Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Convocado pola Concellaría de Capital Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863, xestionada pola escritora Yolanda Castaño, o Premio Exeria a proxectos de creación literaria escolleu a proposta do compostelán Xosé Carlos Carracedo Porto como a gañadora da súa terceira edición.
A decisión foi tomada por un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro, como son a escritora Rosa Aneiros, a editora e xestora cultural Eva Mejuto e a editora Andrea María Jamardo, que escolleron o proxecto gañador entre as sete propostas presentadas a concurso.
O xurado acordou por unanimidade conceder o premio a Xosé Carlos Carracedo Porto pola súa proposta dunha “novela arredor da infancia, a memoria e a identidade” que cualificaron como “un proxecto sólido, con grande ambición literaria e cun plan de traballo ben definido e artellado e viable no tempo”. O fallo tamén destacou “a definición dos espazos, estrutura e personaxes avalan o compromiso e a responsabilidade creativa do proxecto, ademais da vinculación expresa do proxecto coa cidade de Santiago e pon en valor a súa “calidade literaria”.
O escritor aloxarase na residencia Residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi, no sur da Toscana, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou. (…)”