Quiosco: Revista Galega de Teatro, 71

“No marco da programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentouse o número 71 da Revista Galega de Teatro. Esta publicacion editada pola asociación cultural Entre Bambalinas mantense fiel ás súas seccións habituais. Así, no último volume, Inma López Silva entrevista a Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego, para falar do teatro institucional; inclúese o texto O principio de Arquímedes, de Josep Maria Miró Coromina (Premi Born del Cercle Artístic de Menorca) na sección para difundir a dramaturxia en galego; así como críticas dos espectáculos Kamouraska, de Inversa Teatro e Malena llena eres de gracia, de Compañía das Marías, xunto coas crónicas das Mostras de Teatro Universitario de Vigo e Ourense, o ALT 2012 e a Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas de Xixón.” Vía Cultura Galega.

Santiago: presentación do número 70 da Revista Galega de Teatro

O martes 27 de marzo, ás 10:30 horas, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, terá lugar a presentación do número 70 da Revista Galega de Teatro, con traballos de Joan Giralt, Roberto Pascual, Manuel Lourenzo, Pedro Pablo Riobó, Afonso Becerra e Abel González Melo.

Publicado o número 69 da Revista Galega de Teatro

“A Revista Galega de Teatro saca á rúa o seu número 69, correspondente ao inverno 2011-2012 e faino mantendo as súas seccións habituais e achegándose á dramaturxia portuguesa coa edición do texto Padam Padam, de Jose Maria Vieira Mendes (Lisboa, 1976). Deste xeito, a publicación consolida a súa aposta por tender pontes de intercambio co mundo da lusofonía despois de editar hai un ano Nunca estive em Bagdad, de Abel Neves. Dentro das diferentes seccións deste número 69 da RGT, destaca o traballo Sexo e Teatro asinado por Afonso Becerra de Becerreá incluído no apartado ESPAZOS. O propio Becerra é tamén autor do artigo Escenarios do corpo que xunto coa experiencia de Metátese e Alentía Teatro en Guatemala pechan esta sección.
O apartado TEMAS está reservado ás protestas que o sector das artes escénicas levou a cabo durante o outono en Crónica dunha rebelión que asina Xosé Manuel Pazos, a desaparición da Feira Galega das Artes Escénicas que realiza Zé Paredes con Non houbo Feira, e a conversa con diferentes axentes de distribución de artes escénicas en Galicia. Por outra banda, a sección ENTREVISTAS está adicada as compañías Lagarta Lagarta e Teatro de Ningures, que vén de cumplir 25 anos de traxectoria. Por último, xunto coas seccións habituais de FESTIVAIS, LIBROS, AXENDA e FICHEIROS, destaca o apartado ESPECTÁCULOS coas críticas das montaxes Oeste solitario, de Producións Teatrais Excéntricas, O florido pénsil, de eme2 producións e Uno de Nabeirarrúa Danza.”

Quiosco, Revista Galega de Teatro, 67

“A tradución ao galego da obra gañadora do Premi Born 2010: O tempo, de Lluïsa Cunillé protagoniza o último número da Revista Galega de Teatro. Un número no que conversaron con Thomas Leabhart e o dramaturgo Raúl Dans. Ademais, publícanse tamén as críticas de A ópera dos tres reás, Ai, Carmela, A nona e Un cranio furado, entre outros apartados. É o numero 67 desta publicación correspondente ao verán 2011 e que cumpre o seu quinto número sen apoio institucional desde a retirada da axuda económica que achegaba a Xunta.” Vía Cultura Galega.

Convocado o III Certame Galego de Banda Deseñada sobre Teatro

BASES

1) A Asociación Cultural Entre Bambalinas, editora da Revista Galega de Teatro (RGT), convoca este certame co obxectivo de contribuír, por medio da banda deseñada, á divulgación do teatro galego.
2) Neste certame poderán participar todas as persoas físicas ou xurídicas, e poderán presentar,cada unha delas, cantas obras desexen.
3) O traballo consistirá en adaptar para banda deseñada a peza Belicosario de Manuel Lourenzo. Belicosario foi editado pola Revista Galega de Teatro no seu número 51 e pode atoparse nas bibliotecas, solicitarse nas librarías, na Editorial Galaxia ou no blog da Revista.http://revistagalegadeteatro.blogspot.com/.
4) O texto do traballo será en lingua galega.
5) A extensión será como mínimo de 12 páxinas (cor ou branco e negro) máis portada en cor. O formato será DIN A-4 (210 mm x 297 mm).
6) Os traballos non poderán levar o nome da autora ou autor de xeito visible. Presentaranse en sobre, sen sinatura nin nome, baixo un título ou lema. No seu interior incluirase outro sobre co mesmo título ou lema, e os datos persoais: nome e apelidos, fotocopia do DNI, enderezo postal, teléfono de contacto e enderezo de correo electrónico.
7) A recepción de traballos rematará o día 17 de xuño de 2011, este incluído. Deberán remitirse por correo postal a: Revista Galega de Teatro. Apartado de Correos nº 210. 36940 Cangas do Morrazo (Pontevedra).
8) A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras.
9) O fallo inapelable do xurado será o día 9 de xullo de 2010 a través da web ou no blog da Revista Galega de Teatro.
10) A organización resérvase o dereito de realizar exposicións públicas con todos os orixinais presentados.
11) Os exemplares non premiados poderán ser reclamados a partir do 1 de setembro até o 1 de outubro de 2011. Os gastos de devolución correrán por conta dos concursantes. O orixinal premiado e os orixinais non solicitados, pasarán a formar parte do Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas.
12) Establécese un único premio de 1.000 euros e a publicación da obra gañadora.
13) Un xurado cualificado determinará a mellor obra. O premio poderá ser declarado deserto.
15) [sic] A participación neste concurso implica a aceptación de todas as súas bases. A organización poderá introducir, se o cre preciso, as modificacións que estime pertinentes para o bo funcionamento do certame. De igual xeito, coidará das obras presentadas pero non se fai responsable da súa integridade.

Para calquera información sobre o concurso, as persoas interesadas poderán dirixirse ao enderezo:
revistagalegateatro@hotmail.com.

Revista Galega de Teatro, presentación do novo número

A Revista Galega de Teatro convídaos á presentación do nº 62 da RGT e do texto teatral: “Colgados” de Gustavo Pernas, o vindeiro venres 28 de maio de 2010,ás 18:30h. no Forum Metropolitano (R/Río Monelos,1. A Coruña) na Sala Fernando Rey. No acto interevirán Antón Lamapereira, director da RGT e Gustavo Pernas, dramaturgo, director e actor.