Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos:
“Prezad@s amig@s:
Este ano cúmprese o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. Dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única. Logo de que a Real Academia Galega se puxese en contacto coa Asociación de Gaiteiros Galegos para a organización dunha destas actividades, a AGG decidiu unirse a estas entidades para promover a Alborada para Rosalía, un acto no que se homenaxeará a Rosalía de Castro, unha das meirandes escritoras en lingua galega.
Na vindeira mañá do domingo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, animamos a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos…, para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto, que explica o motivo e razón da iniciativa.
Para poder amosar a todos os grupos participantes, e ver así o que ocorre nos distintos lugares de Galicia, os grupos e/ou persoas que participen gravarán a interpretación dunha peza (a elexir por cada grupo) e subirán o video a unha canle de Youtube na mesma mañá do domingo (A gravación podería ser co teléfono, ou con cámara de video, ou incluso se non se pode facer gravación se poderían enviar fotografías – as instrucións para subir o video poderanse consultar na web da Fundación Rosalía de Castro).
A partir deste material, iriamos dando conta do recibido, de xeito que dende o mesmo día poidamos ver o que ocorreu en todo o pais. Animámosvos a participar e a difundir esta actividade para conseguir que non quede ningún recuncho de terra sen o son das nosas gaitas en honor á Rosalía. Agradecemos a tod@s os participantes que nos indiquedes a través do correo secretaria@gaiteirosgalegos.com ou dos tlfs. 982229966 / 986847074 o lugar e a hora na que ides a interpretar a peza.
Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta…“
Arquivos da etiqueta: Real Academia Galega
Fina Casalderrey reflexiona sobre a literatura infantil e xuvenil e o seu futuro na Real Academia Galega
Entrevista no Eirado a Fina Casalderrey, novo membro da Real Academia Galega
A Coruña: doazón de Natalia Gómez González á Real Academia Galega
O
venres 25 de xaneiro, ás 12:30 horas, no salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, o acto de doazón por parte de Dona Natalia Gómez González, viúva de Xosé Antón Arjona Santiago, da súa biblioteca, de diversa documentación e doutros bens da súa propiedade. Estarán presentes Natalia Gómez González e Xosé Luís Méndez Ferrín.
Dolores Vilavedra sobre Vidal Bolaño
Desde
a Real Academia Galega, entrevista a Dolores Vilavedra:
“- Real Academia Galega (RAG): Que características definen a obra de Vidal Bolaño?
– Dolores Vilavedra (DV): Non estatismo, dinamismo e coherencia. Capacidade de dialogar tanto coa tradición coma coa actualidade. Comprensión da obra dramática como unha totalidade na que a vontade literaria e a funcionalidade escénica resultan planos complementarios que se potencian mutuamente. Vontade de empregar o teatro como ferramente axeitada para activar nos espectadores a autoconciencia reflexiva e crítica das posibilidades e límites do ser humano.
– RAG: Que importancia tivo a súa figura -como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
– DV: Vidal Bolaño xogou un papel clave na fundacional Xeración Abrente sen a cal, simplemente, hoxe non existiría o teatro galego. Xa dende unha perspectiva máis individual, cómpre salientar que, ademais da afouteza amosada ao dar o salto á profesionalización nos albores da década dos 80, foi quen de propor xa nos 70 unha alternativa estética orixinal e autóctona a unha dramaturxia nacente que procuraba desesperadamente un camiño singular. E logo soubo coma ninguén aggiornarse, evoluír e madurar profesional e artisticamente.
– RAG: Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
– DV: Toda. Non abondan corpus dramáticos tan amplos, diversos e valiosos. Vidal Bolaño deixounos obras inspiradoras para todas as situacións históricas, todos os públicos e todas as necesidades profesionais. Cando dispoñamos da súa obra completa ben editada e a disposición de todo o público iremos vendo como a sociedade galega descubre e fai seu ese extraordinario patrimonio teatral, aínda pouco coñecido.”
