Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Iria Misa

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro arredor de Segredos no Solpor, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020, que guiou Iria Misa o domingo 6 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020

Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra.

Hai inscrición previa, de balde, até cubrir 24 prazas para cada roteiro.
A inscrición farase no correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando o nome da ruta, os nomes das persoas participantes (un máximo de 4 prazas por reserva) e un número de teléfono de contacto. Será obrigatorio o uso da máscara. Pedimos responsabilidade a quen faga as reservas para que poidan participar o maior número posíbel de persoas interesadas na actividade.

Os roteiros son os seguintes:
Baiona. 6 de setembro, Iria Misa: Roteiro arredor de Segredos no Solpor. De 11:30 a 13:00. Punto de partida: Praza de Abastos de Baiona, Rúa Carabela Pinta, 9.
Vilagarcía de Arousa. 13 de setembro, Marcos Calveiro: O xardineiro dos ingleses. De 11:30 a 13:00. Partida: Cemiterio dos Ingleses. Avenida de Pontevedra.
Cerdedo-Cotobade. 20 de setembro. Calros Solla: Ruta literaria e etnográfica por Cerdedo. De 11:00 a 13:15. Partida: Praza da Igrexa de Cerdedo (Antiga Praza da República). Traslado en vehículo particular nalgún punto da ruta.
Ponteareas. 27 de setembro. Manrique Fernández. Ruta literaria por Ponteareas. De 11:30 a 13:00. Partida: Casa do Concello de Ponteareas.
Pontevedra. 4 de outubro. Xosé Monteagudo. Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos. De 11:30 a 13:00. Partida: Praza da Peregrina.
Vigo. 11 de outubro. Anselmo López Carreira. Ruta sobre o Vigo medieval. De 11:30 a 13:00 h. Partida: Fronte á Casa do Concello de Vigo, no pé das escaleiras da subida ao Castro.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Iria Misa: “Segredos no Solpor é a primeira novela que escribín”

Entrevista a Iria Misa en Balea Cultural:
“(…) – Balea Cultural (BC): Que imos atopar en Segredos no Solpor?
– Iria Misa (IM): Pois unha historia cargada de misterio que transcorre entre as paredes dun hotel dunha vila costeira. Amores de verán, festas e viaxes a praia… tamén segredos do pasado e do presente: dos que nacen para protexerse da incomprensión e dos que agochan o peor de nós como humanos e como sociedade.
– BC: Cal é a gran diferencia entre Segredos e a túa obra anterior? Por exemplo, respecto á exitosa Xa non estou aquí.
– IM: De momento teño dúas obras publicadas e aínda que considero que conflúen en puntos –a franxa de idade á cal val dirixidos, por exemplo– tamén son diferentes. Xa non estou aquí é para min unha novela un chisco máis escura. Coido que a mensaxe que transmite é de desalento, aínda que a súa forza nace tamén de aí, do descarnado dos sentimentos que reflicte. Pola súa banda, Segredos no Solpor, a pesar da crueza dalgúns dos temas que nela se tratan, ten un carácter máis amable. O escenario do verán, a praia, as vacacións… Quero pensar que transmite a importancia das segundas oportunidades. Creo que chama un pouco máis á esperanza, a pesar das situacións adversas que se dan na historia.
– BC: Que temáticas che gusta tratar nos teus libros? E xéneros?
– IM: Non me poño límites, non hai certos temas que para min teñan prioridade por riba doutros. Si que é certo que moitas veces me sorprendo a min mesma con ollo observador, recollendo información de aquí e de alá sobre cousas do noso presente que me remexen por dentro. Mais non é algo consciente. Escribo sobre o que me apetece dependendo da idea que se me ocorre. E as ideas ocórrenseme a saber como. Non sei por que pasa, pero cando pasa é moi emocionante. Préndese unha faísca e nace unha historia que se espalla coma un lume.
– BC: Como empezaches a escribir, ou a pensar en publicar?
– IM: Comecei a escribir cando estaba rematando a carreira, supoño que por imitación: les moito, acabas escribindo. Apareceron historias e con elas a gana de sacalas adiante, pero recoñezo que ao primeiro andaba desorientada e non sabía ben como. Non me decataba de que o único que tiña que facer era sentar e botarlle horas, pero sempre había algo que facer. Entón chegou un punto da miña vida que todo se calmou, atopei mans amigas que me guiaron e ata hoxe. Alienáronse os astros. A miña primeira publicación veu da man dun premio. (…)”