Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 80

DesdeRGT 80 Cultura Galega:
Os “Amores prohibidos 2.0”. Unha obra de teatro creada especificamente para Internet, de Xesús Ron, ou Teatro e Adolescencia no LXVIII Festival d’Avignon, de Afonso Becerra de Becerreá son algúns dos contidos do número 80, correspondente ao outono, da Revista Galega de Teatro.”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 79

DesdeRevista Galega de Teatro 79 Cultura Galega:
“Un monográfico sobre Teatro e lingua, con traballos de María Xosé Queizán, Joan Giralt i Bailach e Afonso Becerra centra o número 79 da Revista Galega de Teatro que está xa á venda. Canda aisto, a entrega inclúe unha entrevista a Xosé Manuel Carballo Ferreiro da man de Antón Lamapereira, a tradución ao galego da peza Mata o teu alumno, de Carles Mallol ou un artigo sobre as tendencias na escenografía do teatro europeo. Ademais, na habitual sección de crítica repásanse as obras Que volvan as flores, Da Vinci tiña razón! e Symón Pédicrí. Ademais, tamén se repasan as últimas edicións de eventos como o Festival de Ribadavia, o Corpo(a)terra ou a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, entre outros.”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 78

Desde Cultura Galega:
“A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo serviu o pasado venres 4 de xullo para presentar o número 78 da Revista Galega de Teatro. A publicación lanza a súa primeira entrega de 2014 a atender de xeito especial a escenografía, un ámbito no que conta con textos de Marta Pazos, Baltasar Patiño, Rodrigo Roel, Diego Valeiras e Tito Asorey, xunto a textos de Afonso Becerra e Camilo Franco. Críticas de producións recentes como As do peixe, Bye bye honey e Longa viaxe cara a noite complétanse cunha entrevista a Raquel Hernández e Pedro Fresneda con motivo do décimo aniversario do Teatro Ensalle. O volume está á venda por seis euros.”

Quiosco: Revista galega de teatro 77

Desde Revista Galega de Teatro:
“Sumario:
– Editorial.
– Banda deseñada. Primeira páxina da banda deseñada 2132, ilustrada por Diego Blanco a partir da obra homónima de Roberto Vidal Bolaño.
– Temas. Coordenadas da poética histórica bolañesa/Xosé Manuel Fernández Castro; Historias de ausencias e doenzas: Guerra Civil e ditadura no teatro de Roberto Vidal Bolaño/ Iolanda Ogando; Urbano R. Moledo: un dramaturgo de trincheira/ Rexina R. Vega.
– Festivais: XXIX Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia/Manuel Xestoso; LXVII Festival de d`Avignon/Afonso Becerra de Becerreá; Galicia Escena Pro/Camilo Franco; XXVIII Festival Iberoamericano de Teatro de Cádiz/ José Henríquez; XVII Encuentro de Mujeres de Iberoamérica en las Artes Escénicas/Vanesa Sotelo; Mexe: II Encontro de Arte e Comunidade/Xoán C. Riobó e Antón Lamapereira.
– Espectáculos: Curriculum vitae, de Redrum Teatro/Manuel Xestoso; Románticos, de P. T. Excéntricas/ Manuel Xestoso; Sigue buscando, de Funboa Escénica/Afonso Becerra de Becerreá.
– Espazos: Un tranvía chamado desexo: do escenario á pantalla/ Alba Ermida; Xornadas Abrente/Redacción.
– Libros: José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde, de Xaime Iglesias González/Xoán C. Riobó; Fondo Teatral María Casares.
– Entrevistas: Marcos Abalde/Vanesa Sotelo.”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 75

Desde Cultura Galega:
“A Revista Galega de Teatro ten xa na rúa o número 75, o de verán, que este ano inclúe o texto Unha corrente salvaxe. Trátase da peza coa que Raúl Dans (A Coruña, 1964) gañou o do XXXVII Premi Born de Teatre (que convoca e resolve o Cercle Artistic de Citadella de Menorca). Neste número, a directora e dramaturga María Armesto e a titiriteira Amparo Ibarra reflexionan sobre a situación das mulleres nas artes escénicas e o teatro como unha ferramenta para a igualdade. Ademais, na sección RVB: Furia e razón, creada co galo do Ano Roberto Vidal Bolaño, este número inclúe un traballo do escenógrafo Eufrasio Lucena sobre a montaxe de Días sen gloria na República Checa. Críticas, análises e entrevistas completan o último número dunha publicación que edita a Asociación Cultural EntreBambalinas.” Máis información aquí.