Fina Casalderrey, nova académica electa
Fina Casalderrey foi
nomeada membro de número da Real Academia Galega o venres 19 de xaneiro. Segundo informa a Real Academia, a súa incorporación supón, asemade, un recoñecemento da importancia da produción destinada aos máis novos no desenvolvemento e normalización da nosa literatura.
Na mesma sesión do plenario, acordouse nomear académico correspondente ao historiador da ciencia, Xosé Antón Fraga Vázquez.
A Real Academia Galega recibe a doazón do manuscrito de Ramón Cabanillas A rosa de cen follas
“Un
verso de Rosalía dá título á obra mais íntima, depurada e delicada de Ramón Cabanilas, A rosa de cen follas. Un poemario con composicións de amor que evidenciaron no seu momento (1927) a un escritor preocupado pola sinxeleza formal. O mecanoscrito orixinal deste texto, cunha dedicatoria do autor a Enrique Peinador Lines, repousará desde o xoves 10 de xaneiro nos fondos da Real Academia Galega. Isto é posible grazas á doazón que lle fará á institución Jorge Parga Peinador, fillo de Parga Pondal, e neto de Enrique Peinador. O acto de entrega, que terá lugar na sede da institución o xoves 10, inclúe tamén poemas orixinais e fotografías do poeta coa súa familia.” Desde Cultura Galega.
Xosé Luís Méndez Ferrín: “Cos orzamentos actuais a Real Academia quedará estrangulada”
Entrevista
de Camilo Franco a Xosé Luís Méndez Ferrín en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Cal é a situación da Real Academia Galega?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): A Real Academia está estrangulada. Coas cifras que se ofrecen nos orzamentos da Xunta non podemos manter os seminarios, nin a comisión de toponimia, nin poderemos seguir actualizando o dicionario en web, nin asumir a edición en papel. Coas orzamentos actuais a Academia quedará estrangulada e non poderá asumir os cometidos que ten asignados por lei. (…)
– LVG: ¿A RAG é a academia co orzamento máis humilde das peninsulares?
– XLMF: Igual o problema é ese. Que pensan que o galego é un idioma humilde que non precisa máis e que non merece máis. Que os galegos non merecemos outra cousa. Efectivamente, a RAG é academia co menor presuposto de todas a que hai na Península e isto xa di moito da situación na que estamos. Creo que temos que entender que Galicia non é Murcia.”
O Congreso da Real Academia Galega repasou todas as facetas de Valentín Paz Andrade
“O
traballo como empresario, a visión sobre a lingua, ou o interese pola proxección exterior foron algúns dos múltiplos aspectos que se trataron no Congreso sobre Valentín Paz Andrade que organizou a Real Academia Galega os pasados xoves e venres. A institución publica agora no seu web un resumo das intervencións deste evento, no que destacados investigadores abordaron as múltiplas facetas deste empresario e pensador, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2012. Deste xeito, por exemplo, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, destacou na conferencia inaugural do encontro como eixes fundamentais de Paz Andrade a súa aportación á política galeguista, a súa condición de intérprete de Galicia e a súa intención de proxectar a Galicia no mundo. Entre as novidades que deixou o encontro está o anuncio da publicación en 2013 dos Diarios de viaxe do galeguista. A editorial Alvarellos será a encargada de dar ao prelo estes 30 textos inéditos, escritos entre 1954 e 1955 durante os percursos por América de Paz Andrade como técnico da FAO. O material foi descuberto por Emilia García, historiadora encargada da dixitalización dos fondos do autor no Consello da Cultura.” Desde Cultura Galega.
Pontevedra: Congreso Valentín Paz Andrade
Do 13 ao 15 de decembro, no Pazo de Congresos de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.), terá lugar o Congreso Valentín Paz Andrade, organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
O comité organizador está formado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Manuel González González, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei.
