Sábeme a salamántiga o ceo da boca gaña o Premio Torrente Ballester en lingua galega da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O xa coñecido “Cónclave de Mariñán” reuniuse hoxe para elexir as obras gañadoras do Premio Torrente Ballester nas modalidades de lingua galega e lingua castelá. Ambos xurados analizaron as 374 obras presentadas e decidiron conceder o galardón a Sábeme a salamántiga o ceo da boca, de César Cequeliños, na modalidade de lingua galega, e El silencio de las palabras, de Anna M. Blasco Rovira e Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo, de Jesús María Antón Ávila, gañadoras ex aequo na modalidade de lingua castelá.
O xurado da modalidade en lingua galega estivo formado por Anna R. Figueiredo, Diego Ameixeiras, Tamara Montero, Ledicia Costas, e o gañador deste premio na edición 2022, Amador Castro. O da modalidade en lingua castelá formárono Inma López Silva, María Piñeiro, Antonio Sandoval, Cristina Sánchez – Andrade, e Mario Beramendi. Presidido pola deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, actuou como secretaria a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz.
Sábeme a salamántiga o ceo da boca foi a obra gañadora por maioría do Premio Torrente en galego. O xurado salientou que é un texto ben escrito, áxil, divertido e con diálogos inxeniosos. A novela contén un elemento fantástico que está ben encaixado na trama. Debuxa moi ben a burguesía viguesa de comezos do século XX. (…)”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do venres 4

O venres 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Monstros e sombras a debate: a Literatura Infantil e Xuvenil galega, organizado pola revista Criaturas. Participan Antonio Manuel Fraga, Eli Ríos, Xosé Antonio Perozo e Andrea Maceiras, moderadas/os por Ledicia Costas.
18:00 h. Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo asinan exemplares de Caer de cu polo universo na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Presentación de Mar de invernía, de Héctor Pose, e De Arsenio a Arsenio, de Xan Fraga, publicados por Phottic.
19:45 h. Presentación de Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, de Marilar Aleixandre, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Mercedes Queixas e Francisco Castro.
20:00 h. Cesáreo Sánchez Iglesias asina exemplares de Tempo transfigurado, publicado por Kalandraka, na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Concerto-presentación de Os fíos do querer, por Cé Orquestra Pantasma, no palco da música.
20:30 h. Presentación de Unha ducia de galegos, de Víctor Freixanes, reeditado por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Tamara Montero, Belén Regueira e Francisco Castro.