Desde a Deputación da Coruña:
“O xa coñecido “Cónclave de Mariñán” reuniuse hoxe para elexir as obras gañadoras do Premio Torrente Ballester nas modalidades de lingua galega e lingua castelá. Ambos xurados analizaron as 374 obras presentadas e decidiron conceder o galardón a Sábeme a salamántiga o ceo da boca, de César Cequeliños, na modalidade de lingua galega, e El silencio de las palabras, de Anna M. Blasco Rovira e Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo, de Jesús María Antón Ávila, gañadoras ex aequo na modalidade de lingua castelá.
O xurado da modalidade en lingua galega estivo formado por Anna R. Figueiredo, Diego Ameixeiras, Tamara Montero, Ledicia Costas, e o gañador deste premio na edición 2022, Amador Castro. O da modalidade en lingua castelá formárono Inma López Silva, María Piñeiro, Antonio Sandoval, Cristina Sánchez – Andrade, e Mario Beramendi. Presidido pola deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, actuou como secretaria a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz.
Sábeme a salamántiga o ceo da boca foi a obra gañadora por maioría do Premio Torrente en galego. O xurado salientou que é un texto ben escrito, áxil, divertido e con diálogos inxeniosos. A novela contén un elemento fantástico que está ben encaixado na trama. Debuxa moi ben a burguesía viguesa de comezos do século XX. (…)”