A inscrición é gratuíta. Para formalizala cómpre enviar un correo electrónico a secretaria@realacademiagalega.org en que figuren os seguintes datos: nome, apelidos, DNI, enderezo postal completo, correo electrónico e teléfono. Admitirase un número máximo de 100 solicitudes por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase un diploma de asistencia aos inscritos que acrediten ter participado en todas as sesións (15 horas computables por créditos ECTS pola Universidade de Vigo).
O programa é o seguinte:
Xoves 13 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Inauguración.
10:30 h. – 11:15 h. Conferencia inaugural. Ramón Villares: Paz Andrade na luz e na sombra
11:45 h. – 12:15 h. Tucho Calvo: Unha mirada de futuro no século XX.
12:15 h. – 12:45 h. Luís Cochón: Valentín, sempre ao seu aire.
12:45 h. – 13:15 h. Emilia García López: Aparición dun inédito: Diarios de viaje.
13:15 h. – 13:45 h. Coloquio.
16:30 h. – 17:00 h. Charo Portela: Valentín Paz Andrade, con Pontevedra ao fondo.
17:00 h. – 17:30 h. Xan Carballa: Os vellos galeguistas nunca morren.
18:00 h. – 18:30 h. Miguel Anxo Seixas: Castelao á luz de Paz Andrade.
18:30 h. – 19:00 h. Manuel Rivas: Paz Andrade: contra o cinismo.
19:00 h. – 19:30 h. Luís Bará: Historia de dúas cidades: Valentín Paz Andrade e o xornalismo pontevedrés e vigués de preguerra.
19:30 h. – 20:00 h. Coloquio.
Venres 14 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Gregorio Ferreiro Fente: A oración da montaña: Valentín Paz Andrade, poeta na Guerra Civil.
10:30 h. – 11:00 h. Ana Acuña: Valentín Paz Andrade e a escola lírica pontevedresa.
11:00 h. – 11:30 h. Xesús Alonso Montero: O poema «Na onde até Rianxo…»: dous antecedentes e uns escolios quizais pertinentes.
11:30 h. – 12:00 h. Luís González Tosar: América, estrela virxe. Achega á presenza de autores iberoamericanos na poesía de V. P. A.
12:30 h. – 13:00 h. Xosé Henrique Monteagudo Romero: A lingua e as ideas lingüísticas de Valentín Paz Andrade.
13:00 h. – 13:30 h. Coloquio.
16:30 h. – 17:00 h. Camilo Nogueira Román: …os anceios mariñeiros de Galiza.
17:00 h. – 17:30 h. Xavier Vence: A persistente marxinación de Galiza e a tarefa económica de Valentín Paz Andrade.
17:30 h. – 18:00 h. Xosé Manuel Beiras Torrado: A Galicia como tarefa en Valentín Paz Andrade.
18:15 h. – 18:45 h. Carlos Ramos Aguirre: Paz Andrade ou a racionalidade disidente: por unha idea activa de Galicia.
18:45 h. – 19:15 h. Xusto Beramendi: Paz Andrade no nacionalismo galego de entreguerras.
19:15 h. – 19:30 h. Coloquio.
Sábado 15 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Xosé Luís Axeitos: A Galicia do Galicia.
10:30 h. – 11:00 h. Carlos Paulo Martínez Pereiro: Valentín Paz Andrade, Guimarães Rosa e o achamento de certo Brasil.
11:00 h. – 11:30 h. Alfonso Álvarez Gándara: O noso Valentín.
11:30 h. – 12:00 h. Coloquio.
12:30 h. – 13:15 h. Conferencia de clausura. Darío Villanueva: O Valle-Inclán de Valentín Paz Andrade.
13:30 h. Clausura. Participación do Coro Tradicional Cantares do Brión (Vincios, Gondomar) que interpretará, entre outras pezas, Tríadas do vento no mar, de Valentín Paz Andrade.

