón Nicolás; e o escritor Álvaro Otero. O prazo de presentación dos traballos para o Premio Literario Escolar Novacaixagalicia, no que podían participar todos os alumnos e alumnas de Galicia que estivesen cursando terceiro ciclo de primaria, eso ou bacharelato, estivo vixente desde o mes de febreiro ata o día 13 de abril. Nestes dous meses e medio en que se abriu a recepción de escritos inéditos e orixinais, chegaron ás oficinas de Novacaixagalicia 371 obras, o cal constata o éxito de participación deste premio literario.”