Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Os Paseos pola Coruña Literaria constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

Terán lugar os sábados indicados para cada paseo, de 12:00 a 13:30 h., aproximadamente.
Están dirixidos a maiores de 16 anos e son gratuítos para as persoas interesadas (hai un límite de 55 prazas por paseo).
É necesaria a inscrición previa, que se abrirá a partir das datas indicadas para cada un dos paseos. Pode facerse dos seguintes xeitos:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora.
– No teléfono 981 189 888 (a partir das datas indicadas para cada paseo).
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

  • Sábado 8 de setembro (a partir das 12:00 h): paseo con Antonio Tizón, Un home estraño. A inscrición ábrese o 3 de setembro a partir das 09:00 h.

O primeiro dos paseos pola Coruña literaria neste outono de 2018 terá unha das figuras máis destacadas da literatura galega actual, Antonio Tizón. Será un percurso literario, político e musical pola Coruña de 1980, polos escenarios máis significativos onde se desenvolve a acción de Un home estraño, da man do seu autor.

  • Sábado 22 de setembro (a partir das 12:00 h): paseo con Diana Varela, Mulleres donas do seu soldo. A inscrición ábrese o 10 de setembro a partir das 09:00 h.

A escritora e avogada Diana Varela proponnos unha viaxe que entretece literatura e dereito a través de nomes propios e oficios enraizados na cidade.

Será unha viaxe que entretece literatura e dereito a través de nomes propios e oficios enraizados na cidade. Desde Emilia Pardo Bazán e o seu libro La tribuna, que trata o traballo das cigarreiras, que camiñaron á par das cerilleiras e pescantinas na historia da cidade, até Victoria Kent e Clara Campoamor, profesionais do dereito e mulleres fundamentais para a historia da democracia en España e a loita feminista.

  • Sábado 20 de outubro (a partir das 12:00 h): paseo con Antía Yáñez, arredor de Senlleiras. A inscrición ábrese o 8 de outubro a partir das 09:00 h.

Un percorrido pola Coruña dos anos 30 e as súas singularidades que ambienta a novela Senlleiras. A autora amosaranos os principais escenarios desta novela, recente gañadora do II Premio Illa Nova: os edificios modernistas, a antiga sede de A Nosa Terra, a localización dos hoteis desaparecidos…

  • Sábado 27 de outubro (a partir das 12:00 h): paseo con Olga PatiñoA Cidade Vella. A inscrición ábrese o 15 de outubro a partir das 09:00 h.

Este vai ser un percorrido pola luz das pedras. Por esa luz subterránea que nos achega ao bafo dos ancestros. Para a paisaxe invisíbel do tempo está a voz d@s poetas, cuxas pegadas nestas pedras da Cidade Vella foron e son capaces de facer o instante eterno, de vagar pola sinuosidade do vento e achegármonos á hora involuntaria do asombro nas pálpebras dos soños certeiros…

Burela: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 1 e 2 de setembro

O domingo 2 de setembro remata a Feira do Libro de Burela, que estará aberta na Praza da Mariña, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 1
19:00 h. Presentación de Senlleiras, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia.
20:30 h. Presentación de Conserveiras de Celeiro, de Carlos Nuevo Cal.
21:00 h. Presentación de Hai mulleres, de Otero Regal.

Domingo 2
20:00 h. Presentación de Crua e Nua, libro de poemas ilustrado de Suevia Figueroa e Otto Treto.

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 1 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

11:00 h. Acto de inauguración. Presentación e lectura do pregón a cargo de Xavier Senín.
18:00 h. Antía Yáñez asina exemplares de Senlleiras, publicado por Galaxia.
18:00 h. Charla ilustrada: Os libros recuperados de María Victoria Moreno. Coa participación de Susana Sánchez Arins, Eli Ríos e Xavier Senín, e ilustracións en directo a cargo de Lara Torres e Lidia Cao.
19:00 h. Presentación de O exército de fume, de Manuel Gago, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado.
19:00 h. Presentación de Caderno de lúas, de María Canosa e Dani Padrón, publicado por Editorial Bululú.
19:00 h. Manuel Miragaia asina Galeguia na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Siro López asina Castelao na arte europea, na caseta de Arenas.
19:00 h. José Julio Fernández Rodríguez asina Clara e o rapto do Solpor e outros libros na caseta de Hércules Ediciones.
19:00 h. Blanca Crespán e Álex Mene asinan A raíña das tortas na caseta de Alvarellos Editora.
19:45 h. Na carpa infantil presentación de O segredo da vella libraría, de Xabier López López, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o ilustrador do volume Xosé Tomás, Malores Villanueva e Alba Porral.
20:30 h. Presentación de The Making of, de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o enxeñeiro Xoaquín Lameira, Xoán Antón Pérez Lema, Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.

Antía Yáñez gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2018

Desde Galaxia:
“O sábado 14 na Fundación Barrié de Vigo entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos. A gañadora desta segunda edición foi Antía Yáñez coa novela Senlleiras. A obra narrada dende diferentes tempos, aborda unha custión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres. O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela “conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes”. Ademais, subliñan que “as súas protagonistas, mulleres que teñen que contruír o propio camiño para atoparse a sí mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen”.
Vanesa Santiago, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras. A escultura, ao igual que o ano pasado, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa A banda da Loba, un dos grupos con máis proxección da escea musical galega e que está integramente composto por mulleres.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de camiños e na actualidade reside en Cecebre (Cambre), dende onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios para rapaces e rapazas coa xestión dunha academia. Entre os premios dos que foi merecedora a súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria en 2013, o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos en 2014 e 2017, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre en 2016. Previamente, publicara xa unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), que acadou xa varias reimpresións. Agora a súa nova novela, Senlleiras, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librarías nas próximos semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria. (…)
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), amais de Vanesa Santiago e a propia gañadora.”