Quiosco: Revista Galega de Teatro, nº 73

Desde Cultura Galega:
“Fai o número 73 da Revista Galega de Teatro, o relativo ao inverno de 2012-2013 e xa se pode atopar nas librarías. Nesta ocasión a proposta segue fiel ás súas liñas de traballo habituais con crítica, análise e divulgación das artes escénicas. Nesta ocasión Marta Pérez e Vanesa Sotelo falan de Tomar as rendas e crear á inversa: Unha perspectiva feminista da creación escénica en Galicia. Ademais informa de actividades e festivais desenvolvidas no fin do ano 2012, como as III xornadas de Escena Galega ou do LXVI Festival de Avignon e do XXVII Festival Iberoamericano de Cádiz. Recomendacións editoriais e producións destacadas (Pegadas de Teatro de Ningures e Viaxe a ningunha parte de Sarabela Teatro) completan este número.”

Presentación do número 72 da Revista Galega de Teatro en Vigo, e de Casa O’Rei, de Santiago Cortegoso, en Moaña

O venres 14 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa, 2), preséntase o número 72 da Revista Galega de Teatro, correspondente ao número de outono. O acto contará coa lectura dramatizada da obra Ritos de sangue, de María Xosé Queizán e coa presenza da propia autora. A Revista Galega de Teatro é unha publicación editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, de carácter trimestral e adicada á difusión das artes escénicas. Xunto coas seccións habituais da revista que van desde a crítica teatral, á crónica de festivais, pasando por entrevistas de actualidade e artigos en profundidade sobre problemáticas do ámbito escénico, a RGT inclúe en cada un dos seus números unha peza teatral. Nesta ocasión, a peza escollida foi Ritos de sangue que será presentada da man da súa propia autora, acompañada na lectura por Afonso Becerra, Mónica Bar e Ledicia Costas.
O mesmo día, ás 21:00 horas, na Biblioteca de Quintela de Moaña, a RGT organiza en colaboración coa Lonxa Literaria de Moaña unha tertulia co dramaturgo Santiago Cortegoso arredor da súa obra Casa O’Rei, publicada por Morgante, da que tamén se realizará unha lectura dramatizada de varias escenas.

Raúl Dans gaña o XXXVII Premi Born de Teatre de Menorca

O dramaturgo Raúl Dans foi galardoado co XXXVII Premi Born de Teatre, pola obra titulada Una corriente salvaje. O texto, orixinalmente escrito en galego e traducido ao castelán polo propio autor para presentalo ao devandito concurso, é, en palabras de Dans, “unha historia de amor prohibido e tinxido de dramatismo, que se desvela no ambiente pechado dunha casa de montaña durante unha noite de treboada”.
A peza, como destaca a acta do xurado, formado entre por outros profesionais da escena polo director do Teatre Nacional de Catalunya, Xavier Albertí, “ten misterio e suspense, e garda sorpresas até o mesmo final da obra”. Ademais da dotación económica do premio, a entidade organizadora do concurso, o Cercle Artístic de Menorca, ten previsto publicar a peza nos catro idiomas oficiais: catalán, euskera, castelán e galego. Da publicación en galego ocuparase a Revista Galega de Teatro.
Raúl Dans xa gañou este mesmo premio, un dos máis importantes e prestixiosos dos que se convocan en España, no 1997, coa súa obra Derrota.

Quiosco: Revista Galega de Teatro, 72

“A Asociación Cultural Entre Bambalinas presentou o seu último número da Revista Galega de Teatro. Nesta ocasión acaparado por outras citas escénicas como o Festival de Avignon, o de Almada, o FITEI de Porto ou o Gil Vicente de Guimarães. Canda el, este traballo, que fai o número 72 da súa serie inclue o texto Ritos de sangue, de María Xosé Queizán, no marco do proxecto de difundir a dramaturxia galega. Críticas (Galicia Caníbal, A función do tequila, Paus de cego e A terapia exposta) completan un número que dedica un artigo a Wajdi Mouawad (Líbano, 1968), un dos creadores escénicos máis relevantes do momento.” Desde Cultura Galega.