Carlos Callón: “A emigración galega na Idade Moderna é masiva pola Península e iso fai que sexa moi habitual escoitar galego nas rúas de Valladolid ou Madrid”

Entrevista de Manuela Nores Fresco a Carlos Callón na revista Mazarelos:
“(…) – Mazarelos (M): Como xurdiu a idea de escribir O libro negro da lingua galega?
– Carlos Callón (CC): Ao comezo a miña intención era simplemente compilar nun libro información que estivese espallada en diferentes traballos para termos unha ferramenta semellante ao que xa existía no caso doutras linguas, coma o catalán ou o vasco, desde había tempo. Porén, de súpeto, atopei cousas inesperadas e vin que había unha parte de investigación aínda por desenvolver, polo que comecei a tirar do fío no meu tempo libre sempre que por razóns profesionais e persoais tivese tempo para facelo. Eu pensaba: “se eu, profesor de galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística durante anos non souben isto, é necesario que a sociedade en xeral o coñeza”.
Non obstante, un problema que hai sempre que investigamos é decidir cando lle pomos límites. Este ensaio chegou a ter máis de mil páxinas e tamén entendín que había que ir recortando, póndolle un límite temporal e resumindo o máis posíbel os casos. Ademais, eu tamén comprendín que este traballo, como traballo individual dunha persoa, chegaba até aquí, e as persoas que lean o libro verán que hai moitas páxinas nas que digo “eu imaxino que de consultar este arquivo atopará máis información” ou, por exemplo, no caso das escolas do s. XVIII ou no das multas por falar galego en público durante o franquismo aínda hai moito que investigar. Eu tentei, na medida das miñas posibilidades, que fose unha obra divulgativa, aínda que sempre sen escatimar nin unha soa nota de rodapé para que aparecesen claramente as fontes, porque dalgún xeito é unha obra de investigación mais tamén unha obra de combate.
A respecto da investigación, aínda tratándose dun libro de sinatura individual, poderiamos dicir que é colectiva en moitos aspectos, porque, por unha banda, hai moita información á cal eu non tería chegado se non fose pola axuda de persoas ás que eu lles preguntaba e me daban indicacións dos pasos a seguir ou dos erros a evitar e, pola outra, atopei fontes directas de persoas que sufriron represión ou que foran testemuñas desta que me permitiron exemplificar e narrar os casos máis recentes de discriminación lingüística. Cheguei até alí onde había fontes hemerográficas ou testemuñas persoais que me indicaban o camiño, mais segue sendo necesario un profundo traballo nos arquivos da administración, e para iso é necesario un equipo de investigación que vaia arquivo municipal a arquivo municipal o que implica que institucións con capacidade, como as universidades, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou o Centro Ramón Piñeiro poñan os seus esforzos, porque é sorprendente a cantidade de aspectos que están aínda por investigar.
– M: Que mudanzas hai entre a represión lingüística existente no franquismo e a de séculos anteriores?
– CC: Penso que é moi importante subliñar que o franquismo non inventa unha política de lingüicidio propia. Esta frase tómoa literalmente do catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Manoel Núñez Seixas, mais para min é fundamental lembralo porque moitas veces transmítennos a idea de que o galego só foi perseguido cos Reis Católicos e despois durante o franquismo, e incluso cando se recoñece iso esquécese explicar as dimensións desa persecución coma se fose algo etéreo ou unha persecución só cultural. Se o franquismo non ten que ilegalizar o galego é porque o galego no ano 1936 aínda non era legal a pesar de todo o que se traballou polo Estatuto de autonomía, porque como lembra Castelao, a II República, aínda sendo un gran tempo de esperanza, colocou moitos obstáculos para a súa aprobación. Tamén conta Castelao no Sempre en Galiza como agardaban ter un decreto para que se aceptase o galego nas escolas e Vicente Risco fala de como se prohibía explicar nos congresos a petición de galeguización da escola.
As raíces da represión lingüística son moito máis fondas. De feito, o Libro negro da lingua galega comeza en 1480 coa prohibición de uso do galego aos escribáns, mais lembremos que no ano 1543 aparece xa o primeiro documento conservado que explica como se debe reprimir o galego nas escolas. Un documento valioso non só para explicarmos a nosa propia historia senón tamén para explicarmos a situación xeral das linguas na Península Ibérica, porque non conservamos un documento tan antigo semellante para o catalán ou para o vasco. Isto non quere dicir que os seus foran uns camiños de rosas porque non o foron, mais é curioso como se tende a esquecer a nosa propia represión, unha represión que ademais se basea na deshumanización do pobo, con metáforas animalizadoras como que máis que falar rinchamos ou ladramos… Aí hai tanto unha cuestión nacional como unha cuestión de clase. (…)”

Negreira: Libros, patria, vermú 2023