Arquivos da etiqueta: Redes Escarlata
Santiago: Homenaxe a Roberto Vidal Bolaño. Un home do aquí, o 27 de outubro
Crónica posterior en Sermos Galiza.
As Redes Escarlata premian a Agustín Fernández Paz e a Coordinadora de Equipos de Normalización pola súa actitude fronte ao Decreto do plurilingüismo
Baldomero Iglesias, Mero: “Sobre a lingua”
Artigo de Baldomero Iglesias, Mero, nas Redes Escarlata e Galicia Hoxe:
“(…) Por certo esa outra lingua, mirade ben, …esa si que ten algo –moito- xa de imposta e non me remito á miña opinión ou memoria, na que habitan moreas de prexuízos e datos opresivos ao longo da miña vida e da dos meus, senón que así o di a mesma Constitución aínda hoxe. Lean senón, busquen datos. É lingua de obrigado coñecemento e hai o deber de coñecela, … non quede dúbida algunha (art. 3.1). Aínda que non é a nosa lingua propia, coidado, non nola vaian meter dobrada como pretenden “aparvados que nos queren facer parvos” ou políticos de turno. De Galicia deriva o galego como consecuencia lóxica, e non o castelán, …que eses son outros lópeces, ou non? E xa ven que aquela obriga igualitaria, coa que se lles enchen sempre a boca, non é medianamente xusta –de novo queren trocar ouro por lilailas e “baratijas”, …como se mpre fixeron- e non fan o mesmo raseiro, obrigando e recorrendo ao deber de coñecer a Nosa Lingua, a propia, e poñela no seu sitio con honra e xenerosa consideración, como sería o propio dun estado digno, responsable e considerado, sequera nos seus dominios lingüísticos, …e despois de tanto tempo de miserias e esquecementos, de débedas e de non saber estar onde lle corresponde, nese lugar onde non existan subordinacións xurídicas para as interpretacións reaccionarias, ese lugar que garantira os deberes análogos ao castelán. Que me permita acceder a min, galego, ao coñecemento do catalán, do éuscaro, do portugués. iso non pasa, aínda hoxe, coa esta lingua na que escribo e coa Carta Magna da que presumen moitos. Igualdade, …quen te vira!”
Celanova: actos de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
O domingo 29 de agosto varios poetas das Redes Escarlata, entre os que figuran Claudio Pato, Alberto Lema e Elvira Riveiro, Rafa Balado, Xabier Xil Xardón, Brais González, Aitor Rivas, Xosé Antón Laxe Martiñán, Oriana Méndez e Silvia Penas, desenvolverán a súa Acción de ferreiro, acto que coincide coas celebracións de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que cada ano teñen lugar en Celanova, a súa vila natal. Con esta acción pretenden manifestar as posibilidades dos individuos como unidades dun proxecto común. Durante o percorrido dos membros da asociación pola vila, que manteñen en segredo para manter o efecto sorpresa, recitarán textos de Celso Emilio ou doutros poetas que os participantes seleccionen. Todos eles confluirán nun punto predeterminado no que recitarán, “en efusión polifónica”, o poema do poeta celenovés Lingua proletaria.
Ese mesmo domingo 29, a partir das 11:00 h., no cemiterio de San Breixo de Celanova, onde está enterrado o autor de Longa noite de pedra, organizouse unha homenaxe colectiva ao poeta, impulsada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, o Colectivo Arraianos e as propias Redes Escarlata. No transcurso do acto, presentarase a nova entrega da revista Arraianos, un número especial titulado Vivir na raia, co que a publicación, segundo os seus impulsores, pecha un ciclo comezado hai seis anos nese mesmo espazo e como homenaxe tamén ao poeta. A continuación haberá un recital poético e musical onde intervirán Anxo Angueira ou Xosé Luís Méndez Ferrín, e músicos como MC García -da formación Dios Ke Te Crew-, Leo e Arremecághona ou os Labregos no tempo dos Sputniks, que interpretarán cancións con letras de Celso Emilio en clave contemporánea. O acto pecharase co gaiteiro de Lobeira, Daniel Romero.